Silk Road, a banda da que fai parte Cristina Pato, gaña o Grammy ao mellor álbum de ‘world music’

Silk Road, a banda da que fai parte Cristina Pato, gaña o Grammy ao mellor álbum de ‘world music’
cristina pato gaita
cristina pato gaita  

Silk Road Ensemble gañou o Grammy ao mellor álbum de ‘world music’ grazas ao seu traballo ‘Sing me home’.


Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, grupo que ten entre os seus integrantes Cristina Pato, gañou o Grammy ao mellor álbum de ‘world music’ con ‘Sing me home’, que se estreou o pasado mes de abril. Este disco inclúe unha nova versión de ‘Cabaliño’, canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do ‘Rústica’ (proxecto no que tamén participou Cristina Pato) Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña.

O album explora a sempre cambiante idea de fogar a través de melodías folk tanto tradicionais como orixinais interpretadas polo Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma, e unha variedade de salientables artistas convidados, que ademais dos músicos galegos, inclúe outros artistas de renome como Gregory Porter, Sarah Jarosz ou Abigail Washburn.

O album foi desenvolvido e gravado en paralelo a The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o documental do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, que se estreou en xuño nos cinemas de todo o mundo.  Este filme tamén optaba ao Grammy mellor filme musical, que rematou gañando ‘The Beatles: eight days a week the touring years’, onde tamén competía o filme de Beyoncé ‘Lemonade’

.Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo Wall Street Journal, a súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega.

Desde xaneiro deste ano, Pato imparte clases no Departamento de Música da Universidade de Harvard como “artista distinguida” nun curso sobre etnomusicoloxía.