HOMENAXE DA AELGA A UNHA "OURIVE DAS PALABRAS" NA SÚA TERRA

“Confórtame ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tantos anos”

“Confórtame ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tantos anos”
A escritora, a carón do monólito da praza de Ferrol
A escritora, a carón do monólito da praza de Ferrol  

Pilar García Negro recibiu esta mañá na cidade de Lugo a homenaxe organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega –Aelga- co gallo da vixésimo terceira edición da súa iniciativa anual A Escritora na súa Terra-Letra E.


Nun salón de plenos consistorial ateigado de persoas e “a rebordar de afectos”, tal como o definiu o presidente da Aelga, Cesáreo Sánchez, a protagonista manifestou o seu agradecemento á entidade e á encargada de realizar a laudatio, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e expresou o seu nerviosismo e preocupación previas ao acto “por non aburrir a tantas amigas e amigos”.

García Negro só tivo palabras de agradecemento para as persoas presentes e asegurou que “o que me conforta é ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tanto tempo”. Así, en concreto, asegurou que “partillamos obxectivos concretos sobre a difusión práctica da lingua galega, a ampliación de obras de literatura no noso idioma, o pulo a un maior coñecemento de nós propios, da nosa historia… En fin, foi un acto moi esperanzador porque te encontras moi arroupada”.

A escritora luguesa quixo relativizar as palabras que os seus compañeiros e compañeiras dixeron ao longo do acto “porque ben sei que son hipérboles do cariño”; porén, expresou a súa intención  de seguir traballando nos anos seguintes “para estar á altura deste recoñecemento” á “ourive da lingua”, en definición do presidente da Aelga, Cesáreo Sánchez.

O xantar de confraternización puxo fin a un programa que non se limitou ao acto do Concello. Deste xeito, ás 11,30 horas, a praza de Ferrol acolleu o descubrimento do monólito conmemorativo e a plantación da árbore, neste caso un magnolio, elección da propia homenaxeada.



x