O FIOT acolle a estrea absoluta de O Tolleito de Inishmaan

O FIOT acolle a estrea absoluta de O Tolleito de Inishmaan
Cándido Pazó, no centro, dirixe a obra
Cándido Pazó, no centro, dirixe a obra  

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo acolle esta sexta feira 14 de outubro a estrea absoluta de O Tolleito de Inishmaan, unha obra de Martin McDonaugh adaptada e dirixida por Cándido Pazó.


O Tolleito de Inishmaan, a versión moderna dun clásico universal de grande éxito, obra do dramaturgo irlandés Martin McDonaugh, chega esta sexta feira ao teatro galego da man de Cándido Pazó no FIOT de Carballo, que acollerá a estrea absoluta da peza con dous pases.

Trátase dunha historia entrañábel e sorprendente que discorre nunha pequena illa irlandesa –mais que podería ser calquera aldea galega-, na cal conviven de forma illada diversas persoas, entre elas un eivado que só procura ser amado e valorado como calquera. Un espectáculo de grande formato que debuxa unha paisaxe humana complexa cun elenco conformado por oito extraordinarios actores e actrices como o son Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans. Unha comedia negra que destaca pola súa insólita forza dramática.

Antes da estrea absoluta, as persoas espectadoras tiveron a oportunidade de manter unha conversa cos intérpretes de O Tolleito de Inishmaan, unha cita que decorreu na quinta feira 13 de outubro, dentro do ciclo “Café con” do FIOT.

O Tolleito de Inishmaan é o primeiro espectáculo que presenta a compañía Contraproducións, unha coprodución do FIOT. Con esta estrea dáse así comezo a unha xira que arranca en Carballo e que os levará nos seguintes días polo Barco de Valdeorras (21 de outubro), Muros (22 de outubro), Oleiros (29 de outubro) e Noia (12 de novembro).