UN TEXTO DE ANTÓN LOPO IN MEMORIAM

Cortegoso, unha voz que reparte tesouros

Cortegoso, unha voz que reparte tesouros
Fran Cortegoso
Fran Cortegoso  Foto: Iván Barreiro.

Reproducimos a seguir un texto do escritor e xornalista Antón Lopo, colaborador de Sermos, sobre o poeta Fran Cortegoso, cuxa morte esta cuarta feira produciu unha forte conmoción na cultura galega. Lopo é un dos impulsores de Chan da Pólvora, a editora de Suicidas, o derradeiro libro de Cortegoso.


O relato sucedeu ao revés, como nunha historia grega. Eu non debía estar escribindo isto agora. Francisco Cortegoso debería estar vivo. Suicidas non debía ser a súa derradeira obra. Chan da Pólvora debía terse inaugurado cos seus poemas. El debía seguir en París, na Provenza ou restaurando a vella casa do seu compañeiro Iván no Bulso, cerca de Monforte, onde quería retirarse para escribir novelas e contemplar a floración das uces. “Por fin”, dicía, “seremos veciños”. Namorárase da Ribeira, desa terra salvaxe na Mesopotamia galega que se estende entre o Miño e o Sil, á sombra dos neveiros da Meda, dos tesos do Courel e dos cimos mineiros do Incio. Pero a realidade sempre é imprevisible. Moito máis imprevisible que a literatura.

Todo comezou cun erro da sanidade de Francia, país ao que emigrara porque en Galicia [como tantos rapaces preparados] non encontraba traballo. En maio do 2015, ante a inflamación duns ganglios no pescorzo [que comezou a preocuparlle], Fran acodiu ao médico e diagnosticáronlle unha adenopatía, solucionable mediante unha sinxela operación. Porén, a operación era inviable de forma inmediata [porque Fran tiña problemas coa carta vitale, a tarxeta sanitaria francesa] e durante uns meses estivo seguindo un tratamento erróneo. Cando en agosto do pasado ano regresa a Galicia [co ganglio no pescozo en crecemento descontrolado], os médicos non tardan en diagnosticarlle un cancro linfático. Son optimistas ao primeiro pero logo ningún dos tratamento logra remitir o tumor. Durante as temporadas de aparente normalidade [periódicas e curtas], aparoveita para escribir. Ou vén a Compostela [a cidade na que fora inmensamente feliz xunto a Gonzalo Hermo e Alicia Fernández. Ou fai algunha viaxe con Iván ao Bulso, a Italia, a Francia… Nese longo proceso, profundamente doloroso, Fran non decaeu en ningún momento. Revolvíase, caía, levantaba de novo, morría, renacía e loitaba nunha tensión case sobrehumana, propia do heroe rebelde e anticapitalista –nacido da clase media– que o acompañaba. Aínda un día antes da súa morte [o martes], sentado no sofá da súa casa de Bora cos exemplares de Suicidas no colo, saloucaba e mirábame con alampo de futuro, “a ver se desta saio”. “[sobre o meu corpo adolescente esténdese o holocausto]”, escribiu en Suicidas. 

É difícil ler a Fran sen amalo. Miralo sen quedar hipnotizado pola forza do seu sorriso e da súa mirada, envolta nunha provocación lúdica, de atrevemento inocente

É difícil ler a Fran sen amalo. Miralo sen quedar hipnotizado pola forza do seu sorriso e da súa mirada, envolta nunha provoación lúdica, de atrevemento inocente. Cando me deu a ler os seus primeiros poemas, no 2008, para un monográfico de Revista das Letras, decateime que estaba ante un poeta en estado de flotación singularizada, cuns versos que non tiñan nada que ver co que estaban escribindo os seus contemporáneos. Nese conxunto de textos, que titulamos “Ningún home”, agromaban os poemas de Suicidas, que era o seu primeiro poemario, se ben o Suicidas que editamos en Chan da Pólvora está nutrido de experiencias máis recentes, literarias e vitais. O groso do libro escríbeo entre os vinte e os vintecinco anos, pero só nos últimos meses [entre tratamento e tratamento de quimioterapia] o compacta como un conxunto apaixonado e desconcertante. Posterior cronoloxicamente é Memorial e danza, o libro co que gañou no 2013 o Premio Pérez Parallé, aínda que aparecese publicado antes. Con todo, estes dous títulos comparten a concepción esixente e radical dun escritor que consideraba a poesía a máis elevada honra á que podía aspirar calquera.

Os textos de Suicidas, xurdidos dunha lectura de distintos escritores que se suicidaran, son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos. Para el, a literatura debe transmutar esa violencia. A través de sintaxes inflamadas e atmosferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser. «O verdadeiro problema da poesía», aseguraba, «é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poida acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. Iso é o que os meus versos combaten».

Con Suicidas, Francisco Cortegoso coloca aos lectores fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas

Francisco Cortegoso coloca aos lectores fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas. Os que se acheguen a este libro non quedarán indemnes, hipnotizados por un volume onde a linguaxe esculca a forma estrema [radical e ao tempo harmónica] de encaixar perfectamente a idea na palabra que a transmite. Ao seu ver, a morte dos escritores suicidas é a consecuencia de que “non recoñeceron a forza tremenda da linguaxe”, o cal os obrigou a retomar “a memoria como todo absoluto”, decisión que finalmente os conduce á aniquilación. O seu libro «pescuda unha vía á marxe das totalizacións, tanto a da nada como a do ser», para atopar «unha linguaxe alternativa».

Durante as últimas semanas, en que estivemos revisando e recolocando Suicidas, mantivemos longas conversas, sobre todo literarias, ámbito no que el se amosaba escintilante e incontestable. En medio daquel caos envolvente, coa morte anunciando a súa visita cada tarde en forma de estertor farínxeo, só unha cousa sucedeu como debía suceder: a poesía: Fran viu o seu libro: apalpouno, folleouno, aspirou o seu cheiro a imprentación recente e xogou a adiviñar como a crítica o recibiría… “Cres que o entenderán?”, preguntábame no cuarto do hospital cos seus ollos de ría de Pontevedra con Tambo ao fondo e Ons no Horizonte. Eu sorría: “¡Que cousas tes! Es un poeta sublime, unha columna, un palacio, unha voz que camiña repartindo tesouros”.



x