FRANCISCO GARCÍA SUÁREZ

"Co Festival Internacional de Xardíns queremos sensibilizar sobre o medio ambiente"

"Co Festival Internacional de Xardíns queremos sensibilizar sobre o medio ambiente"

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas un ano máis. Este ano acubilla dez propostas innovadoras relacionadas coa memoria. No recinto, que ofrece ao redor de 20.000 metros cadrados de zona verde, poderanse contemplar tamén dúas propostas máis: o xardín gañador do ano pasado de Xosé Bouzas e o proxecto dos alumnos do colexio Padre Feijóo de Allariz. Os xardíns poderán visitarse até o vindeiro 29 de outubro.  Falamos con Francisco García Suárez, alcalde da vila, sobre esta innovadora iniciativa. 


-Cal é a singularidade deste Festival?
-O Festival Internacional de Xardíns de Allariz nas marxes do río Arnoia permítenos desfrutar de máis de 20.000 metros cadrados de recuperación de zona verde que se suman ás máis de 13 hectáreas que xa Allariz ten de desfrute público nas marxes do río pero neste caso coa singularidade de que neste espazo hai acoutados doce parcelas, douscentos metros cadrados onde cada ano mediante un concurso temático recibimos propostas de todo o mundo que concursan para poder executar nesas parcelas.

 "Este festival permítenos desfrutar de máis de 20.000 metros cadrados de zona verde"

-Cantas propostas acubilla este ano este espazo?
-Este ano recibimos corenta e catro parcelas senón recordo mal e foron escollidas dez parcelas, dez propostas, dez proxectos ... Desas dez, unha das parecelas, o xardín que é máis votado, permanece.

-Porén, este Festival acubilla doce propostas, non participan todas?
-O ano pasado, o gañador foi Xosé Souto, autor paisaxista galego que foi o xardín máis votado. Por tanto esa parcela xa non entra en concurso. Tamén dentro dos obxectivos do festival está a sensibilización sobre o medio ambiente, a xardinería, que tanto contribúe ao benestar e polo tanto, hai unha parcela reservada para o colexio público Padre Feixóo de Allariz como cada ano e os propios nenos por niveles educativos fan os seus deseños colectivamente que despois a brigada de obras municipal como no resto dos xardíns escollidos pasa a executar. Isto permítenos estar nun espazo no que hai pois uns espazos xerais e un coidado tamén en todo o parque pero que tamén ten a virtude de que cada ano ese parque é renovado porque eses doce espazos, esas doce parcelas teñen deseños específicos cada ano. Este ano temos a posibilidade de contemplar sobre unha temática que era a memoria no xardín.

"Un obxectivo do festival é a sensibilización sobre o medio ambiente"

-A memoria entendida como memoria histórica ou a un nivel máis persoal?
-Nós queríamos que fose a memoria histórica, queríamos facerlle unha homenaxe á festa do boi. Queríamos que as propostas reflexionaran sobre a evolución do xardín ao longo do tempo, que o puidésemos ver dende o mellor xardíns tipo francés, inglés, renacentista pero curiosamente a maioría dos participantes o enfocaron polo tema neurolóxico, dos recordos, das lembranzas... 

-Que temáticas ten habido noutras edicións? Sábese xa cal será a do próximo ano?
-A proposta do ano que ven será o erotismo  no xardín. Temos tido Galiza o país da auga, temos tido a música no xardín ou a moda no xardín polos sectores económicos que temos en Allariz. En fin, cada ano as reflexións poden ser sobre temas máis concretos ou máis abstractos.

"A maioría dos participantes o enfocaron polo tema neurolóxico, dos recordos, das lembranzas"

-De onde proveñen estas propostas?
-Temos dúas propostas chegadas do Brasil, dúas propostas italianas, unha mexicana, unha checa, unha polaca, unha madrileña, son as propostas que temos este ano.

-Cal é o obxectivo deste festival?
-O festival o que pretende é, por unha parte reforzar a capacidade de atracción que ten Allariz e contribuír á dinamización económica a través deste evento que de maio a outubro está aberto, que ten tamén a especificidade de que se cobra entrada e é algo pouco habitual pagar por entrar a ver xardíns... Ao mesmo tempo que creamos esta dinamización económica tamén temos a posibilidade de facer de Allariz un referente para o mundo do paisaxismo e da xardinería. Non é casual que o presidente do xurado sexa Francisco Caldeira Cabrol, un prestixioso paisaxista portugués, o seu pai foi practicamente tamén o pai do paisaxismo e da xardinería, do paisaxismo vamos como disciplina en Portugal, que teñamos a Asociación Española de Paisaxistas no xurado, que a Asociación Galega de Empresas de Xardinería ou a Federación Española de Empresas de Xardinería teñan o espazo para realización de eventos igual que Amigos da Camelia ou a Asociación Galega de Apicultura... Trátase tamén máis que de facer un festival, un marco, un escenario dende demostracións  de maquinaria, de cortacéspedes a cursos sobre poda en altura...

O presidente do xurado é Francisco Caldeira Cabrol, prestixioso paisaxista portugués.

-Hai un obxectivo máis alá do festival en si?
-Trátase tamén de crear unha cultura ao redor do propio festival como iniciativa. E ten o valor de que é unha creación  non a golpe de talonario senón cunha grande implicación que fai sostible das brigadas municipais de fundamentalmente obras e medio ambiente e tamén promoción económica. Unindo un pouco os tres aspectos que o festival ten e tamén por tanto, aquí hai unha dose importante de auto estima, de como  dende a administración pública se pode facer, pois unha creación e unha intervención dun espazo que esixe pois moita profesionalidade. Nese sentido tamén é un recoñecemento á labor dos traballadores e traballadoras sociais. Este é un pouco así, o conxunto da iniciativa.

-Hai que pagar unha entrada?
-É un espazo acoutado que pon en valor tamén o resto dos espazos e zonas verdes que Allariz ten: a cearrica, o Arnado, o Portobello... E tamén é unha forma de presumir de turismo verde que Allariz pode ofrecer como espazo declarado pola UNESCO como reserva da biosfera pero que en definitiva o que estamos aquí convinando é xardinaria con creación, con capacidade artística, con deseño... Polo tanto tamén os visitantes que pagan eses dous euros de entrada entenden que pagan un recinto único.

"Trátase tamén de crear unha cultura ao redor do propio festival como iniciativa"

-Único en que sentido?
-Único porque tamén xunto con Ponte de Lima é o único na Península Ibérica e en Galiza é o único.

-Que se levan os visitantes destes xardíns?
-Vailles permitir tamén romper un pouco o esquema clásico de entender un xardín, como un pouco máis que céspede e plantas. Verán que a xardinería ten moitas máis posibilidades e tamén é unha oportunidade para paisaxistas novos que teñen aquí a posibilidade de poñer en marcha proxectos, ten ademais a posibilidade de educar en certa medida ou plasmar ou poñer en valor diferentes alternativas dende xardinería vertical ata a ornamentación que é despois copiada.

"Xunto con Ponte de Lima é o único festival deste estilo na Península Ibérica e en Galiza é o único.

Nós tamén tratamos con iso de incidir para que  o resto da actividade económica de Allariz, no ámbito comercial, no ámbito da ornamentación teña presente a importancia que ten este factor.  

 



x