UNHA ESCOLMA DO PAPEL/ENTREVISTA CON LUCIO MARTÍNEZ

“Filgueira participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”

“Filgueira participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”
[Imaxe: Anxo Cabada]
[Imaxe: Anxo Cabada]  

O investigador Lucio Martínez é autor do libro Medo político e control social na retagarda franquista (Xerais) no que estuda os procesos de depuración, incautacións e tribunais especiais da ditadura. Lucio Martínez fala dunha represión “paranoica” con mecanismos de control e imposición do medo propios dun réxime totalitario que quería asentarse no poder.


-Xa desde o inicio do libro denuncia o problema de acceso aos documentos na investigación histórica arredor da represión franquista.

 

-Meteron o ferrollo amparándose nas leis. Empregáronse vías alternativas de discurso para paralizar calquera investigación. En Galiza ten unha singularidade propia cando queremos estudar a que se coñece como represión fría, de máis longa distancia e que inocula o medo durante máis tempo. Cando estudamos os efectos sociais desa represión atopámonos con que a maior parte dos documentos están fóra de Galiza, no Arquivo Xeral da Administración e no Centro Documental da Memoria Histórica e, ou non están catalogados ou están desperdigados, sen referencias de orixe. A confluencia entre a Lei de Arquivos e de Protección de Datos dificulta as consultas. O proceso de dixitalización paralizouse e hai ordes para facer interpretacións restritivas. Estudar, por exemplo, a intervención da igrexa galega na subministración de informes para a depuración é case imposíbel.

 

-Coida que eses atrancos responden a mecanismos de ocultamento?

 

-Son accións sistematizadas. Hai acordos e ordes. Pola experiencia cos arquivos eclesiásticos dos bispados galegos cheguei a esa conclusión. A Igrexa informou sobre a conduta moral e relixiosa e non se pode acceder a eses documentos. A Lei de Transparencia vai incrementar o problema porque mesmo amplía as limitacións da Lei de Segredos Oficiais franquista. Está feita para impedir a investigación. Non só cargaron a Lei da Memoria Histórica no aspecto máis evidente tamén neste outro que, á longa, é moi perigoso. Neste sentido, os anos corenta e cincuenta na Galiza, en termos da chamada represión fría, son unha especie de burato negro onde desaparece todo, do que se fixo un expurgo selectivo. Exemplo diso é o caso de Filgueira Valverde que presidiu varias comisións de depuración e nos arquivos só hai cartas de petición de clemencia e outras nas que el tenta interceder por determinadas persoas. Responde ao afán por facer un debuxo para a posteridade fabricando un retrato alterado.

 

-Quere dicir que do papel no réxime de Filgueira só quedaron os documentos que daban unha imaxe, por así dicilo, piadosa?

 

-Deixa só documentos para que saia un retrato a posteridade como un individuo xenerosamente cristián. Son cartas de docentes dos anos cincuenta que sofren, que teñen enfermidades, que se encomendan á Virxe e moi católicos que apelan a el. Supoño que se expurgaría a principios dos anos setenta. Nese sentido foi astuto. Filgueira non só presidía a comisión de mestres de primaria e secundaria senón tamén a de arquivos e bibliotecas.

 

-Que demostra iso?

 

-Desde o momento que é membro non só dunha senón de varias comisións e tribunais de depuración indica a súa participación na represión. Dáse nel como unha implementación, ansia por prestar servizos ao franquismo. Noutros países chámanlle colaboracionismo. No noso caso non se estudou nin o colaboracionismo nin as delacións. Corremos un tupido velo. Os franceses e alemáns si o fixeron.

 

Querían inocular o medo e o silencio, paralizar a poboación e que as súas actividades se restrinxiran ao ámbito privado e laboral 

 

-Semella que en Francia e Alemaña sería tamén imposíbel homenaxear un “colaboracionista”.

