Chega a estrea de 'Martes de Carnaval', o Valle-Inclán do CDG

Chega a estrea de 'Martes de Carnaval', o Valle-Inclán do CDG
Presentación de 'Martes de Carnaval' diante do Derby [Foto: AGADIC]
Presentación de 'Martes de Carnaval' diante do Derby [Foto: AGADIC]  

Despois d'A cabeza do Dragón' de Quico Cadaval, que esconxurou cun grande éxito o malfado do teatro galego con Valle-Inclán, o CDG estrea esta quinta feira no Salón Teatro 'Martes de Carnaval', a súa aposta polo clásico arousán que dirixe Marta Pazos. 


O Derby de Santiago, un dos lugares frecuentados por Ramón María del Valle-Inclán durante a súa estadía en Compostela, acolleu esta mañá a presentación de 'Martes de Carnaval', a produción que o Centro Dramático Galego (CDG) estrea esta quinta feira ás 21.00 horas, na súa sede do compostelán Salón Teatro. Será a primeira ocasión na que soen en galego sobre un escenario as obras de Valle 'As galas do defunto' e 'A filla do capitán', que integran a proposta da compañía pública e reúnen os elementos característicos do esperpento desenvolvido polo autor arousán. 

A primeira delas, 'As galas do defunto', está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, 'A filla do capitán' traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913. 

Unha icona ligada á polémica

O CDG quixo estrearse como compañía en 1984 con 'Divinas palabras', pero a oposición da familia do dramaturgo á tradución ao galego botou por terra as intencións do director daquela, Eduardo Alonso, e do director xeral de Cultura, Luís Álvarez Pousa. E en 1998 o CDG de Manuel Guede deu representado o autor arousán, pero en español, o que provocou a oposición de boa parte da cultura galega. 

E agora, cos dereitos extinguidos, a obra de Valle volveu ser obxecto de polémica a raíz das condicións do concurso público creado para levar adiante a produción, que rematou coa renuncia dun dos directores previstos, Tito Asorey. E así foi como Marta Pazos se encargou da dirección das dúas pezas nas que, segundo o CDG, "a directora buscou en todo momento unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor galego, poñendo a poética e o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal". 

A obra está desenvolvida por un amplo elenco que dá vida aos máis de 30 personaxes que suman 'As galas do defunto' e 'A filla do capitán'. Elas e eles son: Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago, María Roja, César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta.

Xira por todo o país

O CDG desenvolverá dous períodos de exhibición na súa sede de Santiago con esta nova produción. Tras a estrea da quinta, poderá verse até o domingo para o público xeral. E desde a segunda 24 até a quinta 27 en sesións matinais para escolares. Logo percorrerá outros oito escenarios: Tui (5 de maio no Teatro Municipal), O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Valencia (11 de xuño no Teatre Principal, dentro de Festival Tercera Setmana), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación). E regresará a Compostela entre o 28 de xuño e o 16 de xullo.