EXPOSICIÓN NO MARCO

Elas e eles, feministas na Galiza


Elas e eles, feministas na Galiza

A exposición Alén dos xéneros percorre as prácticas feministas da Galiza a través da obra de 50 artistas. Deixamos un extracto da reportaxe que lle dedicamos no Sermos Galiza 232.

Desde sempre a muller, ao igual que o home, foi protagonista en diversos ámbitos, tanto culturais, políticos, económicos e de índole social. Mais poucas veces lle foi recoñecido ese labor. O seu papel de creadora e divulgadora de pensamento. A capacidade para deixar pegada e mudar a contorna. A exposición Alén dos xéneros: Prácticas feministas na Galiza pretende visibilizar a figura feminina na arte e recordar que as mulleres sempre estivemos aí.

3O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acolle, entre o 27 de xaneiro e o 11 de xuño, o proxecto Alén dos xéneros: Prácticas artistas feministas na Galiza. A mostra, comisariada por Anxela Caramés, doutora en Belas Artes cunha tese sobre exposicións feministas realizada no Estado español, e coa coprodución do Auditorio da Galiza, ocupa os espazos do primeiro andar do museo. Trátase dunha exposición colectiva que reúne unha selección de obras de 50 artistas vencelladas ás prácticas feministas realizadas, tanto por mulleres como por homes, na Galiza desde os anos noventa até a actualidade. Á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI -Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Queer e Intersexuais-.

Alén dos xéneros permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito nacional co estatal e internacional. “É unha exposición formulada en diálogo coa mostra actual, comisariada por Rosario Sarmiento, Mulleres do Silencio”, explica Anxela Caramés, en declaracións a Sermos Galiza. “A idea é cubrir un baleiro que existe dentro da historiografía da Galiza, xa que é a primeira vez que se fai algo así”, afirma a comisaria. Por outra banda, Caramés fai fincapé en que estamos ante unha mostra ampla, mais hai moitas outras artistas que, por cuestións de espazo, non están dentro e levan tempo traballando arredor destas inquedanzas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 232 do Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]



x