SUSO DE TORO / ESCRITOR

“En 'Cinco Feiras' gustaríame non escribir de política”

“En 'Cinco Feiras' gustaríame non escribir de política”
O escritor Suso de Toro.
O escritor Suso de Toro.  Foto: X.M.

Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) regresa, de forma regular, á prensa galega. Faino coa sección Cinco Feiras, que publicará cada día da semana no dixital Sermos Galiza. A piques de estrear novela -Fóra de si, en Xerais- despois de sete anos de silencio, tamén cociña un ensaio sobre as razóns da literatura. “Non sei estarme quieto”, confesa divertido.


-En que consistirá Cinco Feiras?

 

-Trátase dunha cousa nova, distinta a escribir un artigo diario. A súa natureza non é a dunha columna. Estará ligada ao decorrer dos días, á vida cotiá.. E gustaríame non escribir de política. Ou, polo menos, non escribir de política todos os días. Malia que vivimos unha crise de Estado en que a política se agudiza. Pero gustaríame que fose máis aberto.

 

-A quen se dirixe?

 

-Sermos ten un lector cun determinado perfil ideolóxico e cultural. Son consciente, e iso condicióname. E eses dous aspectos, a angustia política e o lector ou lectora imaxinado, quítanme liberdade.

 

-Di que se trata dalgo novo mais lembra aquelas Botelhas ao mar que escribía nun blog.

 

-Pode ser, si. Mais Botelha ao mar era dun tempo en que me negaban. Foi unha afirmación existencial, do tipo “a min non me matan”. Daquela, Internet estaba comezando e non sabía canta xente me podía ler. Era moi libre. Agora eu funme configurando como comentarista político e non sei qué Suso de Toro agarda a lectora. Ao mesmo tempo, Cinco Feiras é tamén un reto, un desafío, escribir cinco días á semana e ver se consigo que a lectora me siga. Agradezo a Sermos que me acolla.

 

-É o seu regreso regular á prensa galega, na que non lle resulta doado publicar malia a súa traxectoria.

 

-O peor deste país é que nos obriga a repetir o que debera ser evidente, a ter que razoalo. E este poder autodestrutivo, autoritario, a xente teno dentro. Cando expoño as miñas dificultades para estar na prensa galega, hai quen me di “home, claro, ¿e que esperas?”. O peor é percibir esa conformidade no mundo intelectual. En vez de rebelión, acéptase a derrota, non hai loita. Mais eu, polo momento, non acepto a situación actual. Con todo, intentarei non expresar esta angustia na nova sección [ri].

 

-Nestes anos, foi usuario activo das redes sociais. Que relación teñen coas súas intervencións xornalísticas?

 

Eu impliqueime, con outra xente, na construción dunha candidatura nacional. É terríbel que non exista unha expresión galega mínima no Congreso, sobre todo neste intre histórico. Iso e o Proceso catalán empuxáronme a twitter. Eu digo que Catalunya é o frente pola democracia no Estado español, e non tomar botellines en la Puerta del Sol. É un movemento republicano e democrático. Non vexo que IU cuestione a monarquía. Aínda que si o fai Podemos, que a critica e critica tamén o 155....

 

-Preguntáballe polas redes sociais.

 

-Si, si [ri]. Quero dicir que a miña intervención nelas foi funcional, utilitaria, ao servizo dunha belixerancia política. En Cinco Feiras quero que o lector espere algo máis aberto.

 

-Xa rematou a súa novela de retorno á literatura?

 

-Está rematada, si. Pero non lle dou moita importancia. Ao interromper a escrita [Suso de Toro anunciara hai case oito anos que abandonaba a súa carreira literaria], non teño programa estético. Mais é unha novela moi miña. E o editor [publicaraa Edicións Xerais] está contento.

 

-Ten título?

 

-Ten: Fóra de si. Despois de que saia en galego, aparecerá en castelán -traducina eu mesmo- e en catalán.

 

-Por que volveu escribir e publicar ficción?

 

Para me divertir. Polo mesmo polo que empezo esta sección no Sermos. E porque realmente me gusta, non paran de ocorrérseme historias e desafíos literarios. A xente non sabe que os que escribimos estamos infectados, colonizados, de linguaxe. E que nos tranformamos ao escribir. Tampouco sei estarme quieto, claro.



x