Emma Pedreira gaña o premio Jovellanos de poesía

Emma Pedreira gaña o premio Jovellanos de poesía
Emma Pedreira [Foto: Marcos Barral]
Emma Pedreira [Foto: Marcos Barral]  

Ediciones Nobel vén de premiar desde Asturies o poma 'Lista da compra da viúva' de Emma Pedreira como "o mellor poema do mundo". 


O xurado do Premio Jovellanos considerou que "o poema premiado representa unha poesía da cotidianeidade onde o misterio da vida e os seus milagres agóchanse nunha listaxe da compra, na voz recordada dunha avoa, nunha lingua pequena onde alenta o ánimo do mundo". 

'Lista da compra da viúva' editarase nun libro xunto aos outros 30 finalistas seleccionados polo xurado, que Nobel dará a coñecer nos vindeiros días. O premio está dotado con 2.000 euros. Nesta edición participaron 1.093 composicións de 41 países escritos en 16 linguas diferentes, desde o galego até o quechua.

Emma Pedreira Lombardía (A Coruña, 1978) ten unha extensa obra poética e, en menor medida, narrativa. E ten colleitado innúmeros galardóns, como o Johán Carballeira, o Lorenzo Baleirón, o Modesto Figueiredo, o Vergara Vilariño ou o Premio Narrativas Quentes, entre outros. A súa última obra é o libro de relatos 'Bibliópatas e fobólogos' (2017, Galaxia).
 



x