ENTREVISTAMOS ÁNGELES HUERTA

"En Esquece Monelos o río é metáfora das verdades negadas e agochadas"

"En Esquece Monelos o río é metáfora das verdades negadas e agochadas"
[Imaxe: M.O.] Ángeles Huerta
[Imaxe: M.O.] Ángeles Huerta  

Tan só un certo sotaque revela que non é galega, mais fala a lingua con absoluta corrección. Unha aprendizaxe froito do seu interese por aprender galego cando hai 15 anos deixou o seu Gijón natal para recalar en Compostela. Doutora en Literatura Comparada e profesora de Italiano na Escola Oficial de Idiomas, Ángeles Huerta realizou estudos de dirección cinematográfica na Met Film School de Londres. A súa primeira longametraxe, Esquece Monelos (producida por Danga Danga Audiovisuais), vén de estrearse nas salas. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos 270.


2Como nace Esquece Monelos?

Nace dunha crise persoal, cando unha chega a unha idade en que a xente que a rodea comeza a ter problemas de memoria e cando a ese padecemento que están pasando eles se lle suma unha certa anguria persoal, proxectando cara ao futuro a pregunta da que parte a película, que vai pasar se eu mañá comezo a esquecerme de todo? Onde van parar as miñas lembranzas? Andábame todo isto na cabeza cando alguén me falou do río Monelos. Eu non sabía que había un río subterráneo que atravesaba A Coruña e, de súpeto, algo fixo clic no meu cerebro e empecei a sentir que ese río falaba de min e facíao dunha maneira tan íntima e devastadora que era algo moi universal. A peli parte do río como metáfora desas conexións neuronais que se esvaecen, esas lembranzas que se secan, mais tamén das que irrompen violentamente, porque é tan difícil ter un mapa completo do río como ter un mapa completo da nosa propia memoria. A medida que fomos facendo a película xorde unha segunda metáfora, a metáfora do río como segredo, como verdade negada e agochada. O que metemos baixo a alfombra, esquecemos e un día reborda e nos afoga. Ambas as dúas son metáforas moi universais. Na película fálase de esquecementos involuntarios e voluntarios, hai cousas que queremos lembrar e non somos quen e hai cousas que queremos esquecer e de súpeto volven con violencia. 

 

Esa universalidade á que aludes permite que o filme transcenda o local?

Para contar esas metáforas tan universais facémolo a través deste río, que está na Coruña, e ao falar da Coruña falamos de certos procesos políticos e urbanísticos que son comúns a Galiza e ao conxunto do Estado. Transcende o local en canto ao seu significado máis íntimo e emocional e nun plano máis político, por chamalo así, fala de todo iso a través dun proceso urbanístico que ten a ver cun desenvolvemento que arrasou con todo. Hai unha reflexión na película sobre o feito de que construír sempre implica destruír. Destruíndo certas contornas e certos contextos urbanos destrúes formas de vida, comunidades, lazos de veciñanza... e diso fálase moito na película. Eu creo que a película, dunha maneira espero que sutil, fala en certa medida dos pactos de silencio que todas as persoas temos con nós mesmas, no máis íntimo. A imaxe que se proxectou da Coruña desde o franquismo é unha Coruña que é froito dun discurso construído: cidade burguesa, acomodada, “villa y corte veraniega do caudillo”, a cidade na que ninguén é estranxeiro... e hai outra realidade.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 270 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x