NOVENA EDICIÓN DA FEIRA

Xa está aquí o Culturgal, o maior escaparate da cultura galega

Xa está aquí o Culturgal, o maior escaparate da cultura galega
Imaxe do equpo do Culturgal 2014, co seu director, José Aldea, á dereita.
Imaxe do equpo do Culturgal 2014, co seu director, José Aldea, á dereita.  

Hoxe, no Pazo de Cultura de Pontevedra, abre as súas portas o Culturgal, o maior evento da cultura galega que decorrerá durante toda a fin de semana e que xa concentra arredor de si a maioría das novidades do libro, da música ou do audiovisual que se producen ao longo do ano.


Hoxe sexta feira comeza a novena edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais Galegas que se converteu no máis importante escaparate de produtos culturais. Concertos, presentacións de libros, sinaturas de discos, eventos profesionais... e o maior espazo de networking para as nosas artes. Como din eles mesmos, “se gozas da cultura, tes que vir, se traballas na cultura, tes que estar”.

Unha feira que afianzou nos últimos anos un modelo de corresponsabilidade que supuxo un avance na consolidación do proxecto dado que “garante a viabilidade da feira no futuro ao fixar un equilibrio compartido no financiamento, que procede nun 60% das administracións e un 40% de público e empresas”, segundo José Aldea, director do evento. 

A literatura, o cerne da feira

A forza do sector do libro será patente unha vez máis na feira. Alí poderemos atopar boa parte dos escritores e escritoras con obra recente: desde Inma López Silva a Xosé Monteagudo, pasando por Ismael Ramos, María Lado, Teresa Moure, Carlos Taibo, Marilar Aleixandre ou Manuel Gago. 

Outro dos protagonistas da feira será Agustín Fernández Paz. O stand de Xerais estará dedicado a el e presentará a edición especial “100.000 exemplares” de 'Cartas de inverno'

Haberá conversas sobre novela histórica, presentación de novas coleccións -como a de 'Mulleres bravas' de Urco Editora- e tamén poderemos coñecer os flamantes gañadores de varios premios, como Daniel Asorey (Repsol), Ledicia Costas (Lazarillo), Miguel Sande (García Barros), Manuel Esteban (Xerais), Iria Misa (Jules Verne) ou David Pérez Iglesias (Merlín). 

Outro dos protagonistas da feira, cinco meses despois do seu pasamento, será Agustín Fernández Paz. O stand de Xerais, a súa editora, estará dedicado a el e presentará a edición especial “100.000 exemplares” de Cartas de inverno, o libro de ficción máis vendido da literatura galega, só por detrás doutro clásico, Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. 

Programa musical

Budiño-womex14-Janite-01

A música será, xunto coa literatura, a raíña do Culturgal. O primeiro gran espectáculo terá lugar na sexta feira da man de SondeSeu Orquestra Folk, que cumpre 15 anos e contará con Rosa Cedrón e o Orfeón de Treixadura de convidados no escenario. E o protagonista da noite do sábado será Xosé Manuel Budiño, que celebra os 20 anos do seu primeiro traballo, cunha reedición en formato libro-disco daquel Paralaia e un espectáculo no que contará con Mercedes Peón como convidada especial. 

Alén dos concertos de SondeSeu e Budiño, poderemos catar boa parte dos novos proxectos musicais que foron xurdindo ao longo do ano.

Alén disto, tamén poderemos catar boa parte dos novos proxectos musicais que foron xurdindo ao longo do ano. É o caso de Gelria e os seus Cantos de poeta, no que musican poemas escollidas de toda a historia da literatura. Ou Sonia Lebedynski, que presenta o seu primeiro traballo en solitario, ao igual que Berlai, que nos trae un CD/BD cunha historia do “Far West galaico”, ou o Sindicato da Noite. E moitos máis: Os Amigos dos Músicos, Silvia Penide, Xoán Curiel, Coro Cantigas, o novo de Eladio y Los Seres Queridos, Ezetaerre, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel ou Zurrumalla. Outras artistas máis consolidadas, como Ses ou Guadi, estarán asinando os seus novos discos. 

As crianzas mandan

Boa parte da programación da feira ten aos máis pequenos como público obxectivo. E unha das ofertas máis buscadas será a terceira entrega de María Fumaça, Aire, en formato libro-disco, acompañado nesta ocasión por un concerto na mañá do domingo con ducias de artistas. Pero haberá moito máis: un espazo permanente para xogos e xoguetes tradicionais e unha bebeteca, alén dunha chea de actividades, concerto de Pablo Díaz co seu 'Tic tac toc', obradoiros de todo tipo de caste para promover a súa creatividade, etc. 

Outro dos grandes atractivos será o programa 'Ciencia á feira' que achega a Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia e a Misión Biolóxica de Galicia

Outro dos grandes atractivos desta edición será o programa Ciencia á feira que achega a Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia e a Misión Biolóxica de Galicia, que terá lugar na sexta feira e no sábado. 

Cinema

Haberá cumprida presenza do audiovisual na feira. E será unha boa oportunidade para ver os documentais Camilo, o último guerrilleiro, Torre de Breoghán (o último proxecto de Luar na Lubre coa Orquestra Sinfónica) ou Os días afogados. E tamén a longametraxe de ficción Lobos sucios, un filme sobre a posguerra e o wolfram en Galiza.

Expo 'Pegadas na terra'

A arte contemporánea estará presente no Culturgal 2016 a través de Pegadas na terra, unha mostra colectiva comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral na que 18 artistas se achegan á natureza. Participan, entre outros, Maribel Longueira, Xurxo Oro Claro, Fran Herbello, Carla Andrade e Xoán Cerviño. 

Xornadas profesionais

Se es un/ha profesional da cultura, tes que estar. Por exemplo, Escena Galega celebra na sexta feira as súas xornadas profesionais, ao igual que AGAPI ou a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, que realizará alí a súa asemblea. Tamén estará presentes unha manchea de cooperativas culturais, tanto con stand propio como agrupadas dentro do Consello Galego de Cooperativas.