O filme portugués 'A fábrica de Nada' gaña Cineuropa

O filme portugués 'A fábrica de Nada' gaña Cineuropa
O Xurado Novo de Cineuropa e o director do certame José Luis Losa. Foto: cedida.
O Xurado Novo de Cineuropa e o director do certame José Luis Losa. Foto: cedida.  

O festival Cineuropa de Santiago de Compostela clausurou a súa 31ª edición. Este ano, o evento tivo como novidade o seu Primeiro Xurado Novo, composto por sete mozas e mozos.


As mozas e os mozos outorgaron os premios á Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Guión, Premio Especial do Xurado, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. Ademais, encargáronse de distinguir un filme co Premio Cine e Dereitos Humanos Cineuropa 2017, iniciativa do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

 

O xurado –integrado por Pablo Víctor Estévez, Mario Fernández, Ester García, David Iglesias, Laura Ramos, Valeria Vázquez e Cristina Veiras– anunciou o palmarés desta edición na cerimonia de clausura realizada esta terza feira no Teatro Principal. O grupo decidiu premiar A Fábrica de Nada como Mellor Filme. A peza, dirixida polo director portugués Pedro Pinho, amosa a loita sindical dun grupo de traballadores cuxa fábrica está a ser desafiuzada. Con tintes de musical, Pinho resignifica as prácticas de resistencia.


 
A Mención Especial do Xurado foi para Tesnota, unha peza do director ruso Kantemir Balagov cunha coidada dirección de arte que deita luz sobre a opresiva situación dunha familia xudea no Cáucaso. Por outra banda, a escocesa Lynne Ramsay gañou o Premio a Mellor Dirección por You were never really here, unha renovada ollada sobre o thriller. Alén disto, o uso de recursos extrafílmicos e a abordaxe de temas como a eutanasia, o suicidio ou a desigualdade de clases foi motivo para distinguir Happy End, escrita e dirixida por Michael Haneke, co Premio ao Mellor Guión.

 

Canto á interpretación, Laetitia Dosch foi recoñecida co Premio a Mellor Actriz polo seu papel principal en Jeunne Femme (Montparnasse Bienvenue), da directora Léonor Serraille mentres que Meinhard Neumann levou o Premio a Mellor Actor polo rol protagonista en Western, dirixida por Valeska Grisebach.

 

Por último, o Premio Dereitos Humanos foi para Estados Clandestinos: Un capítulo rioplatense de la Operación Cóndor, unha producción uruguaio-arxentina dirixida por Marc Iglesias e Paula Monteiro que amosa a represión vivida no Cono Sur durante a década dos 70, contada polos propios militantes torturados.

 

Esta selección foi feita de entre 29 filmes que o Xurado visionou ao longo destes 22 días de novembro no que Cineuropa encheu, un ano máis, seis sedes da cidade de Santiago de Compostela con 264 títulos de 50 países. As persoas espectadoras tamén contaron co seu tradicional Premio do Público que, unha vez escrutados todos os votos, foi para o filme L’insulte, do director Ziad Doueiri, que conseguiu un 8,56 de puntuación. A obra explora a quebra da sociedade libanesa a respecto da tensión co pobo palestino.



x