O VALENCIANO JULIO VILCHES PUBLICA UN DIARIO SOBRE A SÚA VIDA NA ILLA

O derradeiro fareiro de Sálvora

O derradeiro fareiro de Sálvora
O faro da illa de Sálvora. Foto: cedida.
O faro da illa de Sálvora. Foto: cedida.  

En 1980, Julio Vilches (Valencia, 1953) desembarcou na illa de Sálvora, 190 hectáreas na boca da ría de Arousa. Técnico mecánico de sinais marítimos, cando o Ministerio de Obras Públicas lle comunicou destino buscou información ao respecto. “O único que conseguín saber era que estaba deshabitada e que pertencía a un marqués”, relata. En Sálvora pasaría 37 anos da súa vida e alí naceríanlle dúas fillas. Parte desa experiencia relátaa en Sálvora. Diario de un farero (Hoja de Lata, 2017), que presentou a quinta feira en Compostela.
 


“Rematei a miña formación e había tres faros dispoñíbeis en illas. Dúas estaban deshabitadas. Unha era Sálvora. A tentación era moi grande”, lembraba este home que abandonou os estudos de medicina para axudar, desde terra, á navegación de barcos. Imaxinaba que se trasladar a aquel lugar no afastado noroeste peninsular podía supoñer “unha viaxe á Idade Media”. “Como logo resultou”, engadía divertido.

 

O diario que vén de publicar percorre as dúas primeiras décadas da súa vida en Sálvora. A súa sobriña Gloria Vilches, editora do texto, explica no limiar que decidiu recompilar “exclusivamente as partes que transcorren na illa, desde a súa chegada no verán de 1980 ate un punto en que a rutina comezaba a exceder a novidade”. “Un libro variado”, atinou a resumir o autor no acto de Compostela nunha ateigada libraría Numax.

 

Acompañado de José Antonio Mera, tamén fareiro reformado, Vilches enfiou unha serie de anécdotas e vivencias a medio camiño entre o estrambótico, o bohemio, a comedia e o duro labor cotián. Todo adubiado coa súa singular personalidade: “Cando empecei a traballar, os fareiros tiñamos moitas vacacións. Pero eu non quería tantas! Quería pasar máis tempo no faro”.

 

Ademais de festas clandestinas e as peculiares relacións co marqués -ate 2007 en que o Estado a mercou e incorporouna ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, Sálvora atopábase entre as propiedades da familia Otero Goyanes-, o fareiro reconstruíu a existencia de Radio Bislandia. “O meu faro e o de Ons tiñan unha emisora para comunicarse, na que ás veces entraban os barcos de pescadores que se achegaban”, contou. A través das ondas cantaban acompañados de guitarra. “Chegamos a fundar a república virtual de Bislandia naquela particular mundo de ultramar”.

 

As maneiras en que pelexaban coa soidade era diversas. Mais no rexistro diarístico de Vilches esta non ten un protagonismo especial. “Soidade había moita”, afirmou José Antonio Mena con sorna, “pero non a usabamos”. Foi el quen realizou un alegato contra a privatización do servizo de sinais marítimas: “Privatizaron os faros e a cousa xa non vai ser nin tan eficaz, nin tan divertida. E vai ser moito máis cara”.  “Os mariñeiros dirán que están moi ben os GPS, mais que o que ven os seus ollos son os faros”, expuxo con certa nostalxia Julio Vilches.

 

Retirado do oficio o pasado setembro, con el extínguese unha especie. As políticas neoliberais de esganamento do público e a automatización, o goberno das máquinas, contribúen. Aínda que Vilches discrepe sobre a súa propia sigularidade: “Non hai un estereotipo de persoas que vaian traballar aos faros. O que si compartiamos é que eramos moi vocacionais. E informais”. 



x