Un dragón bota lume na rede

Un dragón bota lume na rede
Elena Gallego
Elena Gallego  

Unha “Dragalpedia” e unha “Topoteca” son os primeiros chanzos do Proxecto Dragal, a expansión da historia do dragón creada pola escritora Elena Gallego Abad á rede. Unha serie televisivas e un cómic serán os posteriores pasos dun proxecto didáctico no que están a colaborar máis de 500 mozos e mozas e 40 ensinantes e que ten como obxectivo darlle vida ao patrimonio inmaterial esquecido. 


A triloxía da escritora Elena Gallego Abad creada arredor do último dragón galego xa ten forma na rede e comeza a botar lume tamén no sector audiovisual. No marco da MICAtlántica, presentouse o Proxecto Dragal, a través do que o dragón narrativo vai tomando forma en distintas áreas, a rede de maneira inicial e tamén nunha serie televisiva da que se está a preparar o guión mais que posteriormente se ampliará a formatos como videoxogos ou cómic. 

A tradición literaria e popular dos dragóns chega así a novos formatos interactivos, participativos e moi próximos ás novas xeracións de lectores. En primeiro lugar, o Proxecto Dragal incluíu a creación dunha Dragalpedia. “O obxectivo é que os rapaces descubran que no seu entorno hai lugares máxicos e unha morea de lendas. Trátase de valorizar o patrimonio inmaterial galego e o dragón é un bo personaxe para facelo”, explica a autora Elena Gallego Abad dun proxecto no que están a traballar de forma colaborativa 518 rapaces en 7 centros de ensino. No proxecto educativo colaboraron estudantes de secundaria de toda a xeografía, despois da lectura da obra de Elena Gallego achegan os novos coñecementos á realidade próxima e aos tesouros que a rodean. Nace así a “Fraternidade do Dragón” unida para manter viva a lenda do dragón galego e todo o universo creado ao seu redor. 

No MICAtlántica presentouse a wiki interactiva que produce Ficción Producciones, de Julio Casal, a empresa que está a desenvolver tamén a serie audiovisual dentro do Proxecto Dragal. A wiki preséntase como experiencia multimedia na rede cun obxectivo educativo no que xa están implicados 40 ensinantes de centros como o IES de Mos, IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, CPI de A Cañiza, Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón e IES David Buján de Cambre. A “dragalización” dos centros de ensino implicou non só participar na creación da wiki senón outra serie de iniciativas como celebracións arredor do dragón ou o achegamento a través da lenda a coñecementos de lingua e literatura e tamén de ciencias, historia ou plástica. Un dos obxectivos do Proxecto Dragal é a “recuperación, catalogación e revalorización dun patrimonio inmaterial que se está a perder” e que atopa os primeiros chanzos na Dragalpedia e a Topoteca que están xa en marcha. 

Despois da lectura da novela, o argumento, os personaxes ou os espazos nos que ten lugar a historia da serie Dragal desenvólvense a través dunha páxina web na que se promove a aprendizaxe. A páxina inclúe a “Dragalpedia” e a “Topoteca” para o achegamento á nosa cultura inmaterial que a propia rapaciada descubrirá no seu entorno próximo, na recolleita de lendas ou no coñecemento dos distintos segredos do territorio. “Os dragóns existen en todos os pobos, na Galiza tiñamos cultos pagáns que Dragal recupera. Os rapaces poden coñecer a nosa tradición inmaterial por medio da lenda do dragón”, di Gallego Abad. 

“Sete caveiras” e o cuarto dragón

Na próxima primavera, un novo volume da serie Dragal (Xerais) sairá do prelo, ampliando o proxecto literario máis do que a propia autora tiña previsto nun inicio.  O dragón aumenta a súa vida e non só se expande a través da rede no proxecto educativo que vén de se presentar senón que continúa o seu traxecto literario cunha nova novela que ampliará a triloxía xa publicada. O próximo ano, agarda que saia publicada a primeira novela da serie Dragal en inglés, con tradución de Jonathan Dunne. 

Ao tempo que o dragón continúa a súa historia, en xaneiro, Elena Gallego publicará Sete caveiras (Xerais), unha novela negra con xornalistas e moito humor.