Consternación na rede pola morte de Sabela Labraña

Consternación na rede pola morte de Sabela Labraña
Sabela Labraña
Sabela Labraña  

O pasado día 26 a profesora de galego da Universidade de Barcelona Sabela Labraña morría por mor dun accidente no fogar. Será soterrada en Cedeira -como era o seu desexo- o día 30 ás 16 horas. A súa conta de Facebook convertiuse nun muro conmemorativo onde alumnos e persoas da cultura lle están a dar o seu último adeus. 


“Unha excelente profesora que conseguía transmitirlle aos seus alumnos unha enorme paixón pola lingua e a literatura galega, converténdoos en persoas moi comprometidas con Galiza”. Así a define Helena González, profesora da Universidade de Barcelona que compartiu docencia con ela durante moitos anos até a súa xubilación en xuño deste ano, cando se lle fixo unha emotiva homenaxe. 

González salienta que a combinación de docencia, investigación e activismo “conforma todo o seu perfil vital”. A nivel humano, “ninguén tiña coma ela a capacidade para crear vínculos positivos”. Logo da súa inesperada morte, o seu perfil de Facebook convertiuse nun improvisado muro onde alumnos e persoas vencelladas coa cultura galega lle dedican unhas palabras a unha mestra que deixou unha fonda pegada na comunidade galega en Cataluña. Nel expresaron a súa dor e amosaron as súas condolencias desde amigos da familia até persoas da cultura, como a propia Helena González, Henrique Monteagudo, María do Cebreiro ou o director xeral de Política Lingüística, Valentín García. 

Labraña entrou na Universidade de Barcelona xunto con Helena González, sendo as primeiras lectoras de galego sendo Basilio Losada o catedrático da área. Logo convertiuse en profesora da UB, impartindo aulas e investigando sobre fonética cos profesores Eugenio Martínez Celdrán e Xosé Regueira. Como segunda vía a nivel investigador, Labraña  dedicouse á sociolingüística, cara onde canalizou o seu activismo a prol da lingua, con proxectos como Galauda, que promovía a aprendizaxe da lingua e da literatura galega en centros de ensino secundario de Cataluña, do que sae o proxecto Vencello, un manual para aprender galego para persoas non galegas. Adaptou ao galego o manual Introducción á fonética. O son na comunicación humana, de E. Martínez Celdrán (2002).