ABE RÁBADE, MÚSICO

"Estudante de música é o que eu quero ser toda a vida"

"Estudante de música é o que eu quero ser toda a vida"
Abe Rábade
Abe Rábade  

Abe Rábade, un dos máis reputados músicos de jazz do país, presenta esta cuarta feira en Compostela o seu décimo primeiro disco, 'Once', no que volve tirar de eclecticismo para levarnos desde standards do jazz até Paco de Lucía ou Milladoiro. 


- Mañá preséntase en Compostela o teu último disco, 'Once'. Por que Once? Porque son 11 temas? Porque discos publicados tes máis, non?
- Realmente, como líder de banda é o meu disco número 11. Logo fixen colaboracións con diferentes grupos, e discos dos que fun copartícipe. Pero como disco co meu nome, este tamén é o décimo primeiro. E despois quixen facerlle unha homenxe ao número 11 en todo o seu esplendor, porque é un deses números que dá un compás de amalgama que non é moi explorado. É bastante complexo e en torno ao cal había toda unha experimentación musical que facer. Ese é un pouco o xogo. En concreto hai dous temas do disco en torno a esa rítmica un pouco atípica. 

O rigor co que tocas é importante, o plantexamento inicial tamén, pero se non hai chispa no escenario, capacidade de sorpresa, interacción e espontaneidade e factor risco, para min o concerto non está completo. E co meu trío teño todo iso. 

- Efectivamente, neste disco tes pezas experimentais, un arranxo dun clásico de Milladoiro, 'A bruxa', e tamén unha homenaxe a Paco de Lucía. Ti como definirías o concepto deste traballo?
- É moi ecléctico, en gran medida, porque eu de forma sincera eu sinto todas esas influencias moi perto, influencias que a priori están moi distantes unhas das outras. Por exemplo, desde música clásica até tradicional galega, ou flamenco ou o jazz máis ortodoxo, que para min é a gran ponte de unión entre todas esas tradicións, é como se fora a pota para facer o cocido. Eu penso que desde sempre o jazz se prestou moi ben a ser o valedor desas maridaxes aparentemente extrañas. E eu disfruto moito orientando a miña carreira artística desta maneira, porque para min supón unha evolución. Esa separación en diferentes eidos ou campos estilísticos, con todo o tempo que implica de dedicación e de investigación e de poñerse as pilas en temas que non controlas, creo que é moi gratitificante cando es quen de entrarlles minimamente á esencia para poder traelas a flote nun disco coma este, que incorpora varias cousas diferentes ao que é un disco de jazz convencional. 

once-aberabade

- Levas 20 anos co formato trío e case dez cos teus dous socios: Pablo Martín ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. É porque che resulta máis cómodo ou tamén porque se adapta mellor aos tempos de crise?
- Todo conta, tamén os tempos de crise. Comparado co meu disco anterior, que era para sinfónica e trío, imaxina, calquera cousa se adapta mellor. A min encántame explorar formatos moi diversos, e por exemplo a sinfónica  representa unha serie de retos moi gozosos que no seu día me encantou investigar. O formato trío é a esencia dun grupo. Nun dueto, que teño varios, pero non ten aínda a esencia do que é un grupo, e un trío si que o é. E o máis interesante de todo é que nun trío de jazz os instrumentos comezan a perder a súa funcionalidade, a confundila dunha forma moi interesante. O contrabaixo nunha banda máis grande non ten un rol tan solista, e nun trío si. E coa batería pasa o mesmo, moitas veces xoga case un rol melódico. É un formato que se presta moito á experimentación. E ao mesmo tempo, o número tres fomenta moito a complicidade, é moi doado que entre tres haxa un xogo de toma e daca suficientemente interesante para nutrir todo un concerto con interese. E para min iso cada vez é máis importante. O rigor co que tocas é importante, o plantexamento inicial tamén, pero se non hai chispa no escenario, capacidade de sorpresa, interacción e espontaneidade e factor risco, para min o concerto non está completo. E co meu trío teño todo iso. 

Na música eu penso que para que un estilo evolúa fai falta que entren elementos alleos ao propio estilo. 

