Falece Fran Pérez 'Narf'

Falece Fran Pérez 'Narf'
Fran Pérez 'Narf'
Fran Pérez 'Narf'  

Vén de morrer logo dunha curta enfermidade o cantante, guitarrista e compositor Fran Pérez 'Narf', un dos personaxes máis queridos da música galega.


Hai dous meses Fran Pérez (Silleda, 1968) cancelaba unha xira pola Península para presentar o seu último traballo, un proxecto compartido con Uxía que levou o nome de 'Baladas da Galiza Imaxinaria' e que tamén os levara a unha extensa xira por Estados Unidos. 

Nas últimas semanas, malia a súa enfermidade, Narf foi quen de xuntar forzas para levar adiante o seu concerto no Womex que tivo lugar o 22 de outubro, no que presentaba o seu proxecto xunto cos mozambicanos Timbila Muzimba. Ao día seguinte, ofrecía para o público compostelán un derradeiro e emotivo concerto que rematou sendo unha despedida. 

Traxectoria

Desde novo participou nos movementos máis anovadores da música galega. Fixo parte de bandas como a Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Foi un dos fundadores da Sala Nasa en 1992 e ten composto numerosas bandas sonoras para teatro, ademais de participado como actor nalgunhas montaxes de Chévere. Tamén compuxo as músicas para o filme de animación para nenos 'O labirinto dos soños'.

Ten publicado tres traballos en solitario: 'Narf. Directo en Compostela' (2003), 'Tótem' (2007) e 'Nas tardes escuras' (2013, sobre textos de Rosalía de Castro). 

Na súa carreira a procura de partenariados con outros músicos de todo o mundo foi unha constante. Desde 'Mundo café (2003) xunto con Jabier Muguruza e Miquel Gil, até 'Alô irmao' (2010) co guineano Manecas Costa e o seu último traballo, 'Baladas da Galiza Imaxinaria' (2015), con Uxía, ademais de Bumba, o proxecto cos mozambicanos Timbila Muzimba que viña de recuperar.