300 PERSOAS NA ENTREGA DO PREMIO GALIZA CULTURA

A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha "figura imprescindíbel"

A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha "figura imprescindíbel"
Rodríguez sostén o premio Galiza Cultura
Rodríguez sostén o premio Galiza Cultura  

Hai múltiples Francisco Rodríguez. Todos e cada un deles foron homenaxeados no acto de entrega do Premio Galiza Cultura. Por volta de trescentas persoas acudiron a un restaurante do ferrolán bairro de Serantes -o paraíso da infancia de Rodríguez- para render tributo a unha figura "imprescindíbel, única e irrepetíbel", epítetos que compuxeron o retrato que del fixo Pilar García Negro, a presidenta da Federación Galiza Cultura, a entidade que instituíu un premio convocado por 12 entidades e ao que se adheriron outras 40. Todo o tecido cultural nacional galego, auto-organizado e de base do país.


Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. "Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país", evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.

Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Federación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta.

Foi un festín da nostalxia, un acto para a recreación saudosa do pasado? En absoluto. Houbo, claro, evocación. Houbo recordacións de episodios e lances do Rodríguez mozo, do Rodríguez novo, do Rodríguez xa máis maduro, tamén do Rodríguez máis recente. Mais houbo vontade expresa por parte de todas as persoas que tomaron a palabra no acto de ollar para o futuro, onde habita ese país por conquistar co que se comprometeu Rodríguez hai cinco décadas, no principio de todo.

 

20170422_191906

 

Esclareceuno na súa intervención -a penúltima, a que fechou o acto foi a do propio Francisco Rodríguez- Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura, cando explicou que non por acaso a lenda do premio era "50 anos ao servizo da cultura galega". "Foi en 1967 cando Francisco culminaba a súa licenciatura na Complutense. Nese momento tomou a decisión de retornar a Galiza", dixo. Un retorno-compromiso co país, coa súa lingua e coa súa cultura, e cunha intención clara entre cella e cella: a construción dun movimento político que devolvese a dignidade a Galiza.

O acto estivo en todo momento tinxido de emoción. A que lle puxeron, ao termo do xantar, as intervencións das distintas persoas oradoras. A primeira en tomar a palabra foi Nemesio Barxa, avogado ourensán, membro do consello de administración de Sermos Galiza e presidente da asociación cultural Auriense xa á altura de novembro de 1967.

20170422_173619Barxa optou por facer un perfil "humanístico" de Rodríguez, dun Rodríguez de pouco máis de 20 anos. "Coñecín Francisco Rodríguez a finais dos anos 60 sendo profesor de instituto. Chegou con esa inocencia que aínda conserva e a mirada picaresca que os anos non acabaron de borrar", relatou e con ironía apuntou: "Vino co desleixo dun pobriño que chegaba por aí, así que pensei que o debía tomar baixo a miña protección". Risos xeneralizados.

Aquel mozo comezou a frecuentar a tertulia que Barxa organizaba nas sobremesas na súa casa, mantel e conversas que partillaba con xigantes como Blanco Amor ou, de cando en vez, Manuel María. Non demorou en advertir Barxa que "baixo a súa aparencia algo fráxil o que se agachaba era un espírito realmente indomábel".

A completar o retrato do Francisco Rodríguez en Ourense como motor da Auriense dedicou tamén as súas palabras Norberto Tabares. "Foi a alma da asociación nos primeiros anos 70, daba cursillos en galego, trouxo a falar a xente moi significativa e logo estaba o aspecto humano, Paco suscitaba moitas simpatías e adhesións entre as alumnas e os alumnos".

Da man de Rodríguez, enfatizou Tabares, "toda unha xeración entramos en contacto coa cultura galega". E esa tamén foi a porta para abrazar o compromiso coa política e coa causa nacionalista.

O profesor Rodríguez apareceu evocado no discurso de Xoán Carlos Garrido, filósofo e integrante da Asociación Cultural Vagalumes de A Estrada. Falou en parte como representación da ampla nómina de ex alumnas e alumnos del, algúns deles -como Goretti Sanmartín- presentes no xantar. En todo caso, Garrido precisou: "El non me trouxo á política. Eu xa estaba nela, aínda que organizado noutros espazos. Tardei en caír da burra", brincou. 

Ter a coraxe de respeitar as discrepancias -Garrido era daquela discrepante, "agora xa non o son", dixo entre os risos do auditorio. E alimentar todas as expresións do activismo social, desde o ecoloxista, a loita contra os encoros, até o lingüístico. Todo iso aprendérono as alumnas e os alumnos de Rodríguez nos seus anos de profesor na Estrada.