- Ademais do concerto de mañá, o 1 de xuño volves subir ao escenario en Compostela para ser solista coa Real Filharmonía de Galicia, con quen estrearás a obra 'Tempos velados'.
- Esa vai ser unha ocasión espectacular. É o que falabamos antes dos diferentes formatos. Eu declárome amante diso, a min atráeme moito. Cada vez me atraen máis os temas experimentais. Ando maquinando un proxecto -que presentarei seguramente a finais de ano- moito máis experimental que todo isto, que seguramente envolva proxeccións de foto e vídeo con música composta para iso, perfumes... un paso máis alá. Evidentemente, nesta ocasión e grazas a que Paul Daniel [director da RFG] confía en que volvamos traballar xuntos, logo de 'Tránsitos', a obra que fixen para a RFG e o meu trío de jazz hai dous anos. Pois esta é unha aposta por catro textos moi diferentes entre si. Un deles é de meu pai. O resto son de Omar Jayam, o poeta persa do século XIII; Ono No Komachi, unha poeta xaponesa do século X; e Sara Teasdale, unha poeta de entreguerras. Son catro textos moi diferentes, pero dalgún xeito presentan un tempo que é imposible por algunha razón: ou ben é soñado, ou utópico, ou inventado. Ese sería o nexo. É unha obra na que levo traballado os dous últimos anos, remateina este nadal. Incorpora coro de adultos, coro de nenos, piano -que non é solista senón concertante, ten certa relevancia pero eu non diría que non é unha obra solista para piano, pero hai un certo protagonismo para o piano-. Vaina dirixir Paul Daniel e vai pechar a temporada da RFG, así que vai ser un soño feito realidade. Eu non podo máis que estar supercontento con esa estrea, claro. 

Quero nun futuro centrarme en todo o cancioneiro popular e sobre todo na tradición oral. 

- Nos últimos anos, con Paul Daniel á fronte, a RFG fixo un esforzo por abrirse a novos públicos.
- É unha aposta fabulosa, que coloca a unha orquestra por unha banda na diferenza, e por outra, na contemporaneidade. Tamén che está falando quen ten ese tipo de valores. Para min o eclecticismo é un plus, a mestura é un plus. Abrir a orquestra a novos públicos e deixar que entre aire diferente a unha orquestra sinfónica, é marabilloso. Eu a música concíboa dese xeito. E iso non quere dicir renunciar á ortodoxia nin a renunciar que as cousas sexan esencialmente o que son. Eu penso que as dúas cousas poden convivir perfectamente. De feito, ese é un debate permanente en moitísimos eidos, no nacionalismo galego, sen ir máis lonxe. Ata que punto o internacionalismo interfire co nacionalismo? É un debate que se dá en moitísimos campos. Na música eu penso que para que un estilo evolúa fai falta que entren elementos alleos ao propio estilo. Iso leva pasando toda a vida, mesmo diría que é unha sorte de pensamento lateral na música, que fai que a esencia mellor que ten un estilo ou unha determinada música, acabe gañando cando incorpora certos elementos que a van nutrir dun factor en paralelo e que a acaba facendo máis sólida. A harmonía de jazz, imaxínate, os acordes que tocamos normalmente en jazz, entran no pop, falo de cousas nada sofisticadas, un tema de pop de toda a vida, que orixinalmente eran temas de tres ou catro acordes. O jazz daríalle un realce harmónico que faría que ese tema gañara calidade. Hai mil exemplos. Cando a música sinfónica engade por exemplo unha compoñente rítmica de carácter tribal, de repente gaña unha dimensión brutal. E faina iso menos sinfónica? Penso que non. Entón, ao final, é como un xeito de pensar co que eu concordo plenamente. E no caso concreto de Paul [Daniel], hai que poñer de manifesto que é unha persoa que está contando cos compositores do país. Fáloche de Fernando Buide, de Octavio Vázquez, ou eu mesmo, que é a segunda obra que monto con el. Eu penso que ten unha visión moi acertada. 

O nivel [en Galiza] é incrible, hai xente que está tocando cun nivel -internacionalmente- de primeirísima liña. 

