FRANCISCO PILLADO, REPUBLICANO DE HONRA DA CRMH

"A Guerra condicionou totalmente a miña infancia"

"A Guerra condicionou totalmente a miña infancia"
Imaxes tomadas na Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior. Abaixo, cunha das carautas feitas por Castelao para a representación de 'Os vellos non deben namorarse' en Bos Aires.
Imaxes tomadas na Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior. Abaixo, cunha das carautas feitas por Castelao para a representación de 'Os vellos non deben namorarse' en Bos Aires.  

Francisco Pillado (A Coruña, 1941) recoñécese "emocionado e ilusionado" por ser nomeado Republicano de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. O escritor, xornalista e editor afronta un mes de abril no que será obxecto de varios actos de homenaxe na súa cidade. 


- Parabéns por este premio, que comparte con xente como o guerrilleiro Camilo de Dios, Isaac Díaz Pardo ou a investigadora Aurora Marco. Cal foi a súa contribución á causa da memoria histórica?
- Iso terían que dicilo outros, non me gusta moito falar de min. 

- Na asemblea da CRMH elixírono por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica". 
- Iso si, date conta que eu nacín en plena dictadura franquista. E na dictadura non podías expresarte con palabras, tiñas que recorrer ás ideas. Parece disparatado pero algunhas persoas coma min levabamos barba coma o Che Guevara, que era unha forma de expresarnos, ou fumabamos en pipa coma Sartre. Foron cousas que me condicionaron moito na mocidade. 

panchopillado-mascara

- O seu pai tamén puido merecer este premio. Viviu a presión e a censura franquista como xornalista e como director de La Voz de Galicia. 
- Si, por suposto, púidoo merecer, porque viviu uns anos moi complicados e moi duros pola censura. Date conta que el publicara un artigo no xornal en galego. E chamárao Fraga indignado, porque era de Manuel Espiña Gamallo, o primeiro sacerdote que misou en galego, e publicara unha carta preguntando por que non se podía misar en galego. E chamouno Fraga ao despacho, e alí se presentou meu pai. Aqueles eran os tempos que viviamos. 

- E tivo que pagar unha multa. 
- Si, pagou. Hoxe parécenos un feito disparatado, pero daquela era así. 

As primeiras persoas que romperon ese silencio foron dúas mulleres: miña nai e miña avoa.

- E vostede como viviu todo isto?
- Eu vivín unha infancia, xa o digo sempre, clandestina. Eu son fillo único ademais, e meu pai tiña un espírito moi protector, evitaba que eu fora descubrindo nada. Eu recordo que un día chegou meu pai a casa cuns papeis e amosoullos a miña nai dun xeito que parecían clandestinos, coa intención de que eu non me decatase. E un día fun mirarlle aqueles papeis mecanografados para ver que me estaba censurando a min, e empecei a lelos. E non atopaba nada malo. Logo, un día paseando con el digo "Y el sol capitán redondo lleva chaleco de raso" [versos de Lorca]. E quedou pasmado. Preguntoume de onde o sacara e pediume que non llo dixera a ninguén. Entón eu a partir daquilo empecei a ler, a ler e a ler. Parece case valleinclanesco de puro esperpento, pero era así. 

- Esta semana vai ser protagonista de varios actos de homenaxe. Entre eles, tamén vai ofrecer un relatorio na Academia Galega. Que nos contará alí?
- Falarei da miña traxectoria vital, explicando a censura que vivín. 

Eu a primeira carreira que fixen foi Maxisterio, porque eu escoitaba dicirlle a meu avó dicir: "A Guerra Civil foi unha guerra de curas contra mestres". Por iso eu tiña mitificados aos mestres. 

- Que censura viviu?
- Pois o que che contaba: non poder falar de certas cousas, ter que ler libros de xeito clandestino, etc. As primeiras persoas que romperon ese silencio foron dúas mulleres: miña nai e miña avoa. Meu pai era moi protector, e miña nai vivía na avenida de Navarra, e alí estaba o campo da Rata, que é onde fusilaban a xente. E ela sempre me comentaba chorando que ela non podía durmir cando estaba solteira porque oía pasar nos camións á xente que ían fusilar. E así era noite tras noite. Iso marcoume moito. A Guerra condicionou totalmente a miña infancia. 

- Exercendo a súa actividade cultural tivo algún problema deste tipo?
- Dalgunha maneira. Por exemplo, eu a primeira carreira que fixen foi Maxisterio, porque eu escoitaba dicirlle a meu avó: "A Guerra Civil foi unha guerra de curas contra mestres", era unha cousa que se dicía naqueles anos. Por iso eu tiña mitificado aos mestres. Porque isto parece unha fábula, pero eran anos moi condicionados polo silencio. 

 Hai meses en que non hai teatro na Coruña practicamente

- A súa gran paixón foi o teatro. 
- Si, o teatro e a música. A min encántame o teatro, pero tamén estudei moitos anos piano, e para min foi unha gran paixón, facía concertos na casa que tiñamos en Oleiros. O que pasa é que deixei o tabaco por prescripción médica, e empezaron a darme alerxias e tiven que deixar o piano. 

- E como ve a escena teatral galega de hoxe?
- Eu creo que o teatro está moi mal, pero non só a nivel galego, tamén a nivel xeral. Eu doei a miña biblioteca de teatro á Universidade da Coruña, e merco xornais, programas e todo o que se publique para ir enriquecendo esa biblioteca. Pois hai meses en que non hai teatro na Coruña practicamente. E os xornais non falan do que non existe. Desde logo a televisión foi decisiva, nese sentido, para o meu ver. De feito, na Coruña é moi raro que haxa cine xa, xa non digo teatro. E agora se queres en DVD podes ver a película que che dea a gana. 

A xulgar polos resultados electorais non podo ser moi optimista. Iso é o triste, pero non podemos ceder. O galego xa é minoritario entre a xente nova. A cousa está bastante mal. 

- Tamén foi editor moitos anos. 
- Si, dirixín Laiovento, fun fundador tamén. E era un momento moi complicado. Hoxe hai unha normativa de consenso pero naqueles anos non existía, eu apostaba polo reintegracionismo, porque era máis internacional. E na editorial puxen como condición que publicaramos sen ter en conta a normativa oficial, esa foi unha das cousas polas que se estivo acosando a Laiovento. Porque alí primaba a calidade, non a normativa. Iso marcouno todo. Logo teño que recoñecer que co paso do tempo custoume moito manter a editorial. Foi a razón pola que a deixei. Aínda hoxe se non presentas un libro non ten repercusión mediática. Entón tiñamos que percorrer moitos lugares de Galiza, e a min costábame moitos cartos. Entón claro, se non gañaba e aínda por riba tiña que poñer cartos... Esa foi a razón pola que o deixei. 

- Non o vexo moi optimista en cuestións culturais. 
- Son optimista, muller, pero eu falo dese momento histórico. Eu aposto sempre polos partidos renovadores, eu non podo apostar por partidos fundados por ministros de Franco. Eu sempre digo que os avós xa temos que loitar pensando nos nosos netos. O noso labor é comprometernos para que eles vivan nun mundo mellor que o noso. 

- Que cre que lle deixamos aos netos?
- Teño moitas dúbidas, porque -a xulgar polos resultados electorais- non podo ser moi optimista. Iso é o triste, pero non podemos ceder. O galego xa é minoritario entre a xente nova. A cousa está bastante mal. 



x