CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

O decepcionante retorno de Green Day

O decepcionante retorno de Green Day

Tras catro anos de silencio, tras a nefasta triloxía “¡Uno!”, “¡Dos!”, “¡Tré!”,  volven de novo Green Day con “Revolution Radio”, un álbum que xerou moitas expectativas e cuxos adiantos deixaron bon sabor de boca. O propio Billie Joe dixo en twitter que a súa misión neste 2016 sería destruír a frase pop-punk para sempre, o que sen dúbida significaba unha volta de novo aos tempos do “American Idiot”, do “21st Century Breakdown”, porque obviamente sería moito pedir que volveran ao “Dookie”.

As expectativas desapareceron pronto, exactamente á terceira escoita do disco. Foi entón cando me veu a pregunta: “Catro anos para isto?” Tería sido moito máis honrado sacar un EP que un LP completo con catro temas bos e oito de recheo. Non se pode negar que o primeiro adianto do disco, Bang, Bang, é un explosivo temazo de punk rock, directo e sen concesións, que nos fixo crer que volvían Green Day na mellor das súas formas. O segundo adianto do disco foi Still Breathing, un medio tempo que rexorde nos retrousos e que vira  cara un estilo moito máis comercial e que se encargaba por si mesma de baixar o entusiasmo xerado polo anterior Bang, Bang.

As expectativas desapareceron pronto, exactamente á terceira escoita do disco. Foi entón cando me veu a pregunta: “Catro anos para isto?”

Xa co disco completo nas miñas mans, confirmáronse os meus temores. Temas comerciais e infumábeis entre o que se coan uns poucos temas que valen a pena. Somewhere Now,  é o tema de apertura e dende logo parece que non poderían ter elixido unha canción máis pop para iniciar e desanimar xa de inicio a quen lle dea ao play. Iso si, segue co espectacular Bang, Bang  e co sorprendente Revolution Radio, o tema que dá nome ao disco, que seguía na mesma onda deses Green Day que aínda sabían facer punk rock. 

Say Goodbye volve de novo á senda comercial, branda e de fácil escoita para unha radiofórmula. Continúa a tortura con Outlaws, unha balada triste autobiográfica que convida a pegarse un tiro ou a darlle ao botón de saltar canción. Bouncing Off The Wall, é outro dos temas que se salvan do disco. Un tema divertido e festeiro que se agradece despois dos depropósitos que se escoitaron anteriormente e de aí volven a levarnos á decepción coa xa coñecida Still Breathing.

Temas comerciais e infumábeis entre o que se coan uns poucos que valen a pena

Young Blood é o tema que  Armstrong adica a súa muller. Un tema deses que escoitas de fondo en calquera situación e pasa ao esquecemento, por ser excesivamente plano e predicíbel.  

Too Dumb To Die é outro dos temas que se salva do álbum, volvendo a eses Green Day que tanto me gustaran nos 90. Pero a realidade volve de xeito duro e o seguinte tema Troubled Times, igual que a excesivamente longa Forever Now, son toda unha demostración de quero e non podo. Falan duns Green Day que sabían facer boas cancións pero xa non lembran como facelo. E para pechar este despropósito, está Ordinary World, unha balada que reafirma que a banda xa non é o que era e que dende logo perderon o rumbo aínda de que cando en vez teñan algún momento de lucidez.

A espera de catro anos non mereceu a pena. Se van seguir nesta tónica, mellor que se adiquen a sacar singles cando teñan algún tema bon e que cando teñan un bo número deles, os xunten para completar un disco. 

 

LISTAXE DE TEMAS

1. Somewhere Now

2. Bang Bang

3. Revolution Radio

4. Say Goodbye

5. Outlaws

6. Bouncing Off the Wall

7. Still Breathing

8. Youngblood

9. Too Dumb To Die

10. Troubled Times

11. Forever Now

12. Ordinary World

 

GREEN DAY NAS REDES

WEB http://www.greenday.com

FACEBOOK http://www.facebook.com/GreenDay

TWITTER @GreenDay