O Festigal Agrogay pasa a chamarse Agrocuir

O Festigal Agrogay pasa a chamarse Agrocuir
Imaxe da pasada edición do Festival [Foto: Brais Besteiro]
Imaxe da pasada edición do Festival [Foto: Brais Besteiro]  

Este festival da Ulloa, que xa se fixo moi popular nos seus poucos anos de existencia, modifica a súa denominación para recoñecer, tamén de nome, todas as diversidades afectivas e de identidade. 


O Festival AGrocuir dedicará a súa cuarta edición, que terá lugar os días 25 e 26 de agosto, á loita do colectivo transexual e á defensa do bosque autóctono. Entre o seu programa de actividades destacan as actuacións de Mercedes Peón, Rodrigo Cuevas, Tanxugueiras, Radio Cos e Silvia Penide, ademais de proxeccións de cinema LGTBQI, arte de rúa, formación sobre feminismos, ruralidades e común...

 

Nesta edición o festival transita desde o "agrogay" cara ao "agrocuir", nun intento de "abrir o abano de posibilidades de existir, sen xénero que determine se es home, muller, lesbiana, gay, aldeán, urbanita, travesti, transexual, hetero ou calquera das denominacións nas que debemos encaixar para ordear, clasificar, cuantificar a cultural natureza humana". "Somos cuirs", resume Laura Halçague, "porque valoramos a liberdade de sentir, de ser o que cada un desexa".

 

Esta cuarta edición estará dedicada á loita do colectivo transexual e á defensa do bosque autóctono

 

O festival recupera, tamén, nesta edición a bandeira de oito cores, que é a bandeira orixinal que representaba o movemento LGTBIQ. "Perdéronse dúas cores polo camiño", explica Gina Gisbert, "o rosa e o azul claro, que representaban precisamente a bandeira trans". "O colectivo trans", abunda, "foi moi relegado dentro do movemento, a pesar de ser precisamente os que iniciaron a loita". Por iso, este ano o festival dedica os seus premios á visibilidade desta edición ao colectivo trans.

 

A festa comezará o venres 25 en Monterroso, coas actuacións de Silvia Penide e de Radio Cos. O sábado 26, xa de boa mañá, a Granxa Maruxa collerá un taller de baile tradicional con Gabi Reboredo e actividades lúdico-educativas coa Escola Semente, unha táboa redonda sobre a defensa do bosque autóctono e os procesos de eucaliptización  e a sesión vermú con Tanxugueiras. Despois do xantar colectivo na carballeira da Granxa, haberá un contacontos musicalizado coa Escola Semente, proxección final do ciclo de cine LGTBIQ e a lectura do manifesto e a entrega dos premios á visibilidade e as actuacións estelares de Rodrigo Cuevas e Mercedes Peón. Pola noite, a festa trasladarase á vila de Monterroso, cos cantos de taberna e o peche na Peneda, a cargo do DJ Moreno Moreno.

 

Unha novidade desta cuarta edición do festival será a existencia dunha Festa Agrocuir previa ao festival. Será a última fin de semana de xullo, tamén en Monterroso. Comezará na sexta feira co concerto de Fresquiños e unha sesión de DJs e seguirá o sábado cun Módulo formativo do PEMAN sobre feminismos, ruralidades e comúns -que incluirá unha acción pública arredor da festa popular- e cunha intervencion mural a cargo do Colectivo Matrioska. Xa pola noite, terá lugar a primeira proxección do ciclo de cinema LGTBQI que continuará todos os sábados até o festival.
 



x