ENTREVISTAMOS MIRO CASABELLA

"Desapareceu ese home que transmite unha lingua, unha historia, unha cultura"

"Desapareceu ese home que transmite unha lingua, unha historia, unha cultura"

Figura chave na canción de autor galega, Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) mira de atrás adiante explicando de forma paralela a súa carreira e a evolución dunha música galega que segue a adoecer de propostas nas que a palabra ocupe un lugar destacado. Entrevistámolo con motivo da homenaxe organizada polo Concello de Cambre.


O 29 de xullo dedícanche unha homenaxe no Concello de Cambre, pero cando e como entrou a música en Miro Casabella?

 

Foi no ano 65 cando comecei a cantar. Agasalloume a guitarra unha prima miña que viña de Venezuela e aí foi cando comecei a tocar. Aprendeume a tocar un médico veciño meu, e aprendín tamén a cantar.

 

Supoño que o fundamental foi a túa chegada a Barcelona e o teu contacto coa Nova Cançó.

 

Si, na miña vila eu empecei a facer as miñas primeiras cancións, no ano 66 ou por aí, pero cando realmente me botei a cantar foi cando cheguei a Barcelona. O primeiro ano empecei a coñecer pola radio os cantautores cataláns. E no 67 é cando comezo xa a cantar con eles. Coñezo a Manuel María, que vén a Barcelona a unha homenaxe, e escóitame cantar, así que me pon en contacto coa casa de discos coa que el fixera o disco aquel de poemas. E con eles publico o primeiro disco, e así comezo a moverme con cantores cataláns, e tamén coñezo a Voces Ceibes, porque van gravar alí, e aí é canto me integro no seu movemento.

 

En Voces Ceibes non botas moito tempo.

 

Claro, porque eu estaba en Barcelona e viña pouco por aquí, eu cantaba máis por fóra, por Catalunya, e tiña saído a Francia, Alemaña, Bélxica, España... E logo Voces Ceibes ten unha crise, hai xente que marcha fóra de Galiza, xente que discrepa... Desmémbrase o grupo, eu tamén me aparto, aínda que sigo tendo moi boa amizade con Vicente Araguas. Non chego a irme, pero apártome porque era un concepto diferente de música. A música que tocaba Voces Ceibes miraba cara á canción francesa ou catalá, e prescindía moito do folclore. O folclore catalán é menos rico que en Galiza e tiña pouca influencia na canción, pero eu vexo que o importante é ter unha conexión coas formas populares da música, porque eu coñecía a canción popular moi ben. A min parecíame que era moi importante, polo que aí se produce unha discrepancia e iso apártame da razón musical de Voces Ceibes. Aprendín a tocar instrumentos populares, como a gaita ou a zanfona, e a raíz de aí comezo xa con estes instrumentos e a miña música dá unha volta importante cara á raíz máis popular, aínda que eu sigo facendo canción de autor.

 

Iso foi o que te distinguía doutros cantautores, non só galegos, non?

 

Si, aínda que, por exemplo, os vascos tiñan tamén esa inquedanza, agás Mikel Laboa e Xabier Lete. É Benito Lertxundi quen se achega máis ao popular, quen utiliza estes instrumentos e canta mesmo pezas populares. Mentres, en Catalunya a música popular está totalmente desautorizada, afástanse dela porque non teñen un folclore tan rico e variado coma o de Galiza. E residindo xa en Galiza desde o ano 71, toco moito por fóra, fago incursións por todas partes: Alemaña, Francia, a onde fun moito con Paco Ibáñez, e tamén no resto do Estado.

 

Ti compartiches escenario con grandes da canción, como José Afonso ou Joan Baez, ademais de Paco Ibáñez, con quen tes unha estreita relación e vai estar tamén na túa homenaxe.

 

Si, eu non sabía nada. Contactaron directamente con el desde o Concello de Cambre. Encántame porque tivemos moitas vivencias e actuacións xuntos. Coñecino en Barcelona, el tiña moito interese pola canción e pola poesía galega para incorporala ao seu repertorio, para que os seus recitais fosen un pouco como un Galeuscat, porque el coñecía tanto o euskera como o catalán, porque súa nai era vasca e o seu pai, valenciano. Quería cantar en todas as linguas do Estado. E comezamos unha longa amizade, temos cantado moito xuntos.

