Festival da Liberdade: arranca en Cangas o 'festi' 100% solidario e construído desde a base

Festival da Liberdade: arranca en Cangas o 'festi' 100% solidario e construído desde a base
Festival da Liberdade
Festival da Liberdade  

Tres días de concertos intensos e un programa de actividades paralelas dos de sacar o hipo. Por se isto non for abondo, todo construído desde o activismo e o apoio mútuo e cunha finalidade de respaldar os movementos sociais e os proxectos de base. Falamos cunha das persoas implicadas no proxecto.


Non todos os festivais son iguais

A segunda edición do Festival da Liberdade arranca esta quinta feira en Cangas. Tres días (13, 14 e 15 de outubro) para a música, o convivio, a aprendizaxe, a diversión e o compromiso, entre outras moitas posibilidades. Que destacar deste Festival a respecto doutros? “Ten unha produción desde a base e o activismo, solidaria e moi ben feita, por profesionais”, destaca unha das persoas implicadas neste proxecto. Non só iso, aponta, o feito de ser “un festival 100% solidario, onde todos os beneficios van reverter en movementos sociais” e proxectos de base é outro motivo de diferenciación (e orgullo).

O cartaz de cartaces

O cartaz musical para estes días comprende diferentes propostas e estilos. Chikos del Maíz, Rebeliom do Inframundo, Superoito, Sara Hebe. KOP, Falperrys, Dakidarría, Porretas... A lista é ben ampla.Entre as persoas organizadoras destacarían catro cuestións. A primeira, Los Chikos del Maíz, que anunciaron a súa disolución e o broche en Galiza vaino poñer este concerto. Engade tamén o concerto de Dakidarría, “un grupo que se implicou moito neste festival”, e que fecha a xira 'De cuncas e de mar' neste festival.

Para rachar estereotipos, no Festival vai haber unha bande reggetón. “Un estilo que se asocia a discursos machistas, do sistema...”. Mais non esa que vén a Cangas. A súa proposta é clara, feminista e libertaria. A non perder.

Como a non perder é outra das recomendacións: o acústico de Xavi Sarriá (que fora cantante de Obrint Pas) e Feliu Ventura no Auditorio de Cangas, dentro da programación de actividades paralela. “É moi ilusionante poder velos pro primeira vez en Galiza”. O programa contempla moito máis: a treboada perfecta do punk vigués co gancho do retorno de Disturbio 77, por exemplo. “E todos os grupos galegos que están no festival, dun primeirisimo nivel, incríbeis”, sentenzan.

Segundo ano, dúas novidades

Segunda edición e dúas novidades a destacar. En primeiro lugar, o concurso Suso Vaamonde. “Este festival naceu de activistas, viñamos dos movementos sociais e queriamos 'engadir máis movementos á iniciativa. Por iso este concurso”. Son 16 os proxectos presentados, desde centros sociais ao eido educativo, pasando polo anti-represivo ou de defensa dos animais. A través das redes sociais (Facebook) e de votación no propio festival elixirase un dos proxectos presentados, que recibirá parte dos beneficios do Festival da Liberdade para desenvolver o seu proxecto. “É unha forma de axudar ás propostas que saen da base e, ao tempo, homenaxear unha persoa como foi Suso Vaamonde”.

O programa de actividades paralelas é outro dos alicerces que destacan nesta segunda edición do Festival da Liberdade. “Non creo que haxa moitos festivais con tantas e tan boas”, considera. Cinema, charlas, foliadas, obradoiros, mercadiño ecolóxico, circo... conforman unha manchea de propostas para estes tres días. “Reforza o contido social e político do festival”, afirman na organización.

Xente, mans, compromiso

Son por volta de 50 persoas voluntarias as que fan posíbel estes tres días de festival en Cangas. Nun momento de crise da militancia, medio cento de persoas asumen investir tempo e esforzo nun traballo que é duro, como afirman as persoas implicadas, “Durmes pouco, traballas arreo...” Beneficio? “Cando ves que a xente acode ao festival e participa”.

Destacan que colabora xente de movementos moi variados, ao igual que o abano ideolóxico. Un máis valor a coidar “Iso é moi enriquecedor”, engade, ao tempo que agradece o apoio do centrosocial A Tiradoura.