 

20170422_175500E, mais unha vez, o factor humano. Tal e como tamén explicara Nemesio Barxa na súa evocación ourensá, na Estrada anos depois "Paco era moi querido" e, de feito, "cando fixo falta o demostrou moita xente, con aquela prisión extemporánea absurda de finais dos 80 [acusado de queimar unha bandeira española estivo na antiga prisión da Coruña], daquela mobilizarase toda a cidadanía, todo o alumnado do instituto da Estrada. Puxemos una faixa xigante, do terceiro piso ao baixo, en que se lía Paco, Liberdade".

O Francisco Rodriguez investigador e estudoso da literatura galega apareceu no discurso de Xoán Costa, presidente da ASPG e do consello de administración de Sermos Galiza. Costa salientou que "Rodríguez é membro da ASPG desde o principio" e que a el se deben proxectos de tanta dimensión como a Historia da Literatura Galega, unha iniciativa que nacía coa pretensión de mesmo superar a única que até aquel momento se realizara desde a dignidade e o amor ao obxecto de estudo, a de Ricardo Carvalho Calero. E logo está, sempre está, Rosalía. "Francisco Rodríguez colocou Rosalía no meio do quefacer da ASPG", dixo, non só coa publicación da súa tese de doutoramento e posteriormente coa edición de Estranxeira na súa patria, senón tamén co lanzamento de formatos rosaliáns novidosos, desde o musical até o videográfico.

20170422_180210E non podían faltar as amizades. Non hai vida digna de ser vivida sen amizades. Pediu a palabra para falar do "Paco amigo" un vigoroso home de 88 anos. Balbino Pérez. De Vigo. "Este é un día grande para Galiza, aínda que moitos dos que están aí fóra e que teñen o poder nin o mencionarán", dixo. 

"Falábase de que ía vir de Ourense un profe que só falaba en galego. Iso creou unha grande conmoción, unha transformación de coherencia sobre o idioma", relatou na súa quenda César Varela, profesor que partillou aulas con Rodríguez no instituto de Cangas de Morrazo. "Criouse un ambiente tal que unha vez veu falarme unha muller para me dicer: que lle pasa á miña filla? Que lle pasa? Só fala galego e fíxose vexetariana", dixo, para xolda xeral do auditorio.

20170422_172646Non só houbo discursos. Tamén houbo música. Servida por algúns dos componentes de Tempos 4. Tocaron con talento e sensibilidade composicións especialmente caras para Rodríguez, de Rosalía e de Pondal. E até facturaron dúas estreas, Muitas veces nos matos nativos e Carballos de Carballido, ambas do vate de Ponteceso, vigorosamente interpretadas por Alberte López e Xoán Padín. A vocalista Lidia Castrillón deu voz aos versos rosaliáns en Miña Santa Margarida. O combo completábao aos teclados André Pazos, autor tamén da música de todas as pezas.

Foi Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura, a que tomou a palabra imediatamente antes de que as e os representantes das distintas entidades convocantes do acto a arroupasen para facer entrega do premio ao homenaxeado. Nun discurso cheo de emoción -"este é un día feliz"- compuxo un retrato de Rodríguez como un mozo que con apenas 22 anos asume a frase de Chao Rego, "Eu Renazo Galego", e adquire un compromiso coa nación galega que xa non ten volta atrás.

García Negro puxo o acento na capacidade criadora de Rodríguez, na súa determinación por construír a partir practicamente do nada, como deu pasado dunha "galeguidade furiosa" -perante a inexistencia do país- a unha "galeguidade organizada". Dúas palabras de orde clave para o futuro do nacionalismo galego -"auto-organización" e "auto-responsabilización"- son as que Rodríguez asume como propias para pór en marcha o lanzamento dun proxecto político a construír virtualmente desde cero.

20170422_183240A profesora García Negro ponderou tamén o Francisco Rodríguez intelectual, o pensador, o traballador da cultura galega, o incansábel pronunciador de palestras. E o escritor. Os seus textos "non envellecen", continúan plenamente actuais, o signo distintivo que caracteriza "os clásicos". "Na súa tesina de Curros, de 1973, hai claves fundamentais non só ao respeito do grande escritor, senón a respeito de nós, as galegas e os galegos, que continúan a teren toda a súa validade", dixo.

