UN DOS PREMIOS MÁIS VETERANOS DA POESÍA GALEGA

Estevo Creus gaña o Lorenzo Baleiron cun libro sobre a dimensión fantasmal da realidade

Estevo Creus gaña o Lorenzo Baleiron cun libro sobre a dimensión fantasmal da realidade
O poeta Estevo Creus. Foto: cedida.
O poeta Estevo Creus. Foto: cedida.  

A práctica poética de Estevo Creus (Cee, 1971) vén delimitando un territorio singular, estrañado. A súa mirada entende a realidade como algo á marxe da percepción común. O mundo revela as súas outras verdades grazas ao poema. O lugar que non hai titúlase o libro co que vén de gañar a 30ª edición do premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel investiga a dimensión fantasmal do real e os baleiros do idioma.
 


“A obra fala fundamentalmente sobre lugares que non existen”, explica ao teléfono. A imposibilidade da propia percepción, cómo se constrúe a forma de mirar ou os ocos da linguaxe son eixes polos que discorre a escrita de Creus. Que para esta ocasión, seis anos despois de Balea2, desprégase por páxinas “moi descritivas”. É dicir, a obxectivos en aparencia abstractos chega por vías concretas.

 

“Intento nomear as cousas coas cousas”, di, “e debuxo paisaxes surrealistas co que hai”. O deambular pola cidade proporciona a materia dun traballo “un pouco filosófico”. Pero son esas “cousas” descritas o que produce “fantasmas, esperpentos”. “A xente nas rúas da cidade, por exemplo, ten unha aparencia fantasmal”, engade. Dalgún xeito, a poesía como mecanismo de desvelamento, aínda que sen invocacións á epifanía.

 

Por idade e experiencias compartidas, Estevo Creus aparece adoito adscrito á Xeración dos 90. A súa obra, porén, foise afastando de formulacións iniciais -Poemas da cidade oculta (1996), Areados (1997)- e adquirindo forte conciencia da crise da linguaxe. En O lugar que non hai, esta é elemento central. “Hai unha crítica feroz á linguaxe proposicional”, esténdese, “a linguaxe é un cabalo de Troia no ser, a linguaxe impide”. O poeta enfróntase a unha ferramente incerta, “inimiga”, nun libro “bastante contemplativo”.

 

Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite. Que devolve a Estevo Creus ás librarías logo dun demorado silencio. “A razón”, expón divertido, “é que non lle atopaba moito xeito ao que estaba facendo”. O seu método, ademais, contribúe a estes longos períodos sen publicar: “Escribo de cando en vez, e dun tirón. Obedece tamén ao azar”.

 

O xurado do Eusebio Lorenzo Baleirón -convocado polo Concello de Dodro- salientou que O lugar que non hai está “pragado de imaxes escintilantes e esculca con brillantez e ironía, desde a dúbida permanente, na outredade, a confusión e o desdobramento do eu poético”. Fixeron parte del as poetas Miriam Ferradáns, Daniel Costas Currás e Xabier Castro, e mais as crítica Blanca Ana Roig e Ramón Nicolás.



x