 

-Absolutamente impensábel cando aquí, pola contra, o presidente da Real Academia Galega decide chamarlle “franquiano”. Non deixa de ser un xogo de palabras que pretende furtar a realidade. No noso caso estamos empezando a ver que o papel das delacións é grande. Produciuse unha especie de colapso e mesmo houbo que paralas. A delación presentouse como unha obriga moral e no fondo foi unha forma rápida de implicar a sociedade civil na represión e reforzar os lazos coa ditadura. Penetrou en todo o tecido social e quebrou lazos afectivos e de solidariedade. Sen ese tipo de colaboracionismo un sistema represivo non se logra manter tantos anos despois de rematada a guerra.

 

-Falamos entón dunha sociedade apresada polo medo e o silencio?

 

-Existe tamén o que lle chaman zonas grises, unha parte que non se somete e crea un discurso oculto de disenso. Déronse, por exemplo, actos de rexeitamento do Auxilio Social. O disenso foi espontáneo, de supervivencia, digamos que pospolítico, mais existiu e entra en colisión co discurso da Galiza submisa que non houbo.

 

-Cal foi entón o alcance real da represión?

 

-Trátase dunha represión paranoica, sobrante, cunha implementación excesiva. Lévanos á teoría do medo. Querían asentarse no poder e canta máis represión máis seguros estaban. A represión dura tiña como consecuencia o exilio, a fuxida ao monte, as execucións... deixaban fóra da sociedade. A represión branda permitía que a poboación fose produtiva mais baixo presión dunha ameaza constante, dosificando o temor. As comisións depuradoras e os tribunais de responsabilidade política alongáronse e hai expedientes que se abren no 39 e non se pechan até anos despois.

 

-Estableceuse un sistema de control con eses mecanismos sobre a sociedade?

 

-Querían inocular o medo e o silencio, paralizar a poboación e que as súas actividades se restrinxisen ao ámbito privado e laboral. Un sistema totalitario. Os mecanismos de relación do réxime político coa poboación de control social e vixianza é de totalitarismo até finais dos anos cincuenta coa máxima intensidade no ano 41 no que Falange abre expediente a máis de 10.000 galegos. Nos anos cincuenta aínda se resolvían peticións de funcionarios que querían reintegrarse as súas prazas ou que rematase o seu desterro.

 

-A Transición supuxo unha lousa pactada sobre a historia, segundo vostede. Continuamos a ter unha débeda de recuperación de memoria histórica?

 

-Non temos un problema de memoria histórica senón peor. Temos un problema de Historia. Os elementos de xustiza, de reparación, veñen cando se valora a memoria histórica e se consegue que o relato das vítimas se converta no centro do discurso ético da democracia. Antes teriamos que facer Historia e este paso non está completado. Aí están, por exemplo, os informes do relator da ONU denunciando esta situación. A memoria histórica ten un compoñente político mais ten que funcionar a partir duns datos. A situación actual conduce a que fagamos un relato martiroloxio laico sen avanzar máis. Trátase de producir desgaste e paralizar o proceso.

 

 


Medo político e control social na retagarda franquista

 

