Compostela e Pontevedra argallan cadansúa alternativa ás feiras do libro

Compostela e Pontevedra argallan cadansúa alternativa ás feiras do libro
Romaría dos Libros na Praza de Mazarelos (Compostela)
Romaría dos Libros na Praza de Mazarelos (Compostela)  

O Concello de Pontevedra é a única cidade galega que non acollerá a tradicional feira do libro neste 2017. Está a preparar un evento de seu. E o mesmo acontece en Compostela. E na Coruña...


O debate sobre a crise e o devalar das feiras do libro non é novo. Leva instalado no sector moitos anos, e agora empezan a xurdir alternativas nas cidades. 

O calendario das feiras deste 2017, que organiza a Asociación de Libreiros coa Xunta de Galicia, traía unha sorpresa: Pontevedra caía da listaxe. E se a iso lle sumamos os problemas que o Concello de Santiago xa tivera o ano pasado coa organización, o resultado desa crise está a abrollar novos proxectos. 

Novo evento en Pontevedra

En Pontevedra o Concello presentará a semana vindeira un novo evento que "aglutinará ás librarías da cidade e que será unha festa na rúa". Anxos Riveiros, concelleira de Cultura, aínda non avanza detalles do proxecto pois "primeiro presentarémosllo ás librarías e logo ao resto do sector". Pero o seu obxectivo é afortalar a literatura e o libro na cidade, pois "Ponteveda é unha cidade cunha tradición literaria moi forte, cun bulir creativo importante. Hai varios proxectos neste sector que están para saír e queriamos cambiar o chip. De feito desde o Concello xa levamos máis dun ano traballando no programa 'Pontevedra ten un puntazo', de promoción das industrias crativas". 

Anxos Riveiro: "Ponteveda é unha cidade cunha tradición literaria moi forte, cun bulir creativo importante. Hai varios proxectos neste sector que están para saír e queriamos cambiar o chip".

Sen entrar a valorar as tradicionais feiras do libro, aínda que lembra que máis da metade das librarías da cidade non participaban, Riveiro defende a necesidade de "avanzar ao mesmo tempo que avanza a propia cidade, que está a recuperar fortaleza. Sei que o debate das feiras do libro está aí, mesmo houbo charlas ao respecto no Consello da Cultura, pero nós debemos ter capacidade de mover ficha de xeito autónomo". 

O sector na cidade, afirma Anxos, é moi dinámico, "abren novas librarías  como espazos culturais moi vivos, con eventos especiais, que tamén lle dan acubillo a outras artes, como a música, saíndo dos formatos tradicionais. E temos que aproveitar todo iso". 

Semana do Libro en Compostela

Pola banda do Sar, Francisco Macías -presidente de Compostela Literaria e director de Edicións Positivas- anunciaba hoxe no seu perfil de Facebook que se celebrará na cidade a primeira edición da Semana do Libro en Compostela (SELIC) do 2 ao 11 de xuño na Praza da Quintana. 

Francisco Macías: "Queremos facer un evento que vaia máis aló deses días que continúe o resto do ano, mesmo que teña trascendencia europea"

Logo dos desencontros entre Concello de Santiago e a Asociación de Libreiros o ano pasado, o goberno de Compostela Aberta está a traballar xunto co sector nun evento alternativo en cuxos contidos empezarán a traballar a partir de agora. 

Segundo Macías, representante dunha asociación que xa organizou con éxito as Romarías dos Libros en Mazarelos, "queremos facer un evento que vaia máis aló deses días que continúe o resto do ano, mesmo que teña trascendencia europea". E non é imposible, asegura, "só hai que ver a Semana Negra de Xixón, e iso que Xixón non ten a cantidade de visitantes que ten Santiago. E nós temos unha libraría especializada en feminismo, outra en poesía, outra en relixión, outra en cine..." 

Abecedaria na Coruña

En 2015 xurdiu tamén unha alternativa na Coruña. Chamouse Abecedaria e celebrouse no mercado de San Agustín do 17 ao 20 de decembro, aínda que en 2016 non tivo continuidade. Xan Arias, presidente da Asociación de Editores da Coruña, organizadora do evento, afirma que neste 2017 si terá lugar de novo: será en novembro e contará co apoio do Concello. 

Segundo Arias, a novidade desta proposta "é o entorno, está nun edificio emblemático, e é unha feira pequena pero moi dinámica e con moitas actividades paralelas". Ademais, premian a persoas ou organismos que traballen a prol do libro. En 2015 galardoaron á Biblioteca de Estudos Locais e en 2017, adiantan, o honrado será Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex presidente da Academia Galega. 



x