A cultura e o feminismo homenaxean a Begoña Caamaño

A cultura e o feminismo homenaxean a Begoña Caamaño
Begoña Caamaño
Begoña Caamaño  

Uxía, Guadi Galego e Guillerme Fernández cantarán na primeira homenaxe a Begoña Caamaño.


 

O perfil de Begoña Caamaño lémbrase tamén desde esta segunda feira coas numerosas mensaxes de dor das súas múltiples amizades e tamén de entidades da cultura e o feminismo nas que ela participou. A despedida desta terza feira ás 15 horas en Boisaca será a primeira das homenaxes que recibirá a escritora e xornalista Begoña Caamaño. Dalgunha maneira, a dor da perda convértese na necesidade da homenaxe a unha muller que tiña no activismo a súa maneira emocionada de estar no mundo. As primeiras en se mover son as críticas da plataforma feminista A Sega que anuncian unha convocatoria aberta a escritoras co fin de renderlle homenaxe á autora mediante a palabra. Desde a Sega queren despedir así a “unha das súas”, de feito, o feminismo e literatura, os dous eixos nos que se asentan, son tamén os que definena á propia Begoña Caamaño.

Respostas a súa xenerosidade

As mensaxes emocionadas non pararon en producirse e difundirse durante toda a xornada, construíndo unha rede ou comunidade de afectos na rede da que ela gozaba en vida. Escritoras, músicas, editores, feministas, activistas en diversas causas... lembraron momentos compartidos e aquela súa forma de vivir con entusiasmo, de comprometerse con alegría, da enerxía e os afectos nos que ela era tan xenerosa. 

“Foi capaz de transgredir modelos e tópicos convencionais para poñer as condicións que permiten avanzar o sistema literario"

“Foi capaz de transgredir modelos e tópicos convencionais para poñer as condicións que permiten avanzar o sistema literario -no que se instalou e ao que contribuíu desde a alta calidade creativa- e, consecuentemente, a sociedade da que fixo parte”, destacan desde a Asociación de Escritores e Escritoras en Língua Galega na súa nota de pesar. “Apagouse a súa vida pero a súa obra é xa inmorrente”, apuntan desde Galaxia, editorial que publicou as súas dúas novelas, Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul

Desde 1989, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega, en especial nas seccións de cultura e sociedade, e a compañía pública emitiu tamén unha nota de pesar pola perda da xornalista que se iniciara na profesión en Vigo, en Radio Popular e Radio Noroeste e tamén na Axencia Galega de Noticias ou El Sol. A súa sinatura apareceu tamén en publicacións como A Nosa Terra, Novas da Galiza, Tempos ou a Festa da Palabra Silenciada dirixida por Mª Xosé Queizán. O Diario Cultural da Radio Galega, dirixido por Ana Romaní, emite hoxe un monográfico sobre a escritora e xornalista que foi tamén membro do seu equipo. 

Corazón encollido

“O feminismo na Galiza hoje temos o coraçom encolhido pola morte da nossa irma Begonha Caamanho mais com força para seguir a tua luita sempre"

“O feminismo na Galiza hoje temos o coraçom encolhido pola morte da nossa irma Begonha Caamanho, mais com força para seguir a tua luita sempre. A melhor homenagem que podemos fazer a Begonha Caamanho é seguir a luitar por uma Galiza nom Patriarcal e Livre”, apuntaron desde Mulheres Nacionalistas Galegas, unha das organizacións feministas que mostrou o seu lamento pola perda da feminista. Desde a Marcha Mundial das Mulleres recoñecen que as feministas galegas perden “hoxe unha das nosas, contigo sempre no corazón e na loita Begoña, obrigadas por todo o que construíches”, escriben. 

A Mesa pola Normalización Lingüística recoñeceu a súa condición de “defensora da nosa lingua, que enriqueceu coa súa recoñecida obra de creación literaria” e as organizacións Ceivar e Que voltem a casa lembran a súa solidariedade cos presos independentistas. 

Tamén diversas organizacións políticas do ámbito do nacionalismo e a esquerda como o BNG, AGE, FPG, Causa Galiza ou Nós UP lamentaron a morte de quen foi unha defensora dos dereitos nacionais e a xustiza social. 



x