A Deputación da Coruña renova a súa rede cultural


A Deputación da Coruña renova a súa rede cultural

Un total de 1.300.000 euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina á Rede Cultural nunha nova edición que presenta novidades, como unha maior axilidade na tramitación e unha división clara entre o ámbito profesional e o amador.

A Rede é unha das principais ferramentas para a programación cultural, en especial, dos concellos pequenos e medianos. A convocatoria da Rede Cultural saíu publicada onte segunda feira día 9 de xaneiro no BOP, e o prazo para se inscribiren as compañías remata o 20 de xaneiro.
 
Segundo a Deputación, nesta nova convocatoria da Rede Cultural "inclúense importantes novidades a respecto da anterior edición, en especial, unha máis clara diferenciación dos ámbitos profesionais e amador, como reclamaban as asociacións profesionais, e unha maior axilidade con importantes melloras para garantir a calidade do funcionamento".
 
Desta maneira, a Rede Cultural inclúe tres programas diferenciados, dous dedicados ao ámbito profesional e outro a non profesional con perfís claros e novas denominacións. Destinados a concellos e dentro da categoría profesional  preséntase “Escena ao Vivo” que agrupa a programación de música, danza, teatro e monicreques e “Visións”, que promove a difusión de cinema e contidos audiovisuais para os concellos, tamén na categoría profesional. O terceiro programa, “Alicerce” agrupará os grupos de música, danza e teatro non profesionais destinados á programación en concellos e entidades.
 
A Área de Cultura da Deputación destina un orzamento de 1.300.000 euros para dotar unha Rede Cultural que gaña tamén en axilidade cunha gran simplificación da tramitación, unha das demandas tanto de entidades como das asociacións representantes dos sectores profesionais de artes escénicas e audiovisuais.

Na pasada edición subvencionáronse 1.425 solicitudes de espectáculos dos que 473 foron para entidades e 952 para concellos que optaron por programar 701 espectáculos profesionais e 251 non profesionais. Grazas á Rede Cultural daDeputación, programáronse nos concellos 183 concertos musicais, 208 espectáculos de teatro e títeres, 146 actuacións de danza e 164 funcións de cinema dentro do ámbito profesional.
 
Os circuítos culturais da Deputación supoñen un espazo de programación xerador de públicos que, nesta nova edición, intensificarán a introdución de recollida de datos de control, elaboración de informes e seguimento da difusión realizada por concellos e entidades co fin de continuar na mellora do seu funcionamento.



x