ALBERTO VÁZQUEZ, DIRECTOR DE ANIMACIÓN E DEBUXANTE

“Eu quero ser autor das miñas historias”

“Eu quero ser autor das miñas historias”
Alberto Vázquez
Alberto Vázquez  

Alberto Vázquez vén de triunfar no mellor festival do mundo de animación, o de Annecy, coa súa curta 'Decorado' que acadou o Prix Festivals Connexion, onde tamén presentou a súa primeira longametraxe ('Psiconautas') que poderemos ver nos cinemas a finais de ano. 


- 'Decorado' estreouse en Cannes e levou premio en Annecy. Que significa este premio nun festival tan importante para esta curta?
- Son dúas cousas diferenciadas. Estreouse en Cannes, un festival de cine de autor, e para nós é moi importante que o noso filme o consideren tamén así, porque é o que nós intentamos. Nós facemos animación, pero utilizamos a animación como unha linguaxe para poder contar outras cousas. E logo tamén está moi ben que en Annecy, que é o festival máis importante do mundo da animación, estea en competición e leve un premio, porque quere dicir que dentro da animación tamén é valorado o noso proxecto. Non se pode pedir moito máis que que os teus dous primeiros festivais sexan Cannes e Annecy. 

- Cal é a historia detrás de 'Decorado'?
- É unha fábula existencialista sobre o sentido da vida e da familia, das amizades e do mundo que nos rodea. É unha historia que está fragmentada en 18 escenas e ten un sistema narrativo particular e xoga un pouco coa parodia dos contos e das fábulas, o que pasa é que é unha especie de anticonto ou máis ben de antifábula. 

- Por que dis que é un anticonto?
- Porque xoga con elementos propios dos contos, como poden ser os animais antropomorfos, porque os personaxes compórtanse dun xeito que, lonxe de ser os protagonistas planos ou alegres que intentan solucionar a súa vida, teñen conflitos moi humanos porque ao final, como todos os contos teñen unha moralexa, este ten unha antimoralexa. O personaxe que intenta fuxir do mundo que o rodea ao final acepta a súa situación e non hai unha solución. 

'Psiconautas' é unha obra coral, chea de fantasía, pero con moita crítica social, ambientada nunha illa imaxinaria que eu relaciono completamente con Galiza.

- Canto poderemos ver esta curta nun festival galego?
- Vaise estrear en Curtocircuíto. 

- Paralelamente tamén estades a presentar en varios festivais 'Psiconautas', a túa primeira longametraxe. 
- Coinciden no tempo e no espazo os dous proxectos. En realidade rematamos antes 'Psiconautas', pero sempre a distribución dunha longa sempre é máis complexa que unha curta. Entón, rematamos a película, estreamos en San Sebastián e houbo aí un baleiro duns meses no que eu rematei 'Decorado'. Tamén estivo en competición o filme e tamén está en festivais moi interesantes, porque estreouse en San Sebastián, gañou un premio á mellor película no festival de Stuttgart, que despois do de Annecy é o máis importante de animación do mundo. Tivo recoñecementos moi importantes, é unha historia que está baseada nun cómic que fixen hai 10 anos e que codirixín cun director vasco, Pedro Rivero. É un proxecto moi ambicioso que se fixo aquí na Coruña, con debuxantes e animadores galegos. Foi moi interesante e moi duro facelo, un filme de animación son palabras maiores. 

- Iso é un paso adiante na túa carreira pola dificultade de produción. Canto tempo vos levou?
- É un filme de baixo presuposto, os tempos son moi axustados. Eu traballei no filme case tres anos, pero ao final a produción foi tan só de un, cun equipo moi pequeno e moi controlado, que ten algunhas cousas malas, pero por outra, ao facerse todo aquí na Coruña, todo con persoas da miña confianza, puidemos controlar moi ben todos os procesos. Ao final é un filme pequeno, pero moi honesto e moi controlado. 

