ALBUMS DE AQUÍ E ACOLÁ / ÁNXELA BALTAR

“Hevi é o artista máis grande de Galiza”

“Hevi é o artista máis grande de Galiza”
Bala.
Bala.  

O segundo disco de Bala chámase Lume (2017). E un incendio é o que provoca sobre o escenario este dúo de guitarra e batería. A súa aliaxe de hardcore metálico, punk pétreo e electricidade acoirazada coas vísceras á vista impacta a propios e estraños. Tan estraños que xa xiraron por Australia, Estados Unidos ou Xapón.


malandrómeda - os 48 nomes do inimigo (2016)

Anxela Baltar, guitarrista e voz, é a metade de Bala. Contra prexuízos relacionados coa intensidade estática da música que factura canda Violeta Mosquera (batería e voz), Baltar escolle Os 48 nomes do inimigo como o seu disco galego de referencia. Os autores, Malandrómeda, outro dúo, capitaneado polo Hevi.

 

Hevi é o maior artista de Galiza, o máis grande”, afirma sen dubidar. Os 48 nomes do inmigo, publicado en 2016 ao tempo que Cada can que lamba o seu carallo, supuxo a consagración crítica e popular dun segredo a voces: o hip hop máis avanzado, ou tal que así, producíase en Compostela baixo o mando dun home que non dá entrevistas e rima sobre a dislocación da modernidade, subverte a cultura pop ao cruzala coa popular e leva a sabedoría rítmica a dimensións inexploradas.

 

“Saíron os dous discos xuntos”, lembra Ánxela Baltar, “mais, para min, Os 48 nomes... é máis especial, máis persoal, máis escuro e menos bailongo que Cada can... Atráeme máis”. O díptico, editado en vinilo, transcendía o hip hop e internábase na selva global das músicas de baile e os baixos inchados. A crítica especializada do Estado á fin atendeu. Por caso, a revista catalá Rockdelux elexiunos como o mellor do ano 2016.

 

rosalía - los ángeles (2017)

Tampouco na súa opción internacional cumpre as expectativas obvias. “Rosalía ten unha forza na voz incríbel. Non son capaz de escoitala sen que me trema todo o corpo”, explica. A cantante catalá é a autora de Los Ángeles, un dos discos máis salientados polos medios de comunicación ao longo do ano pasado. A súa aproximación ao flamenco desatou, ademais, controversias de maior ou menor fondo.

 

“Achega o xénero á xente que, se non, nunca se achegaría a el”, opina Anxela Baltar. Que sobre expectativas a respecto dos discos escollidos só responde: “Non teñen absolutamente nada que ver co que facemos nós, pero é que escoitamos de todo. E o de Malandrómeda e o de Rosalía son para min dúas obras mestras”. La Plata ou Futuro Terror son bandas que tamén escoita Baltar e que non difiren de maneira tan extrema dos territorios de Bala.



x