ENTREVISTAMOS MARTA DACOSTA

“Estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo”

“Estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo”

Nesta entrevista conversamos con ela desa literatura á que lle pon a mesma paixón que lle pon á vida. Aténdenos cando se atopa en pleno proceso de presentación da súa última obra Na casa da avoa (Galaxia), onde podemos atopar poemas que reivindican o papel da muller, aquela de carne e óso, mais tamén da muller da mitoloxía clásica. Unha entrevista que podes ler íntegra no número 246 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa.


Defendes que a nosa literatura ten un elemento imprescindíbel: as creadoras e creadores, mais dis que falla no final do proceso, na parte lectura. E vinculas isto coa lingua. Por que?

A nosa ferramenta de traballo non é o barro, a fariña, a rede ou a madeira; é a lingua. Entón, se un carpinteiro non ten futuro cando deixamos de utilizarse mobles de madeira e pasamos a utilizar mobles de plástico, pois evidentemente a obra creativa dunha escritora ou dun escritor non terá futuro se a lingua coa que traballa non ten lectores nin falantes. O futuro da cultura galega e da literatura galega está indisolubelmente ligada ao futuro da lingua, porque nós traballamos coa lingua. Se cadra, se vivise noutro lugar do mundo e se falase outra lingua, non dicía isto que digo. Creo que non é cuestionábel que teremos máis lectores en galego se temos máis falantes en galego. A máis falantes, máis lectoras e lectores. O noso país pode presumir de potencia creativa. Temos escritoras e escritores, debuxantes, artistas plásticos en xeral, actrices e actores... temos todos os elementos mais falla a pos produción, a difusión, o apoio de alguén que debería estar fachendeando, dicindo, que unha das mellores poesías europeas se escribe en galego.

7

Unha das mellores poesías a nivel europeo...

Iso é así. Hai escritores non galegos que din que temos unha das mellores poesías europeas. Non me atrevo a dicir mundiais, pero quizais debera dicilo. Nós estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo, fállanos un apoio institucional decidido para que a nosa lingua e a nosa cultura se promovan e teñan receptores. E aquí un dos problemas é un goberno que non asume que é un goberno galego. Ademais iso súmase a un desprezo pola cultura xeneralizado que nos sucede con este goberno e o transcende. Podemos mirar para o prezo do libro en Francia e vemos que falamos dunha realidade diametralmente oposta. Chámanos a atención, cando imos a Francia, que nos custan moi caros os cafés, pero os libros son moi baratos. Aquí estamos no extremo oposto. A industria cultural necesita ser apoiada. Vemos todos os días nos medios de comunicación que o goberno, polo menos aparentemente, preocúpase pola industria naval, a automoción... para que sexan punteiras e estean producindo constantemente, para que haxa carga de negocio, pero a cultura é Produto Interior Bruto, e as industrias editoriais crean PIB, ao igual que a xestión de concertos, iso tamén é riqueza nun país. Con todo, non aprecio no goberno da Xunta esa preocupación polo PIB que pode producir a cultura do mesmo xeito que lle preocupa o PIB que poden producir os drons en Rozas. Se se lle puxese a mesma vontade a todas as industrias que crean riqueza, estariamos falando doutro momento cultural. Afortunadamente, hai institucións que empezan a actuar a prol da cultura, que saben que a cultura é unha riqueza do país, e está todo o tecido asociativo que foi, é e seguirá a ser fundamental, e grazas a iso podemos asistir á presentación dun libro ou a un recital, ver unha obra de teatro... Falta dinamismo en quen ten a máxima responsabilidade.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 246 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x