- E a historia?
- É unha historia intimista e social ambientada nun mundo de fantasía. Os protagonistas son animais, un grupo de adolescentes que queren fuxir dunha illa na que viven, que sufriu un accidente industrial. Hai varios protagonistas e cada un ten os seus problemas. É unha obra coral, chea de fantasía, pero con moita crítica social, ambientada nunha illa imaxinaria que eu relaciono completamente con Galiza. Digamos que é todo unha metáfora do mundo. Combínanse temas moi humanos, como a contaminación, as drogas, a falta de traballo, con outros temas fantásticos, como demos, ou un bestiario moi particular, obxectos que falan... É un filme bastante particular, é como unha gran fábula. 

É un proxecto moi ambicioso que se fixo aquí na Coruña, con debuxantes e animadores galegos. 

- Esta poderemos vela nos circuítos comerciais, non?
- Si, aparte de festivais, a súa estrea está programada para este ano, eu penso que sobre finais de ano debería estrearse comercialmente. 

- Está baseada nunha anterior novela gráfica túa. Como se fai a adaptación?
- Houbo que ampliar a historia, porque se colles o cómic tal e como é daría para 35 minutos. Tivemos que multiplicar a historia por dous, facer máis tramas, máis subtramas, máis personaxes, ampliar as temáticas, houbo que facer unha traslación da linguaxe do cómic a filme, porque a xente pensa que son cousas parecidas pero realmente son moi diferentes. 

- Ti es ilustrador, debuxante de cómic e director de animación. Onde te sintes máis cómodo?
- Para min o debuxo é unha linguaxe moi poderosa, que é moito máis que aprender un idioma ou dous. Eu considérome debuxante e aplico o meu debuxo a contar historias. Antes comecei facendo cómics, porque é un medio moi sinxelo, moi directo e económico e o fas ti só. Logo para ser profesional do debuxo fun tirando tamén de ilustración, estiven moitos anos na prensa, en revistas, facendo libros para adultos, para nenos. E logo chegoume a oportunidade da animación, que é unha forma moi diferente de contar historias, moi diferente porque tes que traballar con xente, manexar orzamentos, produtoras, pero ao final é o mesmo: contar historias mediante debuxo. Traballo só, na miña casa, coas miñas ideas. E o que teño moi claro é que me gustan as visións persoais dos traballos. Eu quero ser, digamos entre aspas, autor das miñas historias, dos meus traballos e das miñas ideas. Non é doado pero por agora vivo diso desde hai moitos anos. 
- Como ves o teu futuro? Máis tirando cara o audiovisual ou mantendo estas tres patas en equilibrio?
- Ese equilibrio está ben, porque se che falla unha quédanche as outras. Pero agora mesmo estou moi metido na animación e estes dous traballos e os anteriores déronme bastante visibilidade a nivel internacional e agora estou preparando outra longa, pero aínda estou na primeira fase, e levará tres anos facelo. Pero aí estou, eu agora mesmo véxome máis como director de animación, pero sigo facendo traballos de libros, ilustracións para prensa cando me chaman e algunha vez volverei facer un cómic, pero agora estou moi ocupado con iso. 

- De que vai o novo proxecto?
- Chámase 'Unicorn Wars' e é unha especie de fantasía bélica, dun exército de osiños que sae a cazar unicornios porque están en guerra. É unha especie de parodia do xénero bélico para falar de temas actuais na nosa sociedade, como a relixión, a guerra, o poder. Ten un punto cómico, pero mestura unha especie de crítica relixiosa bastante grande. É un proxecto bastante peculiar, agardemos que saia adiante. Tampouco descarto facer algunha curtametraxe entre medio, se teño tempo, forzas, enerxías e diñeiro. Porque as curtas encántame facelas, ten un percorrido por festivais marabilloso, viaxes moito, coñeces moita xente e propostas artísticas moi diferentes. Nos filmes é máis difícil porque hai intereses comerciais de por medio, entón intentarei facer as dúas cousas se for posible. 

PSICONAUTAS, THE FORGOTTEN CHILDREN_TRAILER_ENG SUB from Basque Films on Vimeo.

 



x