XIAO BERLAI PRESENTA O SEU 1º DISCO, 'DESCONHECIDO'

“É a historia do meu tío, mais repítese moitas veces no rural galego”

“É a historia do meu tío, mais repítese moitas veces no rural galego”
Xiao Berlai, líder da banda; Rafa Xaneiro, de Axóuxere Editora; e Ernesto G.Torterolo na presentación de 'Desconhecido' na libraría Komic. [Foto: Carlos Rey]
Xiao Berlai, líder da banda; Rafa Xaneiro, de Axóuxere Editora; e Ernesto G.Torterolo na presentación de 'Desconhecido' na libraría Komic. [Foto: Carlos Rey]  

‘Desconhecido’ é o primeiro libro-disco de Berlai, o proxecto musical impulsado por  Xiao Berlai, ex membro de Fía na Roca, que se bota a cantar por primeira vez. Un produto que se constrúe nun formato moi coidado e que enfía o texto e o son cunha banda deseñada a cargo de Ernesto G. Torterolo, que alimenta o disco e que recrea unha historia real, emotiva e vencellada ao rural galego. Preséntase en directo o día 30 de novembro na compostelá sala Riquela.
 
 


- Como nace a idea do ‘Desconhecido’?
- Xiao Berlai: Nace coa historia dun tio-avó meu que se chamaba Alfonso e morreu no 2010. Eu nunca compuxera temas vocais, soamente instrumentais. Mais el era unha persoa importante para min e foi despois do seu falecemento cando escribín o primeiro tema do ‘Desconhecido’. Pediumo o corpo. Fíxeno como un impulso necesario. Mais a canción quedou aí. Dous anos despois comecei a compoñer algúns temas máis cantados e a plantexarme a idea de facer algo dedicado a Alfonso. Entón falei con Ernesto.
- Ernesto Torterolo: Cando me mandou os temas pensei que era un disco-libro infantil. De aí naceu a idea de contribuír a narrar unha historia. A partir de aí, cando coñeces o suceso e es consciente de que é para adultos esa necesidade narrativa cobra máis forza. Decantámonos pola banda deseñada para contala.

- Por que a banda deseñada para enfiar texto e música?
- E.T: Vimos a necesidade de que o debuxo tiña que achegar algo á historia e axudar a narrala. A banda deseñada parecíanos un bo medio para facer iso. Aínda que o disco funciona de maneira totalmente autónoma, queríamos que coa imaxe se enriquecera e adquirira máis dimensións. Tamén tentamos que os debuxos funcionaran de maneira autónoma sen ter que acudir ao disco. 
 
- Os debuxos están en branco e negro agás o xersei -o elemento simbólico da historia- que é azul. Ao igual que o título do libro e os ollos cheos de bágoas do protagonista ao final da historia. Que hai detrás da cor azul?
- X.B: Naceu da cor dos ollos de Alfonso. É unha cor que funciona ben estéticamente e aparece nos momentos máis significativos da historia. 
- E.T: Buscamos un recurso narrativo e simbólico para toda  historia. O xersei foi un elemento que se utilizou para enfiar toda a historia e amosar a presencia da muller a través dun obxecto. Ademais, esta vestimenta estaba na propia historia de Alfonso.

Eu nunca compuxera temas vocais, soamente instrumentais. Mais el era unha persoa importante para min e foi despois do seu falecemento cando escribín o primeiro tema do ‘Desconhecido’.

- En ‘Far West’ -unha das primeiras cancións do libro- escóitase o himno galego. Eu aí tamén vin cor azul.
- E.T: Si. A cor azul tamén é por iso.

- Por que introducir esta melodía?
- X.B: Para fozar na ferida. Dándolle voltas ao himno e baseándonos no libro ‘Far West’ de Carlos Negro, quixemos ‘ensuciar’ tanto a banda deseñada como a música.  Nos debuxos mesturamos un salón cunha taberna da aldea. Pretendemos ‘ensuciar’ a televisión que é ese ‘Far West’ que mancha a realidade e un final no que se queima a pianola, buscando un paralelismo coa vida do protagonista. Para min Alfonso era coma un apache que se meteu na súa reserva. Por iso metín esa canción. Mais non só por amor, senón tamén por vinganza á propia sociedade e ás normais sociais. 
- E.T: ‘Far West’ coloca a historia que se vai narrar no contexto. De feito, nese tema tamén aparece a bandeira galega nunha das viñetas cunhas características simbólicas que axudan a ‘ensuciar’ esa idea dun contexto fronteira entre o rural e o urbano.

- Ese foi o sentido no que o poemario de Negro influíu na historia? Tamén o citas ao final nos agradecementos.
- X.B: Lin o poemario tempo antes de compoñer o disco por recomendación de Ernesto. Relino varias veces. Cando comecei a facer as cancións para o proxecto do ‘Desconhecido’ botaba en falta a contextualización. Nese sentido,  o libro de Carlos veume fenomenal.  Mais loxicamente hai cousas que menciono nas cancións e que Carlos non trata. Carlos tende a un bardo máis feminino. 
  
- Tanto nas imaxes como nas cancións a natureza é moi importante. Fundamentalmente  a presenza do río e dos insectos. 
- E.T:  O dos insectos xurdiu a través dos temas. Nalgún dos casos até se utiliza como elemento narrativo como é o caso do vagalume, que me serviu para narrar parte da historia. Tamén son elementos simbólicos tendo en conta o vínculo coa natureza.
- X.B: Gústame moito meter  aos insectos nas cancións. Ademais, Alfonso nunca nos deixaba entrar na súa casa. Os insectos eran importantes tendo en conta ese imaxinario de como vivía.  En canto ao tema do río, a miña familia está estendida nos concellos de Guntín, Lugo e Portomarín, por iso sempre cruzamos o río Ferreira. Este río cando descende dá un aspeto de ‘gran canón’. 
 

