ORGANIZADAS POLA ASOCIACIÓN CULTURAL A POMBA DO ARCO

Foz acolle entre o 18 e 21 de abril as Xornadas “Sentirmos a Arte”

Foz acolle entre o 18 e 21 de abril as Xornadas “Sentirmos a Arte”
Inauguración do Mes da Arte da Mariña.
Inauguración do Mes da Arte da Mariña.  

O Cenima de Foz acolle unha exposición colectiva e, desde a próxima terza até a sexta feira, mesas de debate diarias sobre o momento actual da arte


A asociación cultural A Pomba do Arco organiza as II Xornadas “Sentirmos a Arte” no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, unha iniciativa que aglutina unha serie de actividades dos artistas plásticos mariñáns, entre as que destaca unha exposición colectiva de Adri Pardo, Carmen Llonin, Pilar Rei, Lucía Catuxo, Zili Katova, Cris Basanta, Lucía Vila, Eva Rivas, Alicia Puchades e Renata Otero. Ademais, a asociación focega propón unhas mesas de debate entre o martes e o venres ás 20.30 horas no salón de actos do Cenima (Centro de Interpretación da Mariña) nas que se abordará, como tema principal, o estado actual da arte.

"O oco que non acouga" é o título da primeira charla, a terza feira, que contará coa intervención de Jorge Salgado Cortizas, arquitecto recoñecido en mostras como a Bienal de Venecia de 2000,a Galicia XXI Architecture de Washington en 2004 ou o "Avance dunha continxencia" do CGAC de Compostela en 2007.

O coloquio da cuarta feira, no mesmo lugar e á mesma hora, correrá a cargo de Mercedes Rozas, licenciada en Xeografía e Historia, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e crítica de arte. Rozas participou tamén no catálogo da exposición "Mes da Arte da Mariña" e foi a comisaria das exposicións de Carlos Maside, Xulio Maside ou "Camiño de Volta", celebrada en 2016 na Casa da Parra. O debate xirará arredor da muller e a arte da resistencia. 

A quitna feira  é a quenda da fotografía como xogo creativo. Nela participará o mariñán Daniel Río Caxigueiro, un dos artistas plásticos máis destacados da súa xeración. Coñecido polos seus traballos no ámbito da cerámica e das instalacións, Caxigueiro ten tocado tamén o eido da fotografía artística. A palestra irá acompaña dunha proxección e explicación dalgunhas das súas fotos, onde están presentes os elementos procedentes da natureza e do cotián.

A última das charlas organizadas pola Pomba do Arco terá como convidada a Olga Osorio, fotógrafa e cineasta vencellada familiarmente á Mariña luguesa, e abordará o noso audiovisual. Osorio é unha recoñecida directora galega, merecedora de premios como o Mestre Mateo, o cine globe de CERN, en Suíza, ou o Cortisoni en Italia, en ambos os dous casos coa curtametraxe "Einstein-Rosen".



x