Unha ‘Eclosom’ de música galega e feminina

Unha ‘Eclosom’ de música galega e feminina
Mulheres na batida, gañadoras da primeira edición.
Imaxe: Lucía Mallo (GZ Música)
Mulheres na batida, gañadoras da primeira edición. Imaxe: Lucía Mallo (GZ Música)  

A Gentalha do Pichel convoca a segunda edición do certame para visibilizar bandas emerxentes que creen en galego e con presenza de mulleres

 

Promover as novas formacións musicais na nosa lingua e visibilizar as mulleres neste eido. Eses son os obxectivos principais de ‘Eclosom’, o certame de bandas impulsado pola Gentalha do Pichel. Desde o centro social compostelán recoñecen que, alén da aparente boa saúde da que goza a música galega, existe unha eiva importante arredor da insignificante ou nula presenza feminina, polo que cómpre crear un espazo mais inclusivo.

 

"Precisamos descubrir e desfrutar da produçom de mulheres percusionistas, baixistas e também gaiteiras”, sinalan no comunicado público das bases do concurso. Os requisitos para participar no certame -cuxo premio incluirá a posibilidade de realizar unha mini-xira polos centros sociais da Galiza- consisten en cantar en galego, contar con presenza de mulleres, non ter publicado ningún álbum, dispor dun mínimo de 4 temas de creación propia en galego e realizar toda a comunicación social da agrupación na lingua do país. Ademais disto, a Gentalha do Pichel explicita que só poderán presentarse aquelas bandas que non chegaran xa á final na anterior edición e que ningunha das cancións poderá conter mensaxes sexistas, homófobas, xenófobas, racistas ou calquer outro tipo de discriminación.

Todas aquelas agrupacións musicais que cumpran con estas cláusulas poden anotarseenviando unha mensaxe ao enderezo gentalha@gentalha.org. Na mensaxe deben incluir arquivos de audios de, polo menos, dous dos seus temas; unha pequena biografía do grupo; uma fotografía e ligazóns ás redes sociais e vídeos, no caso de dispor destes. O prazo para a inscrición rematará a próxima cuarta-feira 28 de febreiro.

 

O voto popular decidirá os finalistas

 

A Gentalha porán en mans do voto popular a eleccións dos tres finalistas a través das súas redes sociais. A banda gañadora será escollida en abril por un xurado especializado e, por outra banda, polo público que acuda á gala final, que será celebrada no propio centro social. Amais da xa mencionada mini-xira, o premio consistirá en 300 euros e unha actuación nos concertos da Festa do Dezassete, en Compostela.  



x