A represión non foi unicamente un recurso para impedir e desanimar comportamentos de disidencia ou oposición, senón tamén un mecanismo de control social empregado para modelar e axustar as condutas da poboación. As represiones administrativa e económica serviron para dirixir a conduta colectiva da comunidade cara a pautas de comportamento de asimilación obrigada dos valores políticos da ditadura. O temor estendido entre amplas capas da sociedade foi un elemento imprescindible para asentar o proxecto político da ditadura. O silencio preventivo derivado dese temor constituíuse en pauta conformadora das relacións sociais, en eficaz instrumento de desmovilización, neutralizador de disidencias e xerador de pasividades submisas. Asmedopolítico distintas modalidades represaliadoras institucionalizaron o franquismo mediante a construción dun individualismo inhibidor de respostas colectivas críticas. Se a represión física incidiu sobre os adversarios máis directos do novo réxime, o temor producido polas restantes formas de represalias permeabilizou socialmente a violencia política entre amplas capas da sociedade, funcionando como un importante axente psicolóxico de acción social. O medo transformouse nunha experiencia que illaba os individuos que non podían exteriorizalo sen censurar o poder que o puxera en circulación. Existía unha imposibilidade de narrar a experiencia das vítimas máis alá dos achegados directos. Esta privatización do sufrimento e a dor foi expresión da adaptación da poboación a este contorno de temor producido pola actuación dos distintos mecanismos represaliadores. Á penalidade directa producida por comisións depuradoras, comisións incautadoras, tribunais especiais de responsabilidades políticas e represión da masonería, hai que engadir unha rebaixa non expresa de dereitos e en ocasións unha verdadeira desclasificación para a vida ordinaria, unha marcaxe e un rexeitamento social que fai que moitos profesionais, unha vez cumprido o castigo de perda dos seus empregos, o traslado forzoso, a inhabilitación ou o pagamento dunha forte multa, teñan que trasladarse fóra da súa rexión para poder seguir traballando e exercendo as súas profesións. O fenómeno represivo funcionou como un plan global e xerarquizado, que actuou nunha multiplicidade de direccións coordinadas na que se trenzaban multiplicidade de ámbitos xudiciais para atrapar a disidencia. Con este sistema de complementariedades –o mesmo comportamento podía ser penalizado varias veces por vías distintas– o réxime asegurábase que distintas instancias represivas alcanzasen cos seus castigos e as súas derivadas espectrais de medo o maior número de republicanos. A posta en práctica de exhaustivos e totalitarios instrumentos de vixilancia social é un dos aspectos estudados nesta obra. A represión fría ou complementadora foi un proceso complexo, contou cun aparato estatal de vixilancia e información formado por miles de informantes, párrocos, e delatores, no cal se viron involucrados unha gran cantidade de organismos creados ao efecto: tribunais civís especiais, xulgados especiais, comisións depuradoras, comisións incautadoras. O carácter imprevisible na aplicación da represión –moitos dos comportamentos represaliados rebordaban as figuras delituosas recollidas nas leis– e o amplo sobrepasamento dos prazos temporais establecidos para a finalización dos procesos de investigación, produciu a asimilación colectiva dunha violencia de conclusión non previsible. A envergadura da vixilancia e o control dos comportamentos foi tal que o funcionamento dos distintos aparatos represivos foise colapsando pola propia dimensión do obxectivo buscado. As súas derivadas: a incapacidade para soster economicamente a familia, a separación dos seus membros, a fame, o truncamento de carreiras profesionais e a morte social, foron outros dos compoñentes da violencia que serviron de intensificadores do medo. Un mesmo comportamento delituoso era xulgado e condenado por xurisdicións distintas, o que producía unha acumulación de penas económicas, laborais e privativas de liberdade concorrentes na mesma persoa. No caso de que esta falecese, o castigo económico ou a incautación total de bens era «herdado» polos cónxuxes e fillos das vítimas. As sancións económicas tiñan que facerse efectivas, aínda que o responsable falecese antes de iniciarse o procedemento ou durante a súa tramitación, e con cargo ao seu caudal hereditario. Esta proxección da culpa sobre os familiares prolongouse incluso máis alá da existencia das leis represaliadoras que a contemplaban, ata ben entrados os anos 60. Nas peticions de clemancia a totalidade da vida do peticionario era novamente exposta a unha disección total na que participaban cos seus informes veciños, alcaldes de barrio, párrocos. O control da conduta exercitábase cara a e desde todas as direccións sociais, desde os centros de traballo, desde a veciñanza, sobre os propios familiares.

 

Esta entrevista con Lucio Martínez -acompañado dun avanzo editorial do seu libro- apareceu no Sermos Galiza nº 129, publicado a 15 de xaneiro de 2015. 

 

 



x