Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto

Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto
Un momento da homenaxe co teatro ateigado
Un momento da homenaxe co teatro ateigado  Foto: Torrecilla (Deputación da Coruña)

Un ateigado Teatro Colón rendeu tributo este sábado á memoria do poeta e concelleiro do BNG de Malpica Paco Souto (1962-2017). 


Souto cantaba o mar e no mar morreu, cando faenaba na mañá do 30 de marzo deste 2017 na zona de Razo, Carballo, canda outros percebeiros, tres dos cais tiveron de ser resgatados. 

 

Sete meses despois, centos de persoas encheron o Teatro Colón da Coruña na primeira homenaxe nacional a Paco Souto nun espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial e que foi apresentado pola vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e pola viúva do poeta Enma Abella.

 

O tributo -convocado sob a lenda de "Atesourando a palabra"- reuniu unha nutrida representación das artes polas que Paco Souto profesaba un maior cariño: as plásticas, a poesía, a música... Rosalía Fernández Rial contou para este evento con poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, e músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou figuras do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa.

 

IMG_11112017_203549Elas e eles tomaron a palabra para, desde o afecto e a admiración, evocaren a figura dun escritor que, alén de producir a súa propia obra, foi un importante promotor da cultura na Costa da Morte, o seu territorio, nas diferentes artes. Gabaron non só o Paco Souto poeta, mais tamén o Paco Souto activista político comprometido desde o nacionalismo coa causa das clases populares e dos direitos nacionais de Galiza.

 

"Foi un grande axitador cultural, coa súa continua vontade para promover actos e iniciativas culturais. Paco Souto foi a personificación do verbo dar", sobranceou Rosalía Fernández Rial, quen louvou a súa actitude "voluntariosa e colaborativa".

 

Nado na Coruña en 1962 -poeta, editor e promotor cultural- Souto acadou, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; no 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, Lugar de Incendios, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto. Esa montaxe reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.

 

En 2016 publicou o seu último libro individual, e Caín.

 

IMG_11112017_203847Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 aparecía Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño. Aínda hai máis: dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón. onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.

 

Neste 2017, o seu poema "Terradentro" alzouse co premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. (dados tirados da ficha do autor da AELG).

 

 

 

Nota: as fotografías son da Deputación da Coruña. Nelas aparecen as apresentadoras do acto -Goretti Sanmartín e Enma Abella- e a pianista Aida Saco.



x