TAMÉN PIDE ACTUAR NO MUSEO CARLOS MASIDE DE SADA

O Consello da Cultura Galega esixe protección para Centro Galego de Bos Aires

O Consello da Cultura Galega esixe protección para Centro Galego de Bos Aires
Imaxe do Centro Galego de Bos Aires o día en que morreu Castelao.
Imaxe do Centro Galego de Bos Aires o día en que morreu Castelao.  

O patrimonio galego relacionado coa emigración e o exilio atravesa intres delicados. O Centro Galego de Bos Aires, obra fundamental de milleiros de galegas e galegos que marcharon á procura dunha vida mellor, atópase en venda. E o Museo Carlos Maside, vencellado ao grupo Sargadelos, e que abeira unha das mellores coleccións de pintura galega do XX, pechado e cuxa conservación se atopa en risco. O Consello da Cultura Galega aprobou esixir á Xunta a máxima protección posíbel para ambas as dúas insitucións.
 


O plenario do organismo estatutario, que preside o historiador Ramón Villares, considera “un legado impresicindible que merece o máis alto grao de protección xurídica para garantir a súa integridade e a súa conservación no futuro” o patrimonio cultural que abeira o Centro Galego da capital arxentina. Fundado en 1907, unha biblioteca de máis de 20.000 volumes e obra pictórica de Luís Seoane, Carlos Maside ou o propio Castelao -o célebre A derradeira lección do mestre, entre outros- conforman os elementos máis vistosos dos seus fondos.

 

“O informe [do Consello da Cultura] non pretende entrar na situación inmobiliaria e de xestión do centro”, afirma a nota de prensa remitida aos medios de comunicación, “senón na relevante manifestación material e inmaterial, mesmo simbólica, da cultura de Galiza”. O Consello lembra que a Lei de Galeguidade de 2013 e a de Patrimonio Cultural poden servir de apoio para “garantir que este legado cultural e inmaterial manteña a súa integridade”.

 

Declarar BIC o Museo Maside


O Consello da Cultura Galega ten, por lei, función asesora dsas políticas culturais. Outro dos documentos que aprobou o seu plenario a pasada terza feira refírese á situación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, no Castro, Sada. “Cómpre aplicarlle a protección propia dos Bens de Interese Cultural (BIC)”, indica. “Edificio e colección merecen a protección necesaria para garantir a súa permanencia e preservación”, engade, “xa que a colección de arte só se comprende e pode ser asumida no marco dese edificio”.

museo-carlos-maside-museo-galego-de-arte-contemporanea-directorio-totenart

O Carlos Maside fundouse en 1970 asociado ao renovado proxecto Sargadelos, cuxos cerebros foron Isaac Díaz Pardo e o pintor e intelectual exiliado Luís Seoane. Contén unha das máis importantes coleccións de pintura dos anos trinta -os tamén chamados Renovadores, Maside, Colmeiro, Seoane ou Laxeiro- e pezas dos máis importantes artistas galegos do séxulo XX: Maruja Mallo, Xesús Corredoyra, Eugenio Granell ou Urbano Lugrís. O conflito accionarial en Sargadelos, que rematou co afastamento da dirección de Díaz Pardo e a súa familia a finais da pasada década, deixou o centro nun limbo.

 

“Tamén consideramos que unha adecuada xestión do Museo Carlos Maside esixe dotalo dunha personalidade xurídica única que garanta non só a preservación dos seus contidos senón tamén a súa posta en valor, a difusión e o enriquecemento dos seus fondos”, conclúe o Consello da Cultura Galega.

 

Nota: imaxe do Museo Carlos Maside do Castro, en Sada. Foto: cedida.



x