- Seguindo co fío de abrirse a outros estilos, moita xente pregúntase cando voltarás ás músicas máis populares, como cando estiveches detrás de 'Nordestinas' ou de 'Rosalía 21'.
- Eu diríache que nunca o abandono. Fíxate que neste disco, o hit -o xite, que dirían Os da Ría [risos]- é 'A Bruxa', que é un tema moi coñecido de Milladoiro. Cando volvín escoitalo para arranxalo de novo, buah, traíame uns recordos brutais de cando viaxaba no coche cos meus pais nos 80. Eu diríache que nunca abandonei a música popular. Si que é certo que, de forma manifesta, en proxectos como 'Nordestinas' ou 'Rosalía 21' está moito máis presente, porque son case temáticos, coma quen di. Dito isto, eu estou disposto a continuar esa exploración. De feito, en mente teño facer unha exploración a fondo da tradición musical do país. Fáloche como estudante de música, que é o que eu quero ser toda a vida. Porque todo isto que che conto do eclecticismo non é máis que o meu modo de concibir a música, que é estudando. É un campo tan amplo de experimentación e de estudo que dá para unha vida enteira. E quero nun futuro centrarme en todo o cancioneiro popular e sobre todo na tradición oral. E teño aí un 'quid pro quo' comezado cunha persoa que coñece moi ben a tradición musical do país, que ademais é unha persoa que lle interesa a orquestración e cousas que eu lle podo dar. E estamos aí, que non damos arrancado, pero agardo facelo en breve, porque é un dos campos de experimentación nos que eu me quero meter a fondo. Aínda a música tradicional do meu país nunca a deixei de lado, senón que a teño sempre moi presente. 

- Pois xa contarás cando comeces ese proxecto con esa persoa descoñecida. 
- Non hai secretismo ningún aí. É Pedro Lamas, gaiteiro, saxofonista, unha persoa cunha mentalidade moi aberta e que acaba de poñer en marcha a Orquestra Jazz de Galicia. Tamén con ese tipo de pouso, abrindo a música tradicional cara o jazz. É algo moi interesante. 

Eu espero que nalgún momento, os responsables de cultura, tanto públicos como privados, se empecen a dar conta de que os países se poñen no mapa potenciando a cultura de seu que teñen e espero que ao jazz lle chegue o turno pronto. 

- Para rematar, como ves a escena jazz en Galiza? Parece desde fóra que cada vez hai máis público e mellores propostas que tamén están logrando saír fóra...
- Eu vexo que o nivel de músicos é excelente e a aceptación da música creo que é moito maior do que era hai dez anos. Ocorre o de sempre, a música quizabes non ten a visibilización que debera e non hai unha planificación cultural en nada, e no tocante a música e a jazz tampouco. En canto a jazz as cousas que existen, que son moi louvables e hai que coidalas, digamos que son illas. Tes un ciclo por aquí, un festival por alá... quero dicir, sendo fantásticas todas as iniciativas que hai de visibilización no país, non acaba de haber un circuíto que consolide o estilo. Quitando novembro e xullo, que son os meses onde se concentran a maioría dos festivais do país, non hai un circuíto que durante o ano permita unha mínima industria para os artistas que residen aquí. E isto que che estou dicindo de Galiza pasa no País Vasco tamén, he? Pensamos que porque existen Getxo, Donostia e Gasteiz, que son tres grandes festivais, e podemos pensar que é unha marabilla. Pero non, pregúntalles aos músicos de alá e xa che contan que se comen os mocoso o resto do ano. É unha cuestión que ocorre en todo o Estado e en todo o sur de Europa. Nós en Galiza afortunadamente empeza a existir unha sensación de identidade moito maior, de músicos en xeral e de jazz en concreto. E aí a Asociación de Músicos ao Vivo está facendo moito porque isto sexa así. E si que é certo que comeza a haber unha visibilización do estilo noso, de solistas ou de grupos de aquí. E o nivel é incrible, hai xente que está tocando cun nivel internacionalmente de primeirísima liña. E ademais hai mulleres. Por exemplo hai unha baterista na Coruña que se chama Naíma Acuña que flipas. Baterías en Galiza hai moitos: Naíma, Iago Fernández, Max Gómez... hai catro ou cinco que son dos mellores do Estado indiscutiblemente. E logo está Virxilio da Silva, guitarrista; Xan Campos, pianista... ademais é xente que está sacando discos. Eu espero que nalgún momento, os responsables de cultura, tanto públicos como privados, se empecen a dar conta de que os países se poñen no mapa potenciando a cultura de seu que teñen e espero que ao jazz lle chegue o turno pronto.



x