Categorías fundamentais na sociolingüística como conflito lingüístico ou normalización nas condicións concretas da Galiza débenlle moito a Rodríguez, salientou García Negro, quen non dubidou en atribuírlle os cualificativos de "imprescindíbel", "único" e "irrepetíbel", epítetos cos que el nunca se sentiría cómodo, alérxico como é a toda toda forma de "egotismo".

Os agasallos foron chegando. Do fotógrafo Manuel Blanco. Da asemblea do BNG de Carnota. Visibelmente tocado pola emoción -após ver todo o auditorio posto en pé no momento de receber o premio Galiza Cultura de mans de Pilar García Negro- Rodríguez tomou a palabra para pór o ramo ao acto.

E aí foi Rodríguez puro. Unha intensa evocación do seu paraíso infantil de Serantes -unha economía autocentrada, con toda a xente a traballar "e cos nenos e as nenas, mesmo os aparvados coma min, a xogar"- deu paso a unha reflexión sobre as transformacións operadas na conciencia social a respeito da existencia da Galiza como nación.

 

20170422_181349

 

"Na miña infancia, eu no escoitaba a palabra Galiza. Era un país sen palabra que o designase, un país anónimo". Ese país sen nome agora ten quen terme del. "Houbo unha tranformación nas conciencias. MInoritaria, si, mais estamos aquí grazas a esas transformacións".

"Fomos capaces de ir recuperando a tradición que había no país de conciencia sobre si mesmo, sobre o seu direito a existir como tal", dixo.

A esa tarefa de construción dunha conciencia galega dedicou as súas enerxías na política e tamén na cultura, sempre co propósito de  "descobrir o agochado e servir proveitosamente a nosa sociedade".

O traballo non foi en van. "Hoxe temos un instrumento", dixo en alusión ao movimento nacional galego, "por máis que necesitamos máis dimensión e máis influencia". 

Como sempre, Rodríguez ollando con optimismo para o porvir. Rodríguez, con confianza "no noso potencial". "Estamos en momentos difíceis, mais tamén estamos en momentos de reduplicar o noso potencial e de confiar no futuro".

20170422_185916Hai capacidade, si, mais tamén hai atrancos. E enumerounos: "A atomización, o desamparo, o desnorte, a hostilidade da propia administración, a falla de credibilidade en nós mesmos".

Serantes ao final e ao principio. O Serantes en que -el aínda neno- había algo estraño no ambiente, non nomeado. A sombra dos mortos e dos torturados. Mais tamén o Serantes en que era posíbel que o Rodríguez cativo vise no cinema Arroz Amargo con Silvana Mangano, privilexio que lle era vedado ás nenas e aos nenos do centro de Ferrol. Ese Serantes símbolo do país puxo o fecho ao discurso de Rodríguez, non sen antes chamar a Federación Galiza Cultura para que este premio teña continuidade no futuro e distinga cada ano persoas e colectivos desacomplexadamente comprometidos coa cultura da Galiza.

Concluía así un emotivo acto convocado por trece asociacións culturais -Alexandre Bóveda (A Coruña), Maio Longo (Pontevedra), Vagalumes (A Estrada), Medulio (Ferrol), A Pomba do Arco (Foz), Francisco Lanza (Ribadeo), Auriense (Ourense), O Castro (Vigo), Altofalante (Ribeira), O Galo (Compostela), a cultural e musical Solfa (Compostela) e a Universidade Popular de Corcubión-, ao que se adheriron outras 40 entidades, tal e como recolle o web da Federación Galiza Cultura, e no que -entre outros moitos, a lista sería interminábel- estiveron presentes nomes da cultura como Vítor Vaqueiro, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Lourenzo, Marica Campo, Isabel Risco, da lingua como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Marcos Maceira, da política como Guillerme Vázquez, Ana Pontón, Goretti Sanmartín, Iván Rivas, Rubén Cela, Avia Veira, Francisco Jorquera, Alfredo Suárez Canal, Olalla Fernández Davila, ben como os alcaldes de Fene, Moeche, San Sadurniño e Carnota; e do sindicalismo como Suso Seixo, Anxo LouzaoPaulo Carril. 

"Non quero Paco no pasado. Quero Paco no presente e quero Paco no futuro", dixo durante o evento o seu amigo Balbino. Unha frase que sen dúbida asinarían todas e cada unha das trescentas persoas que acompañaron Rodríguez na entrega desta primeira edición do Premio Nacional Galiza Cultura.

 



x