ENTREVISTAMOS LEDICIA COSTAS

"Estamos militando na resistencia. Oxalá algún día non esteamos nela"

"Estamos militando na resistencia. Oxalá algún día non esteamos nela"
[Imaxe: M.O.] Ledicia Costas
[Imaxe: M.O.] Ledicia Costas  

Defensora da profesionalización, Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha rara avis dentro do sistema literario nacional, pois é dos poucos casos de escritoras e escritores galegos que vive da súa obra. Paseamos con ela polos Xardíns de Méndez Núñez, onde conversamos sobre a súa traxectoria, mais non só, tamén sobre o autoodio e a falta de conciencia de país. A creadora de Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014) é un dos grandes nomes da literatura infantil e xuvenil. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 259.


7Teu nome xa está á par de grandes da literatura galega como Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Fina Casalderrey e Paco Martín, tamén gañadores do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. Que representou para ti este premio?

Foi un antes e un despois. Aquí hai unha materia pendente: escribimos estupendamente, hai grandísimas e grandísimos creadores, temos moito potencial e talento, pero non exportamos. É moi difícil saír de aquí, é moi difícil que unha autora ou autor saia da Galiza e saiban quen é. O Premio Nacional deume a oportunidade de acceder a un mercado no que doutro xeito probabelmente non estaría, coñecín outras autoras e autores, outros sistemas literarios... permitiume abrir camiños aos que, doutra maneira, tería tardado, no caso de chegar, moitos anos. Tiven esa sorte, que te posiciona, ademais desde o galego. Estiven o outro día en Avilés, no Festival Celsius, e a persoa que me presentou dixo “ademais es unha autora galega que reivindica, por encima de todo, o galego, e todo o mundo te coñece por ser a autora que escribe en galego, e podemos lerte”. E lenme en castelán, porque len as obras traducidas, pero saben perfectamente que está esa militancia. É algo moi gratificante, valoran moito ese esforzo, e aí si que estou levando sorpresas moi agradábeis.

 

Valórase ese feito máis fóra de Galiza que na Galiza?

 

Por suposto. Ás veces, aquí, pregúntanme: “¿Y por qué escribes en gallego?” e eu dígolles, “se vivise en Rusia, escribiría en ruso, e se escribise en Catalunya, en catalán. Eu estou na Galiza, en que vou escribir?” e entón din, “Ah! Pois si!” e fóra dano por sentado, vés de Galiza, e escribirás en galego.

 

Dalgún xeito, o Premio Nacional [estatal] serve tamén para poñer a literatura galega alén das fronteiras do país?

 

Si, eu sempre o digo, temos un sistema literario de calidade, en que as autoras e autores estamos á altura de calquera. Falla a lingua, a perda de falantes nas xeracións que veñen detrás. Iso falla, pero estrepitosamente. Falla o autoodio, eu creo que hai un rexeitamento moi potente cara ao noso, e non se entende que a lingua é o principal trazo de identidade dun pobo. Non hai conciencia de país. Estamos militando na resistencia e oxalá algún día non esteamos na resistencia. Sempre se refiren aos vascos e os cataláns, e a nós, ás veces, nin sequera nos mencionan como país, e iso é doloroso.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 259, á venda na loxa e nos quiosques habituais]