 

Unha vez que remata o franquismo comezas a túa carreira en solitario, cun total de sete discos.

 

Si, eu utilizaba as formas musicais populares para facer canción de autor social, que tiña un sentido reivindicativo e que ao mesmo tempo tiña unhas connotacións que se poden identificar cun sitio a través dun instrumento, que tamén é o que te ancora. O meu instrumento, a zanfona, veño utilizándoo desde os 70, e xa te ancora nun sitio, cunha determinada sonoridade e harmonía.

 

Coa perspectiva do tempo, que disco cres que reflicte mellor a túa visión do mundo e da música?

 

Como calquera creador nunca quedas totalmente satisfeito co que fas, pero se che digo a verdade, co que me sinto máis feliz é con O meu país, que fixen no ano 69, cos versos de Xoán Manuel Casado. Sempre a canto, e sempre sinto que o fago por primeira vez, a emoción embárgame. Faime traspasar a barreira do tempo e lévame a cando a fixen.

 

Tamén é a túa canción máis popular. E probabelmente a máis versionada.

Si, tamén porque a cantei máis veces. A coral de Ribadeo fixo unha versión moi bonita, tamén Eladio y los Seres Queridos ten outra preciosa, e Luar na Lubre cantada por Rosa Cedrón. E hai outra medio flamenca, e unha dun coro de nenos da Arxentina, do colexio Rosalía de Castro.

 

É curioso como en Galiza, despois da Transición, a canción de autor perdeu moita forza, cousa que non aconteceu, por exemplo, en Euskadi ou Catalunya. Por que cres que a atención ás letras é máis escasa na nosa música?

 

A canción de autor despois da Transición desapareceu practicamente. Tivo unha crise bestial, desapareceron unha cantidade de autores porque cambiaron os tempos. Nalgúns sitios como en Catalunya e no País Vasco a canción pasou ás festas. Eu alí teño cantado con Mikel Laboa, Xabier Lete, Urko... en festas masivas. Eu quedaba abraiado, e en Catalunya igual. Aquí en Galiza traían orquestras e segue pasando iso. Non se concibe unha festa sen unha orquestra para bailar. Logo chegou Milladoiro, que se esqueceu da palabra. Logo Luar na Lubre xa incorpora unha cantora. E todo isto leva a que o cantautor vaia desaparecendo. O cantautor é máis áspero, ten pouco acompañamento, é máis pobre de recursos. Iso foi o que matou o cantautor, desapareceu, matárono. E logo veu Carlos Núñez, unha figura moi internacional, pero desaparece ese home que transmite unha lingua, unha historia, unha cultura. Iso queimárono, desapareceu, non hai. Quedamos catro.

 

Como ves o estado actual da música galega?

 

Eu véxoa moi ben. Hai uns músicos incríbeis e unha canteira impresionante. A desgraza é ter unha TVG que é un lastre. Eu hai dous sitios sitios onde estou totalmente desaparecido: en La Voz de Galicia, para quen non existo, e na TVG, eu e máis xente somos invisíbeis para eles. Non hai máis que ver os tres programas punteiros, que é un tal Land Rober, o Piñeiro e o Gayoso, que nos desprestixian e nos insultan. Así estamos. O labor é duro. E fan falta moitos anos para ter un prestixio.

 

Poderemos agardar algún novo disco de Miro Casabella? O último foi en 2004.

 

Teño moitísima música gravada. Eu son un tipo que teño moitísima facilidade para facer música e fago case un tema cada día. Teño centos de cancións, pero moitas veces penso haberá alguén a quen lle interese? Aos medios non lle interesa para nada, pero logo vas a sitios pequenos cantar e agradécencho tanto que te anima a seguir.

 

[Esta entrevista foi publicada no A FONDO especial Miro Casabella, publicado no Sermos Galiza 255, á venda na loxa]



x