ROSARIO SARMIENTO, COMISARIA DE "MULLERES DO SILENCIO. DE MARUJA MALLO A ÁNGELA DE LA CRUZ"

"A formación das mulleres artistas non foi parella coa súa visibilidade no ámbito profesional"

"A formación das mulleres artistas non foi parella coa súa visibilidade no ámbito profesional"
Rosario Sarmiento
Rosario Sarmiento  

Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de La Cruz é a nova exposición propia que inaugura esta sexta feira o MARCO de Vigo. Comisariada por Rosario Sarmiento, a mostra fai un percorrido pola obra das artistas galegas desde os anos trinta até os noventa do século pasado. A exposición permanecerá aberta até o 16 de abril. Coñecemos da man da súa comisaria en que consiste.


Que poderemos ver na exposición?

A exposición é relectura da mostra A arte inexistente, que fixera en 1995 no Auditorio de Galiza. Naquela exposición facíase un percorrido polas artistas galegas de finais do século XIX e principios do século XX e púñase enriba da mesma o protagonismo das mulleres que houbo na historia da arte de Galiza. Dalgunha maneira, desa relectura actualizada, un dos temas que me serviu como fío condutor e no que traballei foi a capacidade que tiñan as artistas para se formaren a relación en paralelo co seu protagonismo na vida profesional. A arte inexistente rematou en 1995, ano que coincidiu coa primeira xeración de mulleres formadas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Foi entón cando se deu a posibilidade de formarse no propio país sen ter que ir a fóra.

"Aínda que a porcentaxe de mulleres que se licencian na Facultade de Belas Artes é do 70%, no ámbito profesional o protagonismo recae nos homes"

E cal é o resultado desa relación entre formación e protagonismo na vida persoal?

Os dados de formación de artistas da Galiza, e que son extrapolábeis a outros territorios do Estado, din que hai un 70% de mulleres que se licencian na Facultade de Belas Artes. Pola contra, no ámbito profesional o protagonismo recae nos homes, cunha porcentaxe de presenza dúas veces maior que o das mulleres. O protagonismo e presenza das artistas mesmo en grandes exposicións e coleccións é case testemuñal. Pode dicirse que a formación non foi parella coa visibilidade das artistas no ámbito profesional.

Como se estrutura a exposición?

A exposición comeza coas primeiras, Maruja Mallo e Julia Minguillón, que acceden á formación en Madrid grazas a unha bolsa da Deputación de Lugo. Maruja Mallo representa a vangarda e a muller moderna, mentres que Julia Minguillón reflicte a muller no réxime franquista, aquela que estaba recluída no fogar e que para se desenvolver tiña que ser docente. Precisamente, na Escola de Doloriñas representa ese mundo tranquilo, pacífico e suave, sen estridencias.

Despois, pásase a outras dúas salas que pasan revista a todas as artistas que traballan na época do franquismo. Parte da figuración, con María Antonia Dans, Marcela Ruibal e Elena Gago. E tamén está Elena Colmeiro como unha das renovadoras da cerámica. A partir dun elemento tradicional como é a cerámica, Elena Colmeiro crea unha obra de arte. A abstración está representada por Bea Rey, María Victoria de la Fuente e Fina Martiñán, unha muller, esta última, que vai estudar a París, expón a París e acada varios premios, pero que, cando regresa á Galiza, queda practicamente recluída no silencio e ten que dar clases para poder vivir. Non foi recoñecida e case non vendeu ningunha obra na súa vida. De aí que eu fale das mulleres que están no silencio.

Da década dos oitenta recóllese Menchu Lamas, a única muller do colectivo Atlántica. E xunto a ela poden verse María Xosé Díaz e Soledad Penalta. E logo xa se chega ao final con Berta Cáccamo, Ángela de la Cruz, Rosalía Pazo e Mónica Alonso e coa primeira promoción que saíu da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con Almudena Fernández e Tatiana Medal.

Que épocas abrangue a exposición?

Desde os anos trinta, aínda que hai algunha obra de Maruja Mallo algo anterior, até os anos 90 do século pasado.

"Hai un tema que me interesa moito, que é contar os contextos de cada unha das artistas"

En que cuestións fixo fincapé á hora de organización a exposición?

Hai un tema que me interesa moito, que é contar os contextos de cada unha das artistas. Non e unha exposición que se poida entender como unha mostra colectiva na que unha artistas se representa cunha obra. Eu tratei de buscar obras características da parte máis diferente das artistas. Poño como exemplo a María Antonia Dans, as obras elixidas son dos 60, cando a artista achega máis novidades e cando lle dá toda a importancia á cor.

A mostra requiriu entón un traballo de documentación importante.

Foi un traballo de moita investigación e documentación en arquivos e coleccións, porque hai obras de museos e coleccións, pero hai unha parte importante de obra que tiven que rescatar das coleccións das familias das artistas. É dicir, obras que non están nos museos nin en coleccións, senón que son patrimonio das familias. Así que é unha boa oportunidade para achegarse a pezas descoñecidas. Aliás, dentro da exposición, hai obras que estiveron en tres Bienais de Venecia e que son a Escola de Doloriñas (Xulia Minguillón), Os espantapeces (Maruja Mallo) e Pintura Uno (María Victoria de la Fuente). Hai obras que a xente vai coñecer, pero hai unha parte moi importante de artistas e de obras que ou ben non se coñecen ou ben se coñecen nun sitio moi reducido. Son perto de cen en total.