25ª EDICIÓN DESTE GALARDÓN

Do teatro á poesía: Lorena Conde gaña o González Garcés

Do teatro á poesía: Lorena Conde gaña o González Garcés
Lorena Conde no espectáculo 'Manawee' de Matrioshka Teatro
Lorena Conde no espectáculo 'Manawee' de Matrioshka Teatro  

O Premio González Garcés vén de descubrir unha nova voz poética. Falamos de Lorena Conde, coñecida até o momento como actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista. 


Oitenta e cinco obras se presentaron a esta edición especial do Premio González Garcés de Poesía que organiza a Deputación da Coruña. E especial tamén é o galardón, que descobre unha voz descoñecida para a literatura galega e recoñece por cuarta vez na súa historia a obra dunha muller, logo de Luz Pozo, Marta Dacosta e Medos Romero. 

Ela é Lorena Conde, ligada profesionalmente ao teatro, que acadou este recoñecemento grazas ao libro 'Entullo'. O xurado, composto por Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marga do Val, Antón Lopo e Gonzalo Hermo, valorou na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”. 

Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) é actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista. Iníciase no teatro universitario primeiro como actriz e despois como directora. Desde 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas. 

Desde o ano 2000 dirixe varias compañías de teatro amador (Captatio Benevolentiae, Enlata Teatro, Farrapo Teatro) para as que adapta e/ou escribe e pon en escena máis dunha decena de espectáculos, gañando diversos premios como directora e dramaturga. 

Desde 2013 é cofundadora de Matrioshka Teatro -compañía profesional gañadora de varios premios María Casares,- na que traballa como deseñadora, actriz e para a que escribe o seu espectáculo 'Manawee'.