A VETERANA REVISTA DE POESÍA FAI 40 NÚMEROS

Dorna para voces novas e consagradas

Dorna para voces novas e consagradas
Dornas a navegar. Foto: cedida.
Dornas a navegar. Foto: cedida.  

En 1981, e vinculada a unha asociación cultural da Illa de Arousa, nacía a revista Dorna. Expresión poética galega. A máis veterana das publicacións activas dedicadas á poesía vén de colocar nas librarías o seu número 40. Desde o segundo, a facultade de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela faise cargo da edición.
 


“Aínda que naceu fóra do ámbito académico, e cun importante papel de Luís González Tosar”, relata Alba Cid, actual secretaria de Dorna, poeta e investigadora, “axiña enlazou con filoloxía”.  Os promotores vían no centro universitario “un lugar literariamente moi vivo, moi dinámico”. E ademais servíalles para ampliar propósitos: interesáballes a “dinamización lingüística” cuxos métodos se ensaiaban en Compostela.

 

Nesa etapa, o académico Ramón Lorenzo asumiu a dirección, que mantén. Polo consello de redacción pasaron moitos nomes relevantes da literatura galega. Arestora, amais de Cid, figuran as poetas Lorena López López e Ismael Ramos, e o escritor Mario Regueira. Eles moldaron a Dorna 40.

 

“Para nós é importante a convivencia xeracional nas páxinas da revista, que haxa voces moi novas aínda sen libro, procedente de obradoiros de escrita ou de premios como o Minerva ou o Mazarelos, e outras consagradas”, sinala Alba Cid. Iso e a ambición panorámica, un estado da cuestión poética en tempo real, son os obxectivos confesos da redacción.

 

Poemas de Chus Pato pertencentes ao libro inédito Un libre favor comparten espazo con espiño, da novísima Afra Torrado -con obra recollida na antoloxía No seu despregar (2016). Alfonso Pexegueiro, presenza habitual nas últimas Dornas, achega fragmentos de Hipatia ou a idade das cousas e Dados blancos mentres Raúl Costas contribúe co poema Tanatolóxico, Alba María con Fronteira, David Miranda con Incipit, e Jorge Rodríguez Durán con Tetraloxía da Procura Afectiva. Inéditos de María do Cebreiro, Marilar Aleixandre, Dorés Tembrás, Carlos Negro ou María Lado sitúanse ao carón de voces xa non tan habituais: Lucía Aldao, Manuel Xosé Neira ou Paulino Vázquez.

 

En Voces de fóra, un apartado activo desde os inicios da publicación, a profesora Manuela Palacios introduce a poesía da inglesa Anna Wickham en versión galega de Fe González Fernández. Cinco poetas das últimas promocións -a propia Alba Cid, Gonzalo Hermo, Alicia Fernández, Jesús Castro Yáñez e Oriana Méndez- renden homenaxe a Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016) en Poéticas para Fran Cortegoso.

 

E malia o subtítulo, Expresión poética galega, Dorna nunca se reduciu ao verso. Este número 40 contén prosas de Rexina Vega, Daniel Asorey, María Xosé Queizán, Vanesa Santiago e Xavier Queipo. O que si desapareceu foi a sección de crítica. “Teño a sensación de que era unha sección irregular e era  difícil conseguir unha participación homoxénea”, aventura Cid, quen lembra, en todo caso, que “Dorna sempre foi, nese sentido, ampla, e acolleu máis ca poesía”. Fotografías a preto e branco de Sonia Marpez, unha serie exclusiva para o número 40 de Dorna, completan a revista. que conta co soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.



x