ENTREVISTAMOS DAVIDE SALVADO

"Hai poucos proxectos que sexan tan coherentes coma o meu"

"Hai poucos proxectos que sexan tan coherentes coma o meu"
Davide Salvado
Davide Salvado  

Chego a Liúlfe facendo o Camiño ao revés, escoitando e cantaruxando Lobos -o seu último disco-, coa idea de comprobar se é certo que Davide Salvado vive como canta. Compartir conversa con el no seu entorno, no que el chama a súa “coherencia”, permite ir alén da súa imaxe de enfant terrible da música galega, aínda que en ningún momento deixe de selo. Deixamos un extracto da entrevista que publicamos no número 245 de Sermos Galiza.


Tiña a impresión, e acabo de confirmala, de que non só cantas folclore e música da terra, senón que fas diso, do achegamento á terra, unha forma de vida.

Si, eu creo que é a única maneira de poder cantar como me transmitiron a min as mulleres sempre que as gravei. Tiñan animais, tiñan horta, vivían no campo, co campo e do campo. Penso que forma parte desa emoción que nos gusta escoitar e que recoñecemos como algo moi propio da música galega. Creo que é importante para chegar aí. Interésame máis esa parte que a métrica das cancións. E penso que para entendela ben hai que vivir no rural e estar conectado dalgunha maneira con esta Galiza.

6Como chegaches á música tradicional?

Desde moi pequeno sempre me gustou falar cos maiores, e logo xa cando medrei un pouco empecei a interesarme polos documentais de antropoloxía, sobre todo os das tribos de África. Podía estar horas véndoos. E cando estudaba Agropecuarias coñecín unha rapaza de Carballo que tocaba a pandeireta, porque llo ensinara a súa nai e a súa avoa. E aí flipei, eu non sabía nada diso. Así que visitei algunha paisana con ela e descubrín, de súpeto, que todo aquilo que me gustaba dos documentais o tiña a carón da casa e que era parte da miña cultura. Así que dirixín toda a miña vida cara a iso e empecei a tocar. 

Teño a sensación de que boa parte do teu éxito se explica porque fas contemporánea a tradición.

É unha sensación que eu tamén teño, pero non é consciente. É un produto do que son eu, do que vivín desde neno até agora. Eu quero que sexa coherente coa miña perspectiva. Moderno, contemporáneo, actual? Si, porque vivimos nesta época, temos Internet para ver o que pasa no mundo.

A raíz do Premio Martín Códax na categoría de música tradicional que vés de gañar, xerouse unha pequena polémica sobre se o que fas é trad ou folc.

Eu defendo que fago música tradicional. E, polo que vexo, hai poucos proxectos que sexan tan coherentes coma o meu. Eu vivo no rural, canto sobre todo en galego, a partir de recollidas miñas ou doutros, arranxo cousas, ao igual que facían as mulleres de antes coas posibilidades que tiñan. Elas conseguían unhas vieiras e xa innovaban. Eu penso que nunca estivo parada a cultura musical galega. A tradición oral precisamente está viva porque é oral, porque se move e vai pillando cousiñas polos sitios polos que pasa. Paréceme tremendo que haxa xente que queira conxelar a cultura no sitio que lle mole. Estar con este discurso agora mesmo é dun minifundismo mental tremendo. Sería sancionábel para min, se eu estivese a cargo dun ministerio [risos]. A min gústame observar o pasado, pero máis me gusta que estea vivo. E coller o mellor do pasado, porque hai cousas que non me gustan nada.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 245 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x