A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017
Martín Veiga [Foto: Kalandraka]
Martín Veiga [Foto: Kalandraka]  

O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.


O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12,30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami. 

casarosalia

O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que "historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista" e que "recentemente" vén de levar a cabo "importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica" da Casa-Museo.

Salientan que a Fundación Rosalía "historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista"

Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a "personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura". Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, "nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior". Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica 'Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies' e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas.

Martín Veiga é o director do Centro Irlandés de Estudos Galegos que se convertiu "nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior"

As súas publicacións de carácter académico céntranse principalmente en áreas de investigación como a literatura galega contemporánea –con especial atención crítica para a poesía–, a tradución literaria e a literatura deviaxes no ámbito ibérico. Entre outros, Veiga publicou numerosos libros sobre a vida e a obra do poeta Antón Avilés de Taramancos, con títulos como a monografía 'Escribir na multitude: A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos' (2014), as biografías'Antón Avilés de Taramancos' (2003) e 'Biografía sonora de Avilés de Taramancos' (2009, con Ana Romaní e Rodrigo Romaní), a edición anotada do poemario 'Cantos caucanos' (2003) e a edición do volume de ensaios 'Raiceiras e vento'.

A obra poética de Veiga figura en numerosas antoloxías e libros colectivos, tanto galegos como de fóra, e publicou cinco coleccións individuais, polas que recibiu importantes premios literarios. A partir do seu primeiro libro de poemas, 'Tempo van de porcelana' (1990), a súa traxectoria foise consolidando con títulos como 'As últimas ruínas' (1994, Premio Espiral Maior), 'Ollos de ámbar' (2005, Premio Esquío), 'Fundaxes' (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño) e 'Diario de Crosses Green' (2016), a través dos cales obtivo un amplo recoñecemento por parte da crítica especializada.



x