ENTREVISTAMOS XABIER P. DOCAMPO

“Describo o mundo exactamente como o coñecín”

“Describo o mundo exactamente como o coñecín”
[Imaxe: Erik Dobaño] Xabier P. Docampo
[Imaxe: Erik Dobaño] Xabier P. Docampo  

Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) é un home de rostro amábel e sorriso sincero, un home doce que escrebe claro e cándido sobre experiencias terríbeis cunha precisión inquietante para expresar o horror e a miseria do mundo na que só sobreviven as nenas e os nenos. Eis un extracto da conversa, publicada no número 283 de Sermos Galiza.


1Os nenos sopórtano todo?

 

Os nenos nunca son vítimas… Imos ver: son vítimas das guerras, da fame, da inxustiza… pero inmediatamente detrás ves uns nenos xogando. É o que di Lilliam Gish na película, nesa cita. Os nenos poden con todo. Nos días que empeza a novela eu tiña un ano. Pero o mundo foi igual nos anos seguintes. Nos eramos nenos que xogábamos, e cando saiamos ao recreo puñámonos a xogar á billarda e esqueciámonos de todo canto sucedía ao redor e na nosa casa. Os nenos teñen esa defensa, se non sería terríbel. Está iso que os protexe.

 

E están tamén as películas.

 

Para a miña xeración o cinema foi importantísimo. Era o único camiño para mirar un pouco máis alá onde chegaba fisicamente o noso ollar. Existía outro mundo… E falábanos de cousas das que nunca ouviramos. Probabelmente parezan moi simples, pero eran importantes. Viamos cousas que aquí non existían, que a censura trataba de ocultar pero que nos atopabamos. Nas películas que escollín para a novela vese o divorcio, a loita nas minas en Gales… e para moitos escritores da miña xeración o cinema foi tamén importante como elemento narrativo. Por que A nena do abrigo de astracán está contada así? Porque me pareceu que o cinema era o refuxio que tiña a nena para preservar a súa vida íntima.

 

O relato mantense dentro dos límites que estabelece “a regra da mirada”, o que os ollos son capaces de ver. Ten certa nostalxia da vida da infancia?

 

Teño recordos do ar libre na chaira coas airas cheas de centeo ou de trigo. A novela está contada desde Ribadaínsua e non vai máis aló porque o mundo chegaba até onde chegaba a nosa mirada e o resto eran cousas que nos contaban. Se algo sucede fóra da vila, na novela ten que ser narrado por alguén. Naquel tempo, cando se falaba de calquera cousa, sempre había alguén que preguntaba: ‘E víchelo?’… porque se non, pode non ser certo. En Ribadaínsua hai quen ten a capacidade de controlar a mirada, e estabelecer que todo o que pasa é só o que se ve. E fóra diso non hai nada.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 283 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x