PODEN SER COPIADAS E REPRODUCIDAS SEN RESTRICIÓNS DE DEREITOS AUTORAIS

De Dominio Público

De Dominio Público
Obras como The Terminal de Alfred Stieglitz entran neste 2017 en dominio público
Obras como The Terminal de Alfred Stieglitz entran neste 2017 en dominio público  

As obras de H.G. Wells, Gertrude Stein ou Antón Vilar Ponte pasaron a ser de dominio público a partir de 1 de xaneiro, ou sexa, poden ser copiadas e reproducidas sen restricións de dereitos autorais nin necesidade de pagamento ou autorización.


Tradicionalmente, o primeiro día do ano marca a pasaxe de novos contidos á lista de dominio público. En xeral, os países tornan unha obra pública o primeiro día do ano seguinte en que se completan 50 ou 70 anos da morte do autor, con algunhas excepcións (México, por exemplo, estabelece cen anos).

Na España a lei fixa 70 anos desde a morte dun autor para o seu paso a dominio público. Desde o 1 de xaneiro do ano seguinte calquera pode usar as súas obras, a condición de respectar o dereito moral e a autoría. Mais a norma, similar noutros estados, serve só para as mortes posteriores ao 7 de decembro de 1987, cando se reformou a Lei de Propriedade Intelectual. Os autores mortos antes desta data están suxeitos á normativa de 1879 e os dereitos caducan 80 anos e un día despois. De aí o caso de autores como Valle-Inclán, morto en 1936. Ou Unamuno, morto o 31 de decembro de 1936.

Alén das obras en que o prazo de protección aos dereitos excedeu o marcado pola lei, tamén pertencen ao dominio público as de autores falecidos que non deixasen sucesores e as de autor descoñecido.

Dominio público, no dereito da propiedade intelectual, é o conxunto de obras culturais, de tecnoloxía ou de información (libros, artigos, obras musicais, invencións e outros) de libre uso comercial porque non están sometidas a dereitos patrimoniais exclusivos dalgunha persoa física ou xurídica, mais que poden ser obxecto de dereitos morais.

A listaxe de autores e autoras da Galiza que entran en dominio público este ano 2017 está, salvo casos como Antón Vilar Ponte, intimamente ligada á represión e asasinatos de 1936.

Desde este 1 de xaneiro xa non están suxeitas a dereitos de autor as obras de Roberto Blanco Torres, Xohán Carballeira, Alexandre Bóveda, Xoán Xesús González, Urbano Moledo, Arturo Noguerol ou Xaime Quintanilla,  todos eles asasinados no verán do 36. 

No ámbito do Estado, alén dos citados Valle-Inclán,  Unamuno ou Lorca podemos ver a listaxe completa no Catálogo da BNE. Fóra do estado, velaquí unha pequena mostra de obras de algúns autores e artistas liberadas en 2017

Gerhart Hauptmann, dramaturgo e novelista alemán, hoxe moi esquecido mais moi relevante no seu momento, chegando a ser premio Nobel de literatura en 1912 e cuxa figura inspirou James Joyce en Retrato do artista adolescente e Thomas Mann para A Montaña máxica.

Herbert George Wells é un dos pioneiros na literatura de ficción científica. Nacido en 1866, inmortalizouse en obras como A máquina do tempo (1895), A Illa do Dr. Moreau (1896), O home invisíbel (1897) e A guerra dos mundos (1898). Wells proxectaba visións de futuro e realidades alternativas baseadas no progreso científico. El tratou de varios temas que máis tarde se tornarían centrais nese tipo de literatura: a viaxe, o tempo, a invasión alieníxena, a manipulación biolóxica, a guerra total e a invisibilidade. Ao lado de Jules Verne e Hugo Gernsback, Wells é considerado un dos pais da ficción científica.

André Breton, autor do primeiro Manifesto Surrealista, de 1924, foi un escritor e activista anarquista e antifascista francés. Nas súas obras abordou diversos temas políticos con viés de esquerda, con textos marcados polo sarcasmo. Próximo a varios artistas, Breton foi un dos responsábeis pola popularización desa corrente artística e pola súa conceituación teórica. Publicou varios ensaios e libros de poesía.

Gertrude Stein, escritora americana de orixe xudaica, foi unha das máis importantes expoentes do movemento modernista. Nacida en 1874, tiña no seu círculo de amizades personalidades como Ernest Hemingway, Pablo Picasso e Henri Matisse. As súas primeiras narrativas, como O Modo de Ser dos Americanos (1906) e Tres Vidas (1909), presentaban recursos textuais considerados por moitos como unha escrita automática, que inspiraría a futura prosa experimental. Stein explorou o tema da sexualidade en obras consideradas avanzadas para súa época. O poema Miss Furr and Miss Skeene é considerado un dos primeiros a expor abertamente a súa opción sexual. O  libro Autobiografia de Alice B. Toklas alcanzou éxito inesperado e tornouse unha das obras fundamentais do século 20.

Mina Loy, a artista, poeta e escritora británica foi unha das autoras do Manifesto Feminista, escrito en 1914. Publicou libros de poesía, guións, ensaios e fixo ilustracións (usando, principalmente, a técnica de colaxe). Entre os seus admiradores están T. S. Eliot e Gertrude Stein. Estivo ligada a movementos como o Dadaísmo e o Futurismo, cando vivía en Florenza, e publicou poemas como Aforismos sobre o Futurismo (1914). En Nova York publicou en revistas editadas polo artista e poeta Marcel Duchamp e polo poeta e crítico Walter Conrad Arensberg.

O xaponés Daisetz Teitaro Suzuki, coñecido como D. T. Suzuki, é considerado por moitos o maior responsábel da popularización do zen-budismo no Occidente, a pesar de non ser monxe. É autor de obras populares como Introdución ao Zen Budismo (1934) e Manual do Zen Budismo (1934). D. T. Suzuki lecionou na Universidade de Columbia, nos Estados Unidos, e traduciu obras en xaponés, chinés e sánscrito. Gañou o Nobel da Paz en 1963.

Frank O´Hara, poeta, dramaturgo e crítico con máis de 20 libros publicados. Na década de 1960 foi administrador do Museo de Arte Moderna de Nova York, mais abandonou o cargo para dedicarse integralmente á literatura. Parte da poesía do autor foi publicada en colaboración con artistas visuais e obras súas escritas en verso foron creadas para o teatro, representadas en teatros de vangarda.

Paul Nash foi un pintor británico famoso polos seus cadros de guerra e súas paisaxes, algunhas das cales mostran a influencia dos surrealistas e do artista Giorgio de Chirico.

Alfred Stieglitz, pioneiro no uso profesional de pequenas cámaras portátiles foi o primeiro fotógrafo a ter as súas obras no acervo de importantes museos de Boston, Nova York e Washington. A súa principal fotografía foi The Terminal. Alfred Stieglitz naceu na Alemaña, onde estudou fotoquímica, mais viviu en Nova York, lugar en que ingresou no movemento pictorialista. Tamén se dedicou á divulgación da pintura moderna nos Estados Unidos. Organizou as primeiras mostras de Rodin, Matisse, Toulouse-Lautrec, Cézanne e Picasso. Creou, editou e publicou a revista Camera Work (1903-1917).



x