Na tradición galega hai un compoñente sexual moi grande. A min gústabame iso ser realmente explícito. De ser porco.

- Relacionado coa natureza, o corpo está presente desde o comezo até o final da historia. Sobre todo os ollos e as mans.
- E.T: Nun primeiro momento non queríamos amosar o rostro do ‘Desconhecido’, tamén para subliñar esa idea de descoñecido. Un xeito de contar a historia e amosar emocións e sentimentos era a través de ollos e de mans. 

- En concreto a alusión ao sexo. Exemplificada tanto na banda deseñada como nos versos: “comendo na túa vieira” ou “lembro as tuas unhas polo meu escroto”.
- X.B: Na tradición galega hai un compoñente sexual moi grande. A min gústabame iso ser realmente explícito. De ser porco. Entre outras cousas, meu avó e o meu tío eran bastante porcos nestes temas. Sempre había  bromas co sexo polo medio. Lembro que meu tío sempre me chiscaba un ollo. A sexualidade en min é algo natural. 
- E.T: Tamén é unha maneira moito máis natural de achegar á sociedade. Introducilo dentro dunha historia de amor era o máis natural. Unha das cousas que máis me interesaron da poética do disco é precisamente esa mestura do máis porco e o máis lirico. Esa mestura que en definitiva é a vida.

Unha das cousas que máis me interesaron da poética do disco é precisamente esa mestura do máis porco e o máis lirico. Esa mestura que en definitiva é a vida.


- Ademais da carga erótica  este é tamén un libro de denuncia. En ‘Só queria repetir’ dis: ‘não quero polícia….não quero militares’. Neste sentido, o verso ‘Aperto os dentes’ repítese en varias ocasións. Que querías reflectir?
- X.B: A policía e os militares ao meu tío tampouco é que lle afectaran moito.  Refírome a ir contra o poder establecido. Neste caso,  ‘apertar os dentes’ no sentido de que o ‘tragou’ e a súa decisión foi outra.  Nos momentos de loita e denuncia tivo que ter esa sensación. Eu amplío isto tamén aos policías e aos militares. É un momento de inflexión. O momento máis ‘cañero’ do disco.  

- De feito, hai unha viñeta dun ollo que ocupa toda unha páxina e dá a impresión de que quere saír do formato papel para implicar ao lector.
- E.T: Non conscientemente. Mais interésame esa lectura de implicación. É o bonito tamén cando fas algo. Que se poida facer esa lectura alégrame porque tamén me gustaría que fose unha chamada ao lector e unha implicación.

- En ‘Abro a janela’ aparecedes debuxados os membros de Berlai.  Que significado ten este capítulo en relación á historia narrada?
- E.T: Xiao comentoume a posibilidade de integrar os membros dentro da banda deseñada ao final, como aparecen en moitos libros. A min iso non me gustaba, así que tentei metelos dentro. Nesa secuencia hai unha evolución cara a noite. Quixemos metelos nunha especie de segundo plano que desemboca na cea e o baile. Que mellor para bailar que os músicos.

O paxaro é a maneira de achegarse á namorada, máis tamén a liberación

- Contra o final da historia, debido á tristeza que lle causa a ausencia da namorada o protagonista convértese nun paxaro.  A partir de aí vive coma o animal. Por que un paxaro?
- E.T: Precisábamos contar a explosión do personaxe cando lle saen todos eses insectos da cabeza. E, con isto, a expresión de ‘ter paxaros na cabeza’. El queda ancorado á terra pero ese paxaro consegue voar e achegarse a ese ao seu desexo. De feito, aparecen as mans femeninas outra vez. É a maneira de achegarse ao que el non pode. 
- X.B: É o momento de liberación. Sacar eses paxaros da cabeza e voar.

- Nunha das viñetas da banda deseñada aparece o libro ‘De catro a catro’ de Manuel Antonio.
- X.B: Nos primeiros bocetos que lle pasei a Ernesto facía referencia a poemas de Manuel Antonio. Alfonso sempre facía rimas, por iso o quixemos basear en Manuel Antonio.
- E.T: Ademais, Manuel Antonio no seu momento era unha obra totalmente vangardista. É un referente para nós e pensamos que podería enriquecer ao personaxe de Alfonso. Porque aínda que é unha personaxe real a obra está feita dun xeito literario.

- A través da plataforma Verkami conseguistes 4.000 euros para financiar o proxecto. Por que elixistes unha campaña de 'crowdfunding'?
- X.B: Ao comezo non sabíamos canto ía custar. Escribinlle a varias imprentas para facer un orzamento e non nos responderon. Por outro lado,  queríamos facer  unha especie de promoción. Decantámonos por esta plataforma porque era a máis barata e porque está centrada en 'crowdfunding' artísticos.

- Aludes ao teu tío na dedicatoria final, onde aparecen unhas botas -as protagonistas do último capítulo-
- X.B: As botas son o colofón do libro. A idea do descalzo. Unha maneira de compartir a historia e desvestir as súas botas. Pretendía dar a imaxe de que é real, sen poñer baseado en feitos reais. Quería compartir a experiencia que tiven con el porque unha vez que a narras xa non precisas esas botas porque xa as levas integradas. Ademais, por outro lado, é a historia do meu tío, mais repítese moitas veces no rural galego. Esa persoa que vive soa e que é unha descoñecida.