IGNACIO VILAR, DIRECTOR DE 'SICIXIA'

"Eu non tiña historia. A historia foima contando a xente da Costa da Morte"

"Eu non tiña historia. A historia foima contando a xente da Costa da Morte"
Un momento da rodaxe de 'Sicixia' nun barco [á esquerda, Ignacio Vilar]
Un momento da rodaxe de 'Sicixia' nun barco [á esquerda, Ignacio Vilar]  

Hoxe estréase en todas as salas do país 'Sicixia', o novo filme dun Ignacio Vilar que logo do éxito de 'A Esmorga' xa compite coas 'majors' americanas. 


- Mañá [por hoxe] estréase Sicixia e non hai lúa chea, senón decrecente. Como foi iso?
- Os astros están aliñados despois de encher os cines [risos].

- Chega ás salas comerciais non só de Galiza...
- Si, en Galiza estará en todos os cines. Por exemplo, en Santiago estamos nos tres que hai, e no resto das cidades e vilas, tamén. E logo nas principais cidades de España. En Madrid está nos Renoir Princesa, que son dos mellores que hai alí. E sempre en versión orixinal con subtítulos. 

- Logo do éxito da 'Esmorga' foi máis doado distribuila, non?
- Nós distribuimos directamente a través de Via lactea Films, negociamos directamente cos cines. Para poder entrar en Cinesa estivemos dous meses negociando en Londres cando foi da Esmorga. Agora xa non o necesitamos. No Renoir igual. 'A Esmorga' é a nosa carta de presentación, claro. E acabo de chegar de Madrid, onde estivemos gravando con Cayetana Guillén Cuervo o coloquio previo á emisión d'A Esmorga', que se emite o 4 de decembro en versión orixinal con subtítulos en castelán. 

O protagonista do cine somos o equipo técnico e artístico e os espectadores. Sen iso é imposible o noso cine.

- É a primeira vez que acontece?
- Si, na historia de TVE, si. Ese triunfo é grazas aos espectadores galegos e galegas. Nós estreamos 'A Esmorga' só en Galiza porque a nosa estratexia era que se non lograbamos o apoio aquí non iamos conseguilo fóra. O protagonista do cine somos o equipo técnico e artístico e os espectadores. Sen iso é imposible o noso cine. Sen esa complicidade é imposible. 

- Tedes 15 candidaturas aos Goya, unha boa recepción nos festivais, agora quédavos o definitivo ditame do público. 
- Pois si, pedimos esa mesma complicidade para Sicixia, porque se non enchemos esta fin de semana, o xoves quítannos, porque a competencia é tan grande, que tan só nos pode axudar o público. Hoxe [por onte] temos unha preestrea en Cee e mañá [por hoxe] a estrea en Carballo para min é o fundamental, porque os protagonistas son a xente da Costa da Morte, porque é a historia que me contaron eles. Dígoche: se saímos ben hoxe e mañá de Cee e Carballo, podemos conquistar o mundo. E, por sorte, xa conquistamos unha parte: ir ao Festival de Toulouse e gañar o premio á mellor protagonista feminina, e estar en París e ver que se encheu a sala e saíron tocados. E logo Xixón, competindo con grandes directores do mundo, sendo o único filme do Estado na sección oficial, e a única película galega en toda a historia do festival. Sicixia xa vemos que funciona alén das nosas fronteiras. 

O local é universal, porque o universal non existe. 

- É ficción, con pingas de documental, cun protagonismo fundamental para a Costa da Morte, e máis secundario para Sabucedo. É así?
- Non, é tan importante Sabucedo coma a historia da Costa da Morte. Eu digo que é unha ficción que se mergulla na realidade da Costa e da Rapa das Bestas. Aí saen personaxes reais facendo de si mesmos, pero o que din e o que falan é ficción. O que nos achega aos directores o dixital é unha revolución, unha forma de narrar diferente. En 35 sería imposible contar o que contamos. 

- Sicixia é unha historia de amor, na que tamén ten moita importancia o son.
- Si, é fundamental, porque eu percorrín a Costa da Morte cando tiña 15 anos. E nesa viaxe a imaxe gustoume pero o son métese dentro, apodérase de ti. Eu non tiña historia, eh? A historia foima contando a xente da Costa da Morte. Eu aprendín a escoitar as historis que che contan. E, ao final, Sicixia está en galego pero o seu significado é universal. Iso é o que ten que ser o noso cinema: o local é universal, porque o universal non existe. 

- Agora que xa tes este filme entregado, xa estarás a pensar no vindeiro proxecto.
- Oioi, non, que as nosas promocións son moi grandes. Está empapelada toda Galiza. Iso require moito traballo e moito esforzo e planificación. Queremos que chegue a boa nova a todo o país: temos un filme galego e en galego en todas as salas do país. Para min iso é un traballo moi grande e unha ledicia.