O festival Feito a Man homenaxea a Narf cun concerto-tributo

O festival Feito a Man homenaxea a Narf cun concerto-tributo
Presentación do Feito a Man esta mañá nas rúas de Compostela
Presentación do Feito a Man esta mañá nas rúas de Compostela  

O espectáculo, que terá lugar no 30 de agosto na Quintana, levará o título de 'Camiñar sen fin' e pretende celebrar o legado musical e humano do artista, ademais de reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo chegados de Mozambique, Portugal, Euskadi e Inglaterra. 


O concerto, que está dirixido polo músico Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco 'As baladas da Galiza imaxinaria'; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto 'Mundo café'; e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros. 

 

Tamén haberá presenza destacada do mundo do teatro galego, con Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval. 

 

O Feito a Man máis longo

 

O festival compostelán de agosto que organizan os locais organizados en Cidade Vella afronta o seu evento máis amplo, con case 80 espectáculos e máis de 70 propostas artísticas diferentes do 3 ao 30 de agosto. 


Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Só dúas das propostas son de pagamento: o concerto-tributo a Narf o 30 de agosto; e o concerto de Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras, no que tamén se homenaxeará a Angus R. Grant, o violinista e 'frontman' dos escoceses, falecido o pasado ano. 



x