O Festival de Cinema Fantástico da Coruña premia unha curta finesa

O Festival de Cinema Fantástico da Coruña premia unha curta finesa
Os Percebes Mutantes cos que o FKM premia os filmes. Foto: cedida
Os Percebes Mutantes cos que o FKM premia os filmes. Foto: cedida  

Fucking Bunnies, dirixida por Teemu Niukkanen, relata en 17 minutos a historia dunha secta satánica que se instala no mesmo andar que o do protagonista do filme. O noveno Festival de Cinema Fantástico FKM da Coruña vén de lle entregar o Percebe Mutante á Mellor Curta do certame. O outro premio gordo, á Mellor Ópera Prima en formato longo, levárono Ikaros: a vision, de Leonor Carballo e Matteo Norzi, e Sweet Virginia, de Jamie Dagg.
 


Mais foi Woman who kill (2016), da estadounidense Ingrid Jungermann, a que xuntou máis distincións: ao Mellor Guión de Ópera Prima, á Mellor Banda Sonora, e ao mellor cartaz. O Percebe Mutante aos Mellores Efectos Especiais foi para Housewife (2017), do turco Can Evrenol.

 

Ao longo dos oito días de encontro, que remataron onte coa entrega de premios, os espectadores tamén puideron ver unha pequena escolma de clásicos do xénero baixo o título Homenaxe a Satán. A célebre O Día da Besta (1995), de Álex de la Iglesia; o clásico de culto sobre o paganismo The wicker man (Robin Hardy, 1973), ou un repaso ao mito da contracultura satánica Kenneth Anger foron algunhas das obras proxectadas.

 

Especializado en "cinema fantástico, de terror e ciencia ficción", o FKM completou o seu programa con mesas redondas -unha delas arredor das meigas e as bruxas-, clases maxistrais, exposicións ou sesións infantís.



x