ENTREVISTAMOS CARLOS CALLÓN

“A cuestión da homosexualidade está presente nos inicios do amor cortés”

“A cuestión da homosexualidade está presente nos inicios do amor cortés”
[Imaxe: Pauloff] Carlos Callón
[Imaxe: Pauloff] Carlos Callón  

Carlos Callón regresa á investigación sobre a homosexualidade na Idade Media con importantes achados de novos textos no trobadorismo galego que falan de homosexualidade e lesbianismo. Publicouno na súa tese de doutoramento, titulada As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego e dirixida por Pilar García Negro e Manuel Ferreiro, que foi presentada e aprobada coa máxima nota o pasado 21 de xullo na Universidade da Coruña. Entrevistámolo no Sermos Galiza 257.


3A túa tese vai obrigar a rectificar parte da historia do trobadorismo galego e tamén do europeo, que nos dá conta dunha Galiza medieval máis diversa e menos conservadora do que criamos.

Que conste que eu sobre todo o que fago é traballar a partir do que eran notas marxinais doutras investigadoras e investigadores e unha vez que as xuntamos decatámonos de que a imaxe que dan é outra diferente. Evidentemente hai un traballo de lectura de toda esta xente, e de elaboración, pero non parto de cero en ningún caso, senón do traballo doutras persoas que investigaron o trobadorismo, a historia da sexualidade, do feminismo e dos estudos LGTB. Digamos que o fundamental é o que nos din as fonte de verdade, sen tentar proxectar o que quereriamos que dixesen ou os prexuízos do presente. Que obriga a rectificar? En primeiro lugar, debería evidenciarse nos manuais que a cuestión da homosexualidade como tendencia afectiva da humanidade está presente nos inicios do amor cortés. A novidade do amor cortés é que de repente a misoxinia non permitía que a muller se convertese nun elemento de adoración e do amor. Aí o elemento da misoxinia é fundamental, e tamén hai que falar diso, de como é o proceso de discriminación das mulleres. E, sobre todo, hai algo sorprendente, e para o cal non hai resposta a día de hoxe, que é por que razón aparece o amor cortés se as mulleres non mudan a súa situación social. En realidade é unha forma máis de distanciar ese obxecto. Logo, tamén é importante dicir que aínda a partir da idealización da heterosexualidade e da aparición do pecado da sodomía a partir do século XI, continúan a existir durante un tempo aínda poesía amatoria, da cal conservamos só algúns restos. E tamén aparece a homosexualidade a nivel satírico, pero cunhas sátiras que non din o que ás veces os investigadores contemporáneos entenderon. Pensemos que mentres os códigos relixiosos e civís condenaban a morte a partir do século XI, no noso trobadorismo encontramos críticas case de colegas. Hai pequenas burlas, que ás veces poden ser máis crúas ou máis zafias, mais entre o asasinato e meterse un pouquiño cunha persoa… [risos].

 

Na investigación supoño que fica moito camiño aberto porque é fundamental a perspectiva.

 

Exacto, cando vexo investigadores de referencia, como Foucault, por exemplo, coa súa magna historia da sexualidade, eu ás veces pensaba, con humildade, que mágoa que el non coñecese estes textos. Porque seguramente o comezo da súa historia da sexualidade sería diferente, porque cousas que el identificou na idade contemporánea, en realidade nos textos medievais galegos xa está. Non debemos tratar a nosa literatura medieval como un resto arqueolóxico, porque ten unha información a nivel antropolóxico, social e histórico que é moi valiosa.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 257, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x