A cultura galega conflúe por cuarto ano consecutivo no Convivio en Outeiro de Rei 

A cultura galega conflúe por cuarto ano consecutivo no Convivio en Outeiro de Rei 
(Imaxes: Casa-Museo Manuel María)
(Imaxes: Casa-Museo Manuel María)  

“Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega", salientan desde a organización da IV edición do evento que conmemora a figura de Manuel María.


O tecido cultural e asociativo galego confluíu este sábado na Carballeira de Santa Isabel e na Casa das Hortas, sede da Fundación María, por cuarto ano consecutivo para celebrar o Convivio da Cultura Galega. Unha xornada festiva que busca emular o espírito popular das romarías, coa música como fío condutor, e que ten Outeiro de Rei, vila natal do escritor, como espazo de encontro para creadores e creadoras e para todo o asociacionismo cultural de base que se estende polo país. 
 

Un milleiro de persoas, segundo informa a organización,  encheron un ano máis a Carballeira de Santa Isabel, unha paraxe natural "onde as augas do Río Ladra encóntranse coas do Miño" e que conformou un dos espazos físicos e mentais predilectos da vida e obra do artista galego. 

"Manuel María gastou, literalmente, 'o seu corpo nos camiños' como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do asociacionismo cultural galego"


“Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, 'o seu corpo nos camiños' como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo”, salientan os organizadores do Convivio, impulsado desde a Casa-Museo Manuel María xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela.
 

"Para nosa sorpresa, despois de que o ano pasado supuxera un salto importante, tamén por ser o ano de Manuel María, o lóxico este ano é que baixara un pouco. Pero non foi así, nótase que o Convivio se consolida. Para nós iso é o máis importante. Incrementouse a participación, tanto en número de grupos que quixeron subir o escenario como da xente que participa no xantar, na festa e nas visitas á Casa-Museo, que non pararon durante toda a tarde", di Alberte Ansede, representante da Fundación Manuel María.

"É unha mostra de que nos podemos divertir perfectamente coas nosas creacións artísticas, coas nosas creacións musicais, e que non hai que renunciar a unha tradición que é milenaria, que debería ser a protagonista nas nosas celebracións festivas", reivindica Ansede. “Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega, acompañado todo pola música. Manuel María sempre tentou recuperar ese espírito que, pouco a pouco, foi indo a menos e que hoxe queremos reivindicar”, sinala pola súa banda o guía da Casa-Museo Antón Laxe.
 

A xornada comezou na Casa das Hortas co acto de acollida a cargo de Pilar García Negro e Alberte Ansede. A pé, saíron camiño a Carballeira de Santa Isabel, con parada no cemiterio onde están os restos do escritor para a habitual ofrenda foral. Actuacións musicais, entre outros da banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e da banda de música de Solfa, e un xantar comunitario amenizaron esta cita da cultura galega, que rematou con xogos populares e unha foliada aberta con  actuacións de numerosos grupos musicais.