CICLO POETAS DI(N)VERSOS

Gamoneda e Dores Tembrás recitan na Coruña

Gamoneda e Dores Tembrás recitan na Coruña
O poeta Antonio Gamoneda.
O poeta Antonio Gamoneda.  

Un xigante vivo da poesía en castelán lerá os seus poemas a segunda feira na Coruña. Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) protagonizará con Dores Tembrás (Bergondo, 1979) a xornada mensual do ciclo Poetas Di(n)versos.
 


Dores Tembrás

Introducidos por Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), creadora e coordinadora do programa, Gamoneda e Tembrás xuntan voces xeracionalmente distintas aínda que, dalgún xeito, próximas no seu entendemento do que é un poema e o que é o silencio nun poema.

 

Autora de O pouso do fume (2011), Cronoloxía de urxencia (2014) e Auga através (2016), Tembrás recibiu, en palabras da organización, “un dos maiores consensos críticos dos últimos anos”. Ao seu labor poético engade o de editora e co fundadora do selo Apiario e “a docencia na escrita creativa”.

 

Na xa extensa obra de Antonio Gamoneda figuran libros como Blues castellano (1982), Libro del frío (1992), Arden las pérdidas (2003) ou La prisión transparente (2016). Influínte como poucos poetas en activo, recibiu os máis elevados premios outorgados nas letras españolas: o Nacional, o Reina Sofía e o Cervantes. En non poucas ocasións manifestou a súa admiración pola poesía galega contemporánea.

 

O recital de Poetas Di(n)versos será a segunda feira 19 de febreiro ás oito e media do serán no Centro Ágora da Coruña. As persoas interesadas poderán adquirir libros dos autores á venda nun posto dunha “libraría de proximidade”.

 

Nota: foto da poeta Dores Tembrás

 



x